Os hidróxidos[1] son un grupo de compostos químicos formados por un metal e un ou varios anións hidroxilos. O hidróxido, combinación que deriva da auga por substitución dun dos seus átomos de hidróxeno por un metal, está presente en moitas bases. Non debe confundirse cun hidroxilo, o grupo OH formado por un átomo de osíxeno e outro de hidróxeno, característico dos alcois e fenois. Antigamente os hidróxidos dos metais alcalinos e do amonio eran coñecidos co nome de álcalis, pero este termo tras a implantación da nomenclatura moderna úsase máis para denominar a calquera substancia que presenta carácter alcalino.

Anión hidróxido.
Gráfico do anión hidróxido.

Formulación editar

 
Hidróxido de cobalto (II)

Os hidróxidos formúlanse escribindo o metal seguido do grupo dependente coa base dun ión de radical adecuado con hidroxilo; este vai entre paréntese se o subíndice é maior dun. Noméanse utilizando a palabra hidróxido seguida do nome do metal, con indicación da súa valencia, se tivese máis dunha. Por exemplo, o Ni(OH)2 é o hidróxido de níquel(II) e o Ca(OH)2 é o hidróxido de calcio (véxase nomenclatura química).

As disolucións acuosas dos hidróxidos teñen carácter básico, xa que estes se disocian no catión metálico e os ións hidróxido. Isto é así porque o enlace entre o metal e o grupo hidróxido é de tipo iónico, mentres que o enlace entre o osíxeno e o hidróxeno é covalente. Por exemplo:

NaOH(aq) → Na+(aq) + OH-

Os hidróxidos resultan da combinación dun óxido básico coa auga. Os hidróxidos tamén se coñecen co nome de bases. Estes compostos son substancias que en solución producen ións hidroxilo.

Clasificación editar

Na clasificación mineralóxica de Strunz englóbanse dentro do grupo dos óxidos, aínda que hai bibliografías que os tratan como un grupo á parte.

Os hidróxidos clasifícanse en básicos, anfóteros e ácidos. Por exemplo, o Zn(OH)2 é un hidróxido anfótero xa que:

  • con ácidos: Zn(OH)2 + 2H+ → Zn2+ + 2H2O
  • con bases: Zn(OH)2 + 2OH → [Zn(OH)4]2−

Nomenclatura editar

Son, pois, compostos ternarios formados por un elemento metálico, osíxeno e hidróxeno (estes dous últimos elementos forman un grupo chamado oxhidrilo ou hidroxilo). Exemplos:

  • NaOH Hidróxido de sodio
  • CuOH Hidróxido cuproso (terminación "oso" para a menor valencia do metal)
  • Cu(OH)2 Hidróxido cúprico (terminación "ico" para a maior valencia do metal)

Tamén hai outra nomenclatura: numerais de stock

  • CuOH Hidróxido de cobre(I)
  • Cu(OH)2 Hidróxido de cobre(II)
  • Fe(OH)3 Hidróxido de ferro(III)

Débese buscar a valencia dos elementos na táboa periódica. É o número que hai que pór entre paréntese.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Hidróxido.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar