Heroe do Traballo Socialista

Heroe do Traballo Socialista (en ruso Герой Социалистического Труда, transliterado como Geroi Sotsialisticheskogo Truda) era un título honorífico na Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, a máxima distinción para progresos excepcionais na cultura e economía do país. Creado o 27 de decembro de 1938 por decreto do Presídium do Soviet Supremo, era entregado polo mesmo Presídium a quen tivera contribuído ó desenvolvemento da industria, agricultura, transporte, tecnoloxía e comercio soviéticos, potenciando así o poderío e a gloria da Unión. Só o Presídium podía retirarlle o título a alguén.

Medalla.

Aos heroes do traballo socialista éralles outorgada a Orde de Lenin, unha das máis altas condecoracións outorgadas pola Unión Soviética, así como un diploma do Presídium do Soviet Supremo. Co obxecto de distinguir especialmente os portadores da distinción, o Presidium introduciu a medalla de ouro Fouce e Martelo o 22 de maio de 1940. Pasouse a entregar entón a medalla xunto coa Orde de Lenin e o diploma correspondente. A medalla sempre se leva sen cinta, ó igual que a medalla ó Heroe da Unión Soviética.

Se un heroe do traballo socialista volvía a ser merecedor da distinción, outorgábaselle unha segunda medalla Fouce e Martelo. Adicionalmente, construíase na cidade natal do dobre heroe unha escultura do seu busto en bronce para celebrar a ocasión. Para o 1 de setembro de 1971, 16 245 persoas foran premiadas co título de Heroe do Traballo Socialista. Á súa vez, 105 persoas recibiran dúas ou máis medallas Fouce e Martelo.