Helena

filla de Zeus e Leda, princesa de Troia

Helena (en grego Ἑλένη Helénē), ás veces coñecida como Helena de Troia ou Helena de Esparta, é un personaxe da mitoloxía grega. Filla de Zeus e de Leda, aínda que Tindáreo era o seu pai humano. Foi seducida ou raptada por Paris, príncipe de Troia, acto que deu orixe á guerra de Troia.

Infotaula de personaHelena

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(grc) Ἑλένη Editar o valor em Wikidata
CelebraciónMitoloxía grega Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeTeseo
Deífobo
Paris
Menelao
Aquiles Editar o valor em Wikidata
ParellaParis
Linceu (pt) Traducir
Corythus (en) Traducir
Idas (pt) Traducir
Aquiles
Enarephoros (en) Traducir
Theoclymenus (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
FillosIfixenia
 () AgamenónClitemnestra
Idaeus (en) Traducir
 () Paris
Nicostrato (pt) Traducir
 () Menelao
Bunicus (en) Traducir
 () Paris
Aganus (en) Traducir
 () Paris
Helena (en) Traducir
 () Paris
Thronius (en) Traducir
 () Menelao
Aethiolas (en) Traducir
 () Menelao
Hermíone (pt) Traducir
 () Menelao
Corythus (en) Traducir
 () Menelao
Pleisthenes (en) Traducir
 () Menelao
Morraphius (en) Traducir
 () Menelao
Euforião (pt) Traducir
 () Aquiles Editar o valor em Wikidata
PaisZeus Editar o valor em Wikidata  e Leda Editar o valor em Wikidata
IrmánsCastor (pt) Traducir, Pólux (pt) Traducir e Clitemnestra Editar o valor em Wikidata
Cráter ático de figuras vermellas (detalle da cabeza de Helena). 450-440 adC. Museo do Louvre, París.

Lenda editar

Homero estableceu a súa xenealoxía, que se foi complicando con elementos de todo tipo ata ser realmente complexa, así como a súa traxectoria vital. Foi froito da violación do deus Zeus á princesa Leda, filla de Testio, rei de Etolia, e de Eurítemis [1]. A lenda conta que Zeus adoptou a forma de cisne para unirse a Leda, pero a mesma noite Leda xaceu co seu home, Tindáreo. Pasado o tempo, puxo dous ovos dos que naceron Cástor e Clitemnestra, dun ovo, e Pólux e mais a propia Helena, do outro ovo [2]. Os dous primeiros (Cástor e Clitemnestra) serían fillos de Tindáreo e, por conseguinte, mortais, mentres que os segundos (Pólux e Helena) serían fillos de Zeus e, por tanto, inmortais [3].

Pero outra variante conta que a quen Zeus perseguía era Némese, deusa da xustiza (e da vinganza). Esta transformouse en ganso para fuxir de Zeus, pero este cubriuna igual, transformado en cisne. Némese puxo un ovo, pero abandonouno nun bosque sagrado. Un pastor atopou este ovo e deullo a Leda, que o gardou nun cofre. Do ovo naceu Helena, que Leda adoptou como filla súa [4].

Aínda existen máis variantes do mito, que fai a Helena filla de Océano ou filla de Afrodita.

Cando aínda era meniña, con 12 anos [5], Helena foi raptada polo heroe Teseo, rei de Atenas, e o seu compañeiro Pirítoo, cando ela estaba ofrecendo un sacrificio. Botárona a sortes e correspondeulle a Teseo (ou ben Teseo escolleuna para si) pero os atenienses non a aceptaron na cidade, polo que tivo que levala onda a súa nai, Etra, e confiala ó seu coidado ata que alcanzase a maioría de idade [6]. Pero os irmáns de Helena, os Dióscuros Cástor e Pólux, foron liberala, destruíron a cidade onde a tiñan cativa e, de por parte, capturaron prisioneira á nai de Teseo, e a Fisadia, irmá de Pirítoo, e entregáronnas a Helena como escravas.

Matrimonio con Menelao editar

Tras estes feitos, o pai de Helena, Tindáreo, decidiu casar a filla, pero cando anunciou a súa intención, unha chea de pretendentes acudiu á Lacedemonia para pedir a man de Helena desde tódolos puntos de Grecia. O número de pretendentes de Helena varía segundo os distintos autores: algúns falan de 29 pretendentes (Graves), para outros foron 32 (Apolodoro III, 10.8) ou 36 (Hixino, 8.1, que engade: "Os antigos mencionan outros"), pero hainos que elevan esta cifra ata os 99 [7].

Tindáreo temía a reacción dos príncipes que foran rexeitados e que o seu descontento puidese dar lugar a conflitos e mesmo unha guerra contra o elixido ou contra el mesmo, así que, seguindo o consello de Odiseo [8], esixiu a todos que, baixo xuramento, se comprometesen a respectar a decisión de Helena e acudir na axuda do pretendente seleccionado en caso necesario. Odiseo pediu como recompensa a man de Penélope, filla de Icario [9].

Helena elixiu a Menelao [10], rei de Esparta, e o resto dos pretendentes tivo que someterse. Co tempo, Menelao reclamaría o cumprimento daquel xuramento para recuperar a Helena cando foi raptada por Paris de Troia.

Helena e Menelao tiveron unha filla, Hermíone e posiblemente un fillo, Nicóstrato, pero este parece ser que naceu cando regresaron de Troia.

Rapto de Helena editar

 
Detalle central do cadro Os amores de Helena e Paris (Jacques-Louis David, 1788, Louvre)

Tempo atrás, Paris ditaminara que Afrodita era a deusa máis fermosa entre todas, no coñecido como Xuízo de Paris, por riba de Atenea e Hera, que pretendían tamén ese nomeamento. Afrodita, para facerse coa vitoria, ofrecera a Paris entregarlle como recompensa a muller máis fermosa do mundo [11] Esta muller era Helena, e a elección ganoulle a Paris a inimizade eterna de Hera e Atenea, inimizade que se estendeu á cidade de Troia, na que ámbalas deusas loitaron xunto ós gregos.

Ó cabo de nove anos [12], Paris foi a Esparta en misión diplomática, se ben a lenda conta que foi todo a instancias de Afrodita; de feito, Afrodita fixo que ventos favorables o levasen sen problema a Esparta. Menelao recibiuno cordialmente pero tivo que marchar axiña de palacio, de modo que Helena e Paris quedaron sós. A partir de aquí cambian de novo as versións do que pasou: Homero di que ela foi raptada á forza, pero autores posteriores din que marchou voluntariamente con el [13]. A riqueza de Helena tamén puido xogar un papel nesta historia, pois levou consigo tesouros [14] e cinco escravas [15]. O caso é que o rapto ou a fuxida de Helena tivo lugar a mesma noite que Menelao se ausentou de palacio, e que ela se entregou xa na primeira escala, na illa de Cránae [16].

O regreso a Troia foi rápido e con ventos favorables, segundo as versións máis antigas, pero non así nas modernas. Dise que o barco foi desviado por unha tormenta enviada por Hera ata Sidón (en Fenicia), onde Paris saqueou a cidade e o palacio para logo seguir ruta (aínda que o rei os recibira con regalos). Outra versión explica que Hermes, por orde de Hera ou de Zeus, transportou a Helena ata Exipto, onde a confiou ó rei Proteo, á vez que a deusa fabricou unha figura coa forma de Helena, e foi esa pantasma o que levou Paris [17].

Heródoto [18], conta que Helena e Paris chegaron a Exipto e foron recibidos polo rei Proteo. Cando este soubo o que fixera Paris [19] expulsouno do reino e mantivo a Helena como prisioneira (ou hóspede) ata que viñera Menelao por ela [20]. Tamén se asegura que foi Proteo quen fixo esa figura coa forma de Helena, coa que Paris marchou cara Troia.

Con todas estas versións, o que pretendían os autores posteriores a Homero non era outra cousa que exonerar a Helena da culpa do adulterio, fronte á culpabilidade que reflictían os textos máis antigos. Pero tamén existe a tradición que asegura que o matrimonio e a descendencia de Tindáreo e Leda estaban malditos por Afrodita, porque Tindáreo esquecera inadvertidamente á deusa ó facer un sacrificio ós deuses e esta, ofendida polo desplante, xurou que as súas fillas Clitemnestra, Timandra e Helena, serían coñecidas polas súas sonadas relacións adúlteras [21].

Guerra de Troia editar

 
Cabalo de madeira usado na película Troia (2004)

A tradición máis canónica recolle que Paris e Helena chegaron por fin a Troia e foron ben recibidos por Príamo, Hécuba e os troianos todos se ben, co paso do tempo, non tardarían en xurdir opinións contrarias; Príamo incluso xurou que nunca a deixaría marchar. A partir deste momento, Helena de Esparta convértese en Helena de Troia.

Hera, cando soubo do rapto ou fuxida de Helena, mandou aviso a Menelao a través da súa mensaxeira Iris. Este regresou inmediatamente e esixiu ó seu irmán Agamenón que organizase un exército para recuperar a Helena, pero Agamenón decidiu mandar antes uns mensaxeiros a falar con Príamo e esixirlle a devolución de Helena e unha importante compensación pola afronta recibida. Entre estes embaixadores cítase a presenza de Odiseo, Diomedes e Acamante, e o mesmo Menelao [22].

Príamo negouse en redondo, e entre os argumentos esgrimidos para negarse ás pretensións de Agamenón cítase a existencia de numerosos casos de raptos anteriores sen que os gregos adoptaran ningunha represalia: os cretenses raptaran a Europa por orde do mesmísimo Zeus, os argonautas raptaran a Medea na Cólquide, os atenienses raptaran a Ariadna. Por suposto, Agamenón non aceptou esta negativa, e mantivo a decisión de emprender unha Guerra contra Troia.

Outra versión di que Príamo contestou ós emisarios que non sabía de qué lle falaban (xa que Paris e Helena andaban por Exipto, e tamén se di que Paris se detivo en Chipre, Fenicia e Exipto á mantenta, por se Menelao viña tras eles), e preguntoulles que qué satisfacción lle deran a el cando reclamou a devolución de Hesíone [23].

Entre os primeiros trámites para organizar un exército que asegurase a vitoria houbo episodios curiosos dos que os historiadores nos dan, para variar, diferentes versións que os artistas reflictiron nas súas cerámicas e frescos. Era necesario reunir a tódolos reis da Hélade e conseguiur que achegaran barcos e guerreiros cos que armar unha frota que resultara impresionante á vista dos troianos. Quizais así, estes entrarían en razón. Pero non lles resultou fácil conseguilo.

Diferentes oráculos advertían ós guerreiros do que os esperaba en Troia. Odiseo sabía que, de ir á guerra tardaría 20 anos en regresar e faríao só e pobre, e para evitalo fíxose o louco pero foi descuberto sen problema e tivo que tomar as súas armas. O rei Cíniras, de Chipre, comprometeu 50 naves armadas, pero cando chegou o momento só fletou unha nave real, con 50 guerreiros, e 49 naves máis de terracota, pequenas e con guerreiros de barro; Apolo castigou coa morte a Cíniras por esta burla e as súas cincuenta fillas botáronse ó mar e transformáronse en aves.

A nai de Aquiles, a nereida Tetis, sabía que este non regresaría vivo. Un oráculo predixera que morrería alí e alcanzaría a gloria, ou ben que tería unha longa vida pero sen gloria, polo que Tetis intentou impedir que acudira á guerra: disfrazouno de muller e entregouno ó coidado do rei de Esciros. Odiseo conseguiu descubrilo e Aquiles aceptou embarcarse e ir á guerra.

Nove anos de Guerra editar

Durante a guerra, Helena mostrouse aparentemente favorable ós intereses dos troianos, aínda que houbo un episodio que parece dicir o contrario. Odiseo, disfrazado de mendigo e con cicatrices pintadas no rostro, protagonizou unha incursión de espionaxe na cidadela de Troia, disque co obxectivo de convencer a Helena de que traicionase ós troianos. Helena, que o recoñeceu axiña baixo o seu disfrace, non revelou a súa presenza ós gardas de palacio e permitiu que Odiseo marchara sen problema para regresar ó campamento grego; claro que tamén se asegura que Helena llo dixo a Hécuba e esta tampouco denunciou a presenza do inimigo no palacio [24].

"Eu soa recoñecino, tal como era, e interrogueino. El intentou zafarse con astucia, pero cando fixen que se bañara e unxira con óleo, vestino con vestidos e dinlle solemne xuramento de non revelar ante os troianos a Odiseo, ata que alcanzara as raudas naves e o campamento, entón foi cando me revelou todo o plan dos aqueos. E tras dar morte a moitos troianos co bronce de ancho fío, regresou entre os aqueos e levou abundante información"
Odisea IV, 250ss
 
Helena rescatada por Menelao (ánfora ática de figuras negras, c. 550 aC)

Cando os gregos deixan o seu Cabalo e os troianos o entran na cidade, Helana xa sabía que había guerreiros gregos no seu interior e intentou descubrilos, acompañada polo seu home, Deífobo. Deu voltas ó redor do cabalo imitando a voz de cada unha das esposas dos soldados, e dise que Menelao e Diomedes quixeron saír cando Helena pronunciou os seus nomes, pero Odiseo puido contelos. Anticlo, un dos soldados gregos, estivo a piques de responder e tivo que ser silenciado á forza por Odiseo [25]. Deste xeito non queda claro de qué lado estaba Helena e mesmo se di que Helena colaborou activamente na entrega da cidade ós gregos: non só non informou ós troianos do que lle contara Odiseo senón que foi ela mesma a que desde o alto da cidadela avisou á frota grega cunha tea acesa para que regresaran do seu agocho na costa [26] e foi ela a que roubou as armas do palacio para evitar calquera intento de resistencia. Así que se explica que puidera esperar nas súas habitacións á chegada de Menelao, pero cando chegou este matou primeiro a Deífobo e estaba disposto a matar a Helena, que conseguiu desarmalo mostrándose ante el co peito descuberto, o que aplacou inmediatamente a Menelao, que a levou sana e salva ó campamento [27]. O caso é que os gregos, que fixeran unha guerra de dez anos e agora vían que a culpable da mesma se libraba do merecido castigo, intentaron lapidala, pero foi inútil pois as pedras caían ó chan sen ferir a Helena [28].

Existe unha lenda pola que Aquiles, cando coñeceu a sona da fermosura de Helena, quixo coñecela. Afrotita e Tetis (a nai de Aquiles) organizaron todo para que puidesen estar xuntos e algúns mitógrafos admiten que chegaron a xacer xuntos [29]. Cando morreu Paris á mans de Filoctetes, Príamo ofreceu a súa man ó máis valente, e acudiron ó chamamento Héleno, Deífobo e Idomeneo (os tres, irmáns de Paris e de Heitor). Foi Deífobo quen terminou casando con Helena, mentres que Héleno, decepcionado, abandonou Troia e retirouse ó monte, onde sería capturado por Odiseo.

Eneas e Anténor [30], que defendían a tese da entrega de Helena ós gregos e rematar a guerra dunha vez por todas, foron respectados polos gregos.

Regreso a Esparta editar

Conquistada e destruída Troia, os gregos regresaron ós seus fogares. Nuns casos foi un regreso rápido e feliz pero noutros estivo cheo de contratempos [31]. A frota de Menelao resultou atacada por unha tormenta enviada por Atenea e só sobreviviron cinco barcos, que foron parar a Chipre, Libia e terminaron bordeando a costa de Exipto, onde o rei Ton (ou Tonis) intentou violar a Helena e resultou morto por Menelao. Pero tamén se di que Helena chegara a Exipto fuxindo de Troia, antes de que a cidade fora conquistada, e foi na busca de Menelao. Sería despois, rematada a guerra, cando Menelao a atopou no seu regreso de Troia. O capitán do barco que levaba a Helena cara Lacedemonia, Faro, morreu picado por unha cobra en Exipto, onde foron dar a consecuencia dunha tormenta. De aí o nome da illa de Faro (ou Faros) na desembocadura do río Nilo.

 
Telémaco ante Menelao e Helena, quen recoñece ó fillo de Odiseo

Por fin, xa chegados a Esparta, Menelao e Helena reinaron sen problemas, e así aparecen acollendo a Odiseo nunha das primeiras paradas da súa longa viaxe de regreso, co gallo dun festín no que festexaban a dobre voda de Hermíone con Neoptólemo e de Megapentes coa filla de Aléctor de Esparta [32]

Existe unha tradición que nos di que na viaxe de regreso, Helena e Menelao chegaron a Argos, en Esparta, o mesmo día en que Orestes matara a Clitemnestra e a Existo. Cando Orestes viu a Helena quixo matala atribuíndolle a responsabilidade de tódalas desgrazas sufridas pola súa familia, pero Apolo, cumprindo ordes de Zeus, rescatouna e converteuna en inmortal.

En Rodas corre unha lenda que conta que os fillos de Menelao, Nicóstrato e Megapentes [33], á morte do pai, expulsaron a Helena do reino. Ela refuxiouse en Rodas, na casa da súa amiga Polixo, esposa dun guerreiro grego morto en Troia. Polixo quixo vingarse e disfrazou a súas criadas de Erinias (as Furias romanas), ordenando que meteran medo a Helena. E ata tal punto o conseguiron que Helena acabou enforcándose.

Outras versións da lenda transmiten outras formas do castigo divino a Helena. Así, dise que a matou Ifixenia (a filla de Agamenón) en Táuride, como vinganza por cando ela estivo a piques de ser sacrificada en Áulide [34]. Tamén se di que Tetis fixo que afogase durante o regreso de Troia, como vinganza pola morte de Aquiles, o seu fillo.

Descendencia editar

Helena tivo numerosos fillos cos seus sucesivos maridos [35]:

  • Con Menelao: Hermíone (que casaría con Orestes [36]) e Nicóstrato [37]
  • Con Teseo, a Ifixenia [38]
  • Con Paris: Helena [39] e tres fillos varóns: Bunico (ou Búnomo), Ágano e Ideo [40]. Segundo Graves, Paris xa tivera anteriormente un fillo con Enone, chamado Córito (ou Corinto), e engade que este Córito foi quen guiou ós gregos cara Troia, obedecendo a Enone, que estaba celosa contra Helena [41].
    • Dise que a esta Helena a matou Hécuba.
    • Os tres ou catro fillos varóns morreron en Troia, cando o teito de palacio caeu sobre eles durante o incendio da cidade.
  • Con Aquiles: Euforión
  • Con Deífobo non tivo fillos

Culto editar

A divinización de Helena explica a existencia de numerosos templos a ela dedicados, especialmente en Esparta, nalgúns casos conxuntamente con Menelao, pois se di que ela suplicou a Zeus que o divinizase. Dedicóuselle un culto similar ó de Afrodita.

Na cidade de Esparta recibía un culto importante, e tiña templos en Terapne e Rodas. E en Esparta estaba o templo das Leucípides (fillas de Leucipo), no que se mostraba a casca dun enorme ovo que aseguraban que se trataba dun dos que puxera Leda [42].

Culpabilidade ou inocencia de Helena editar

O episodio de Helena e Paris deu lugar a moi diversas interpretacións xa desde a antigüidade, condicionando a inocencia ou culpabilidade de Helena (é dicir, a súa resistencia ou predisposición ó adulterio) ó que non foi outra cousa que seguir os designios dos deuses. O feito de que a guerra fose en realidade unha solución dos deuses á superpoboación da terra non impide que, como Pandora, Helena fora a portadora de desgraza e morte.

Hesíodo describe no Mito das idades as diferentes fases polas que atravesou a humanidade e o destino que Zeus deu a cada unha das razas. A cuarta raza, a dos heroes ou semideuses, foi aniquilada en Tebas e Troia "por causa de Helena, de fermosa cabeleira" [43].

Para Homero, Helena é culpable nuns casos e inocente noutros, pero non oculta a intencionalidade dos deuses á hora de provocar esta guerra. Xa nos primeiros versos da Ilíada, Homero escribe que a cólera de Aquiles "causou ós aqueos un dolor infinito e tantas valerosas almas de heroes botou ó Hades, facéndoos prea de cans e de tódalas aves. Cumpríase a vontade de Zeus"[44].

No último ano da guerra, Menelao e Paris enfróntanse nun duelo singular ante as murallas de Troia. Homero describe o momento na escena coñecida como Helena na muralla: Príamo e Helena están sobre a muralla, rodeados polo consello de anciáns, que se din uns ós outros:

"Non é estraño que os troianos e os aqueos, de boas grebas, leven padecendo durante tanto tempo semellantes dolores a causa dunha muller como ela, pois no seu rostro asemella terriblemente ás deusas inmortais. Pero, aínda sendo tan fermosa, que regrese ás naves e non nos deixe no futuro destrución nin para nós nin para os nosos fillos"
Ilíada, III, 156.

Pero a este consello dos anciáns, Píamo dille a Helena:

"Ti para min non es en absoluto culpable de nada. Os culpables son os deuses, que trouxeron contra min esta guerra, causa de bágoas, cos aqueos"
Ilíada, III, 164

Aínda así, Homero insiste na culpabilidade de Helena. Cando Odiseo descende ós infernos para falar con Tiresias, dille isto ó espírito de Agamenón:

"Por culpa de Helena perecimos moitos, e a ti Clitemnestra maquinaba a súa trampa ó lonxe" [45]
Odisea, XI, 438

Nunha das traxedias de Eurípides titulada "As troianas", descríbese a penosa situación na que quedan as princesas troianas ó acabar a guerra, convertidas en escravas e botín de guerra para os gregos. É neste momento cando Menelao se atopa con Helena decidido a matala coa súa espada. Hécuba, outra das agora escravas, installe a facelo porque, asegura, Helena ben o merece. Pero esta pide perdón e argúe na súa defensa que todo foi culpa dos deuses, de Hécuba e Príamo e do propio Menelao:

"[Hécabe:] Eloxio, Menelao, que morte deas á túa esposa. Mais evita mirala, non sexa que te atrape o seu desexo, pois cativa as miradas dos homes, conquista cidades e consome ás familias entre fogo e lapas. Coñecémola ti, eu e mais quen a padeceu. [Helena:] Primeiro foi esta muller [sinalando a Hécuba] a que enxendrou o principio de tódolos nosos males [é dicir, enxendrou a Paris]. En segundo lugar, Príamo fíxonos padecer a Troia e a min por non dar morte ó acabado de nacer [tal como ordenaban os augures]. Cipris [Afrodita] prometeulle que a el me entregaría se ela superaba ás outras deusas en beleza. [E dirixíndose ó propio Menelao:] A este [a Paris] ti, malvado, deixáchelo nos teus palacios mentres partías de Esparta en barco rumbo ó país de Creso"
Eurípides: Las troyanas, px. 232

E tamén Apolodoro describe unha Helena inocente, por foi raptada:

"segundo uns por determinación de Zeus, para que a súa filla [é dicir, Helena] chegara a ser célebre polo enfrontamento militar entre Europa e Asia; ou, conforme ó dictame doutros, para que fose enaltecida a raza dos semideuses"
Pseudo-Apolodoro: Epítomes III, 3.1

Aínda así, nas liñas seguintes engade que Paris persuade a Helena e esta marcha voluntariamente, deixando a filla, Hermíone, e "transportando as máis das súas riquezas" [46].

Helena de Troia nas artes editar

 
Helena de Troia, óleo de Evelyn de Morgan (1898, De Centre Morgan, Londres)

O mito e a figura de Helena aparece no contexto da Guerra de Troia desde moi cedo e ata a actualidade nas artes plásticas e literarias. No primeiro caso, representouse en tódolos materiais (cerámica, pintura, escultura, numismática, musivaria, eboraria, téxtiles) desde a antigüidade clásica ata os nosos días; e no segundo caso, Helena foi un personaxe recorrente de traxedias tanto clásicas como modernas, poemas, óperas e cine.

Por causa da ambivalencia mencionada anteriormente, a iconografía en cerámica ou pinturas mostra habitualmente unha Helena que acompaña gustosamente a Paris, incluso en ocasións en presenza de Eros, deus do amor. Só rara vez se mostra a Paris en actitude violenta, desenvainando a espada.

Homero e os mitógrafos posteriores insisten unha e outra vez na fermosura de Helena [47], que terminou converténdose tanto nun ideal e símbolo de beleza, como na personificación da infidelidade ou, canto menos, da ambivalencia. Utilízase tamén como lección moralizante dos perigos que supón a primacía da luxuria sobre as obrigas e a razón.

Galería de arte editar

Cinematografía editar

Música editar

Notas editar

  1. Outra tradición di que era filla de Glauco (fillo de Sísifo) e Pantidia, que casou axiña con Testio, de modo que a filla que tivo, Leda, pasou por filla de Testio.
  2. Deste xeito, Helena e Clitemnestra serían irmás xemelgas, e foron casar con dous irmáns, Menelao e Agamenón, respectivamente.
  3. Grimal, nas entradas Helena e Dióscuros, cita as parellas de fillos deste xeito, pero na entrada Leda cambia os nomes: Pólux e Clitemnestra, por un lado, e Cástor e Helena, por outro, suponse que por erro. Tamén en Hixino se observa unha confusión semellante: na Fábula 77 afirma que con Tindáreo tivo a Cástor e Clitemnestra, de acordo coa versión máis común, pero na Fábula 78 di que os fillos habidos con Tindáreo foron Clitemnestra e Helena.
  4. Grimal, s.v. Helena, s.v. Leda.
  5. Apolodoro, Epítome I.23.
  6. Algunhas fontes afirman que Teseo e Helena tiveran unha filla, mentres outras aseguran que Teseo a respetara (Grimal, s.v. Helena).
  7. Algunhas fontes dan a relación nominal dos pretendentes. Hixino, Fábulas, 81; Apolodoro, III, 10.8.
  8. Que sabía que Menelao sería o elixido e que el non tiña ningunha posibilidade.
  9. Que, lémbrese, era irmán de Tindáreo.
  10. Os diferentes autores dubidan sobre se a elección foi cousa de Helena ou do pai, Tindáreo. Segundo Hixino, Tindáreo deixou a Helena a decisión de coroar ó elixido, e ela púxoa sobre Menelao (Hixino, 78).
  11. Atenea ofreceulle sabedoría e saír vitorioso en tódalas batallas, e Hera ofreceulle o poder sobre toda Asia e ser o home máis rico do mundo.
  12. Carmona, px. 79.
  13. Mesmo hai unha versión minoritaria que indica que o mesmo Tindáreo ofreceu a Helena a Paris ante a ausencia do marido. E tamén se di que Afrodita concedeu a Paris a aparencia de Menelao, e que así foi como seduciu a Helena (Grimal, s.v. Helena).
  14. Tesouros de palacio e do templo, por un valor de tres talentos de ouro. Este valor viña equivaler a uns 26 a 32 kg, segundo lugares e épocas, de ben Homero fala dun talento equivalente en ouro ó valor dun boi ou dunha vaca.
  15. Incluída a nai de Teseo, Etra.
  16. Graves, px. 689; Ilíada, III, 445.
  17. Graves, px. 690, citando a Estesícoro, poeta siciliano do século VI. Parece ser que Estesícoro escribiu un poema moi crítico con Helena, e quedou cego. A pitonisa de Delfos advertira a un tal Leónimo de que: "Prégoche, Leónimo, que lle digas ó difamador de Helena que a perda da súa vista se debe ó seu desgusto" (Graves, px. 736), así que escribiu unha segunda obra na que afirmaba que: "Este relato é certo: non fuches nas naves ben tripuladas nin chegaches ás torres de Troia", tralo cal curou da cegueira.
  18. Historias 2.113, citado por Mark Cartwright.
  19. Considerado un acto non só ilegal senón impío do contexto da cultura grega polo incumprimento que supón das regras de hospitalidade.
  20. Graves, px. 690.
  21. Graves, px. 683.
  22. Outras fontes falan de Menelao, Odiseo e Palamedes (Graves, px. 711).
  23. Hesíone e Príamo eran fillos de Laomedonte, rei de Troia. Heracles salvara a Hesíone de ser comesta por un dragón pero, como Laomedonte non lle deu o premio acordado, destruiu Troia, matou a Laomedonte e levou a Hesíone como botín de guerra. Unha vez nomeado rei, Príamo esixiu a Grecia a devolución da súa irmá Hesíone pero os gregos negáronse. Tamén se afirma que a viaxe de Paris a Esparta tiña como obxectivo recuperar a Hesíone.
  24. Grimal, s.v. Ulises; Graves engade que nesta visita, Helena e Hécuba recibiron garantías de Odiseo de que se lles respectaría a vida (px. 755).
  25. Algúns din que chegou a esganalo (Graves, px. 753).
  26. Outros din que foi Sinón, un grego que en Troia se facía pasar por desertor.
  27. As imaxes de Menelao coa espada en alto, ante Helena, tamén se interpretaron como a vontade de matala, acción que foi evitada por inspiración de Afrodita.
  28. Grimal, s.v. Helena.
  29. Deste xeito explícase que se afirme que Helena tivera cinco maridos. Xa se falou en liñas anteriores de Teseo, Menelao e Paris; Aquiles sería o cuarto e, finalmente, trala morte de Paris, casaría con Deífobo.
  30. Un vello troiano conselleiro de Príamo, considerado por algunhas fontes traidor a Troia por propoñer vías de acordo cos gregos.
  31. Odiseo estivo dando tumbos polo Mediterráneo durante dez anos. Agamenón e Diomedes naufragaron, aínda que logo puideron alcanzar as súas cidades de orixe.
  32. Odisea, IV, 1 ss.
  33. Nicóstrato era fillo de Menelao e Helena, e Megapentes era fillo de Menelao e Pieris (ou Piéride), unha escrava súa. Apolodoro engade un fillo máis, Jenódamo, de Menelao cunha ninfa chamada Cnosia.
  34. Ártemis enemistouse con Agamenón porque este cazou unha das súas cervas sagradas. Para castigalo, detivo os ventos e a frota grega, reunida en Áulide, non puido saír ó mar cara Troia. Os augures dixeron que debía sacrificar á súa filla Ifixenia e non lle quedou outra que aceptalo. Pero no momento en que ía degolar á filla, Ártemis mandou un cervato para sacrificar no seu lugar, e levouse a Ifixenia como sacerdotisa ó seu templo en Táuride.
  35. Grimal, s.v. Helena.
  36. Homero afirma que Helena non tivo máis fillos que esta Hermíone: "A Helena os deuses non lle concederon máis descendencia despois de que nun primeiro parto dese a luz á súa encantadora filla, a Hermíone, que tiña a beleza da aúrea Afrodita" (Odisea IV, 12).
  37. Mark Cartwright di que tivo, ademais que a Hermíone, tres fillos: Plístenes, Etiolo e Morrafio.
  38. Segundo Pausanias II, 22, 6-7, a esta Ifixenia fáiselle pasar pola filla de Clitemnestra (Julia García Moreno, en nota a rodapé en Biblioteca mitológica, px. 190.
  39. Segundo Heródoto e Grimal.
  40. Segundo Grimal tiveron tamén un cuarto fillo, Córito.
  41. Graves, px. 690.
  42. Grimal, s.v. Leda.
  43. Hesíodo 165.
  44. Ilíada I, 1-5.
  45. Lémbrese que Clitemnestra, a esposa de Agamenón, tiña un amante, Existo, e entre os dous mataron a Agamenón cando este regresou da guerra.
  46. Pseudo-Apolodoro: Epítomes III, 3.3.
  47. "Pediron en matrimonio a Helena, pola súa espléndida beleza" (Hixino, 78); "Asemella en beleza ás deusas inmortais" (Ilíada, III, 158); "Helena, semellante a Ártemis, a da roca de ouro" (Odisea, IV, 121); "Helena, divina entre as mulleres" (Odisea, XV, 106).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar