Haydée Santamaría

guerrilleira e política cubana

Haydée Santamaría Cuadrado, nada en Villa Clara30 de decembro de 1923 e finada na Habana o 28 de xullo de 1980, foi unha guerrilleira e política cubana, de orixe galega, coñecida tamén polo seu alcume "Yeyé".

Infotaula de personaHaydée Santamaría

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(es) Haydée Santamaría Cuadrado Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento30 de decembro de 1922 Editar o valor em Wikidata
Provincia de Villa Clara, Cuba Editar o valor em Wikidata
Morte28 de xullo de 1980 Editar o valor em Wikidata (57 anos)
A Habana, Cuba Editar o valor em Wikidata
Causa da morteSuicidio Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeCuba Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítica , activista polos dereitos das mulleres , guerrilleiro , revolucionario Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeArmando Hart Dávalos
FillosCelia Hart (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

O 26 de xullo de 1953 participou no asalto ao Cuartel Moncada, acción pola cal foi encarcerada xunto a Melba Hernández. Tras a súa liberación participou na fundación do Movemento 26 de Xullo, do que integrou a súa dirección nacional. Apoiou ao destacamento guerrilleiro que dirixía Fidel Castro en Sierra Maestra, e este encomendoulle que obtivese fondos e armas e aglutinase aos revolucionarios no exterior. Regresou a Cuba ao triunfar a Revolución e participou na fundación do Partido Unido da Revolución Socialista de Cuba e, posteriormente, o Partido Comunista de Cuba. Traballou no Ministerio de Educación. Logo fundou e dirixiu a Casa das Américas de 1959 até a súa morte en 1980, desde onde influíu decisivamente na política cultural do país.

Traxectoria editar

Naceu o 30 de decembro de 1923 no central azucreiro “Constancia”, hoxe “Abel Santamaría”, situado en Encrucijada, Las Villas. Filla de Benigno Santamaría Vázquez, un galego de Ribadavia[1] que emigrara a Cuba a principios do século XX e de Joaquina Cuadrado, tamén emigrante española procedente de Salamanca, con quen casou no ano 1912. Tiveron cinco fillos: dous homes e tres mulleres, Haydée era a maior. Asistiu a unha escola rural e tras os estudos primarios trasladouse á Habana onde ingresou á Escola de Enfermeiras aínda que non terminou a súa formación.[2]

Na capital comezou a militar nas mocidades do Partido Ortodoxo e iniciou a súa acción contra a ditadura de Fulgencio Batista. Durante estes anos o seu apartamento, que compartía co seu irmán Abel Santamaría, sería un dos puntos de encontro da mocidade radical na Habana. Tras o golpe de estado de Batista do 10 de marzo de 1952, editou xunto ao seu irmán Abel Santamaría e outros revolucionarios os xornais clandestinos Son los Mismos e El Acusador, e realizaron un intenso labor de axitación. Despois de coñecer a Fidel Castro, o seu apartamento convértese en centro do nacente movemento revolucionario, coñecido como Xeración do Centenario.

O 26 de xullo de 1953 participou no asalto ao cuartel Moncada dirixido por Fidel Castro e outros membros das mocidades ortodoxas. Haydée foi a encargada de trasladar as armas cara a Santiago de Cuba para o ataque, e durante o mesmo, a súa misión consistiría en tomar o Hospital Saturnino Lora para atender aos feridos. Ao fracasar a acción, Haydée foi detida. O seu irmán Abel, e o seu compañeiro sentimental Boris Luís Santa Coloma, morreron durante as torturas do exército. Para facela falar, dixéronlle que o seu irmán e noivo foran torturados e asasinados despois do combate. Como mostra diso, mostráronlle un ollo de Abel e os restos dos xenitais do seu noivo Santa Coloma. A pesar do desgarrador do método, non puideron sacarlle ningunha información, e ao contrario respondeu firmemente: «Morrer pola patria é vivir».

No seu discurso de defensa no xuízo, coñecido como A historia absolverame, Fidel Castro lembra o xesto de Haydée: «Nunca foi posto nun lugar tan alto de heroísmo e dignidade o nome da muller cubana».

Presidio editar

Haydée, xunto a Melba Hernández foi conducida desde o aeroporto de Columbia até o Reclusorio Nacional para Mulleres de Guanajay.

Foi destinada ao Bloque A, onde se atopaban as reclusas de mellor conduta, segundo dispuxera o tribunal que a considerou presa política e a condenou a sete meses de prisión. Nun pequeno almacén da planta baixa, xunto á cociña habilitóuselle a cela que compartiría con Melba Hernández. Na cela improvisada habilitáronselles catro espazos: un para dormitorio, un para cociña, outro para comedor e un último onde se instalou o baño.

Durante o peche foi autorizada nalgunhas ocasións a recibir persoas amigas e permitíuselle ter todos os libros que desexou, pero mantívoselle todo o tempo incomunicada, coa soa compañía de Melba Hernández, e só podía tomar o sol no patio os días que a visitaban os seus familiares. En termos xerais foi tratada de forma humana e cortés durante todo o tempo que pasou no Reclusorio Nacional para Mulleres de Guanajay.

Haydée, xunto a Melba, saíu en liberdade o 20 de febreiro de 1954. Esperárona nos arredores do reclusorio, para conducila á Habana, os seus pais e o seu irmán Aldo, Juan Manuel Martínez Tinguao, Luís Conte Agüero, os pais de Melba Hernández e os revolucionarios de Guanajay, Ángel Eros, Pedro Esperón e Evelio Prieto, quen logo formarían parte do comando que asaltou o Palacio Presidencial o 13 de marzo de 1957. O primeiro acto que fixeron tanto Haydée como Melba foi levar unha ofrenda floral á tumba do líder ortodoxo Eduardo Chibás.

Reorganización do Movemento editar

Case inmediatamente despois da saída do cárcere participou na impresión e distribución do manifesto La Cuba que sufre, no cal Fidel e os seus compañeiros de presidio patentizaban a súa decisión irrevogable de continuar a loita contra o réxime de Fulgencio Batista. Foi tamén Haydee, xunto a Lida Castro e Melba Hernández, quen recompilou e organizou as notas que Fidel ía logrando sacar da prisión, escritas con zume de limón e na cal reconstruía a súa alegación no xuízo do Moncada, que logo sería coñecido como A historia absolverame.

En carta do 18 de xuño de 1954, Fidel encoméndalle a Haydée e Melba que fixesen o maior esforzo e concentrasen os recursos na impresión de A historia absolverame. Peso a peso lograron acumular unha cantidade de varios centenares para poder editar o manuscrito. Nesta tarefa apoiáronse no contador José Valmaña Mujica, quen se encargou de organizar todo o traballo clandestino da impresión. O 26 de xullo de 1954 xunto con Melba encabezou unha manifestación na que foi agredida polas forzas policiais da ditadura no cemiterio de Colón.

En 1955 participou na fundación do Movemento 26 de Xullo.

Desde a clandestinidade, desempeñou un papel decisivo na reagrupación das forzas revolucionarias para a loita armada. Ao ano seguinte, foi unha das organizadoras da insurrección do 30 de novembro de 1956 en Santiago de Cuba, que tiña como obxectivo apoiar aos guerrilleiros que nesas datas debían invadir Cuba a bordo do Granma.

Ao redor de 1956 casou con Armando Hart, un mozo que tamén vivía na clandestinidade. Partiu tamén á Sierra Maestra, onde coñeceu a un amigo entrañable: Ernesto Guevara.

Guerra de Liberación editar

Nos momentos máis difíciles da guerrilla dirixida por Fidel Castro, en febreiro de 1957 marchou ao encontro desta en compañía de Frank País, Faustino Pérez e outros membros do da Dirección Nacional do Movemento 26 de Xullo para coordinar o apoio desde o chairo, e guiar ao xornalista do New York Times, Herbert Matthews á presenza de Fidel. A publicación da entrevista que o xornalista fixese ao líder da guerrilla botaría por terra a propaganda batistiana baseada na suposta morte de Fidel. A finais de abril volvería subir á Serra acompañando ao xornalista estadounidense Bob Taber, quen desexaba entrevistar a Fidel.

Co inicio da loita guerrilleira, Haydée participou nas accións do Movemento 26 de Xullo tanto nas cidades como en Sierra Maestra, onde se creou o pelotón Mariana Grajales do Exército Rebelde en 1958 e o cal estaba composto integramente por mulleres. De alí partiría ao exilio, designada por Fidel como delegada do Movemento 26 de Xullo para aglutinar as forzas no exterior e obter armas.

A revolución no poder editar

Unha vez fuxido Batista e tras o triunfo da Revolución Cubana, Haydée traballou durante un curto tempo no Ministerio de Educación.

Fidel confioulle entón a misión de fundar en 1959 unha institución cultural que sería emblema entre os intelectuais e críticos de todo o orbe: a Casa das Américas, organismo a través do cal recibiu a algún dos máis prestixiosos intelectuais do momento.

Alí recibiu aos intelectuais máis importantes do mundo que visitaban a Cuba. Haydée foi creadora e patrocinadora do Movemento da Nova Trova, co que logrou difundir a obra artística de novos talentos musicais como Silvio Rodriguez e Noel Nicola, entre outros, que portaban unha nova sonoridade afastada das formas habituais en Cuba.

En 1965 estaría entre os fundadores do novo Partido Comunista de Cuba e sería electa membro do seu Comité Central. Integrou a presidencia da Organización Latinoamericana de Solidariedade (ONDAS), que se reuniría na Habana, en 1967, para coordinar a loita insurreccional en todo o continente.

Haydée suicidouse na Habana o 28 de xullo de 1980. Morreu poucos meses despois que a súa compañeira Celia Sánchez.[3] No momento da súa morte era membro do Comité Central do Partido Comunista de Cuba, membro do Consello de Estado e directora da Casa das Américas.

Vida persoal editar

A depresión correu na súa familia e afectouna severamente até o final da súa vida. A miúdo pasaba días na cama mentres estaba en episodios depresivos. En 1956 casou con Armando Hart tamén compañeiro de revolución e tivo dous fillos con el, a escritora cubana Celia Hart e o seu irmán Abel Hart, ambos falecidos cando o auto no que viaxaban chocou cunha árbore no barrio habaneiro de Miramar, en 2008..[4]

Tamén acolleron a moitos nenos e administraron o seu propio tipo de orfanato. Despois de dúas décadas de matrimonio, Armando e Haydée terminaron separados. Haydée Santamaría suicidouse á idade de cincuenta e sete anos no fogar que ela e os seus fillos compartiron o 28 de xullo de 1980, dous días despois do 27 aniversario do ataque ao cuartel Moncada. O feito do seu suicidio foi problemático dentro de Cuba e, algúns especularon, a razón pola cal non foi chorada na Praza da Revolución, senón que recibiu o enterro dun cidadán común na Habana. A morte de Haydée Santamaría produciuse seis meses despois da morte da súa amiga Celia Sánchez[5] de cancro de pulmón, e varios meses despois de que un accidente automobilístico a deixara con dor crónica. Os acontecementos da Revolución Cubana deixáronlle unha marca indeleble, causando que perdese a moitas persoas ás que era próxima, e finalmente contribuíu á depresión que sempre sufriu. Nunha carta publicada pola Casa das Américas en 1968, escribiu ao Che Guevara despois da súa morte: "Hai catorce anos vin morrer aos seres humanos máis intensamente amados, creo que xa vivín demasiado. O sol non é tan fermoso, non sento pracer ao ver as palmeiras. Ás veces, como agora, a pesar de gozar tanto a vida, sabendo que vale a pena abrir os ollos todas as mañás se só por esas dúas cousas, teño o desexo de mantelos pechados, coma ti ".

Notas editar

  1. "Una familia de Ribadavia, protagonista en Cuba" (en castelán). 2 de setembro de 2010. Consultado o 20 de setembro de 2019. 
  2. "Haydée Santamaría Cuadrado". www.mujerfariana.org (en castelán). 6 de xullo de 2016. Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2019. Consultado o 16 de xaneiro de 2019. 
  3. "Haydée Santamaría: lo tremendo y lo profundo". www.juventudrebelde.cu (en castelán). Consultado o 16 de xaneiro de 2019. 
  4. "Mueren en un accidente los hijos de Armando Hart y Haydée Santamaría" (en castelán). 8 de setembro de 2018. Consultado o 16 de xaneiro de 2019. 
  5. "Los amores de Haydée Santamaría (entre ellos José Martí)". Cartas desde Macondo (en castelán). Consultado o 16 de xaneiro de 2019. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Randall, Margaret (2015). Haydée Santamaría, Cuban Revolutionary: She Led by Transgression (en inglés). Duke University Press. ISBN 978-0822359623. 
  • Haydée, hace falta tu voz (en castelán). Ojalá. 2014. 
  • Mencia, Mario (1980). "Acta de condena do 6 de outubro de 1953". La prisión fecunda (en castelán). A Habana: Editora Política. pp. 2944 a 2951. 
  • Petinaud J. El primer editor. Revista Moncada, maio de 1976 (en castelán)
  • Guevara de la Serna, Ernesto. Fin de un traidor. Verde Olivo. 9 de xullo de 1961 (en castelán)
  • Guevara de la Serna, Ernesto. Una entrevista famosa. Revista Verde Olivo. 15 de outubro de 1961 (en castelán)
  • Guevara de la Serna, Ernesto (2004). Pasajes de la guerra revolucionaria. Cuba 1956 – 1959 (en castelán) (3ª ed.). A Habana: Editorial Política. ISBN 959-01-0400-2. 
  • Maclean, Betsy (2003). Rebel lives (en inglés). Australia: Ocean Press. 
  • Martínez Benítez, Yaíma. Contribución de Haydée Santamaría Cuadrado a la lucha revolucinonaria entre 1951 y 1959. Traballo de Diploma (en castelán)
  • Martínez Benítez, Yaíma. Pensamiento y accionar revolucionario de Haydée Santamaría Cuadrado acerca de la unidad cultural latinoamericana desde Casa de las Américas (en castelán).

Ligazóns externas editar