Hades

inframundo grego e deus deste

Na mitoloxía grega, Hades (en grego antigo ᾍδης Hadēs, orixinalmente Ἅιδης Haidēs ou Ἀΐδης Aïdēsdórico Ἀΐδας Aidas—, ‘o invisible’)[1] alude tanto ao antigo inframundo grego como ao deus deste. A palabra facía referencia en Homero só ao deus; sendo o xenitivo ᾍιδού Haidou un elisión para designar localización: ‘[a casa/dominio] de Hades’. Finalmente tamén o nominativo chegou a designar a morada dos mortos.

Busto de Hades. Copia romana en mármore dun orixinal grego do século V a. C.; o manto escuro é un engadido moderno (Museo Nacional Romano).

Na mitoloxía grega, Hades é o fillo varón maior de Crono e Rea. Segundo o mito, el e os seus irmáns Zeus e Poseidón derrotaron aos Titáns e reclamaron o goberno do cosmos, adxudicándose o inframundo, o ceo e o mar, respectivamente; a terra sólida, desde moito antes provincia de Xea, estaba dispoñible para os tres ao mesmo tempo.

Hades tamén era chamado Plouton (en grego antigo Πλούτων, xenitivo Πλούτωνος, ‘o rico’), nome que os romanos latinizaron como Plutón. Os antigos romanos asociaron a Hades/Plutón coas súas propias deidades ctónicas, Dis Pater e Orco. O deus etrusco equivalente era Aita.

O termo «hades» na teoloxía cristiá (e no Novo Testamento Grego) é paralelo ao hebreo sheol (שאול, ‘tumba’ ou ‘pozo de sucidade’), e alude á morada dos mortos. O concepto cristián de inferno parécese máis ao Tártaro grego, unha parte profunda e sombría do Hades usada como alxube de tormento e sufrimento.

O reino de Hades editar

 
Hades con Cérbero (Museo de Arqueoloxía de Creta).

Nos antigos mitos gregos, o reino de Hades é a neboenta e sombría[2] morada dos mortos (tamén chamada Érebo), á que ían todos os mortais. A filosofía grega posterior introduciu a idea de que os mortais eran xulgados tras a súa morte e recompensábanse ou maldicíanse. Moi poucos mortais podían abandonar este reino unha vez entraran: as excepcións, Heracles e Teseo, eran heroes. Incluso Odiseo na súa nekyia[3] chama aos espíritos dos defuntos, en lugar de descender até eles.

Había varias seccións no Hades, incluíndo o Elisio, os Campos de Asfódelos e o Tártaro. Os mitógrafos gregos non son totalmente consistentes sobre a xeografía do máis alá. Un mito completamente oposto sobre a outra vida concirne ao xardín das Hespérides, con frecuencia identificado coas Illas da Bendición, onde podían morar os heroes bendicidos.

Na mitoloxía romana, a entrada ao Inframundo localizada no Averno, un cráter próximo a Cumas, foi a ruta usada por Eneas para descender ao reino dos mortos.[4] Por sinécdoque, «Averno» pode usarse como referencia a todo o inframundo. Os Inferi Dii eran os deuses romanos do inframundo.

Para os helenos, os falecidos entraban ao inframundo cruzando o río Aqueronte, porteados por Caronte, quen cobraba pola pasaxe un óbolo, pequena moeda que poñían na boca do defunto os seus piadosos familiares. Os pobres e os que non tiñan nin amigos nin familia reuníanse durante cen anos na orela.[4] Os gregos ofrecían libacións propiciatorias para evitar que os defuntos volvesen ao mundo superior a «perseguir» a quen non lles dera un funeral adecuado. O outro lado do río era gardado polo Cérbero, o can de tres cabezas derrotado por Heracles (Hércules para os romanos). Máis alá de Cérbero, as sombras dos defuntos entraban na terra dos mortos para ser xulgadas.

Os cinco ríos do reino de Hades e o seu significado simbólico eran o Aqueronte (o río da pena ou a congoxa), o Cocito (lamentacións), o Flexetonte (fogo), Lete (esquecemento) e Estixia (odio), o río sobre o que incluso os deuses xuraban e no que somerxeron a Aquiles para facelo invencible. O Estixia formaba a fronteira entre os mundos superior e inferior.

A primeira rexión do Hades comprendía os Campos de Asfódelos, descritos na Odisea,[3] onde as almas dos heroes vagaban abatidas entre espíritos menores, que barullaban como morcegos. Só libacións de sangue ofrecidas por eles no mundo dos vivos podían devolvelos durante un tempo ás sensacións de humanidade.

Máis alá quedaba o Érebo, que podía tomarse como un eufemismo para o Hades, cun nome que era temido. Había nel dous lagos: o de Lete, a onde as almas comúns acudían para borrar todos os seus recordos, e o de Mnemósine (‘memoria’), de onde os iniciados nos Misterios preferían beber. No antepatio do palacio de Hades e Perséfone sentábanse os tres xuíces do Inframundo: Minos, Radamantis e Éaco. Alí, no trivio consagrado a Hécate, onde os tres camiños se encontraban, as almas eran xulgadas, volvendo aos Campos de Asfódelos se non eran virtuosas nin malvadas, enviadas ao camiño do tenebroso Tártaro se eran impías ou malas, ou ao Elisio (Illas dos Benaventurados) se eran heroes «intachables».

Nos Oráculos sibilinos, un curioso batiburrillo de elementos grecorromanos e xudeocristiáns, volve a aparecer o Hades como morada dos mortos, e por etimoloxía popular, incluso procede do nome de Adán (o primeiro home), afirmándose como motivo que foi o primeiro en entrar nel.[5]

Deus do inframundo editar

Na mitoloxía grega, Hades (o ‘invisible’), o deus do inframundo, era un fillo dos Titáns Crono e Rea. Tiña tres irmáns, Deméter, Hestia e Hera, así como dous irmáns, Zeus (o menor de todos) e Poseidón. Xuntos constituían os seis deuses olímpicos orixinais.

Tras facerse adulto, Zeus logrou obrigar ao seu pai a que regurxitase aos seus irmáns. Tras ser liberados, os seis deuses mozos, xunto aos aliados que lograron reunir, desafiaron o poder dos deuses maiores na Titanomaquia, unha guerra divina. Zeus, Poseidón e Hades recibiron armas dos tres Ciclopes como axuda para a guerra: Zeus os tronos, Poseidón o tridente e Hades un casco de invisibilidade. A noite anterior á primeira batalla, Hades puxo o seu casco e, sendo invisible, infiltrouse no campamento dos Titáns e destruíu as súas armas.[Cómpre referencia] A guerra durou dez anos e acabou coa vitoria dos deuses novos. Tras esta vitoria, segundo a unha única pasaxe famosa da Ilíada,[6] Hades e os seus dous irmáns máis novos, Poseidón e Zeus, botaron a sortes[7] os reinos a gobernar. Zeus quedou co ceo, Poseidón cos mares e Hades recibiu o inframundo,[8] o reino invisible ao que os mortos van tras deixar o mundo, así como de todas as cousas baixo terra.

Hades obtivo a súa consorte definitiva e raíña, Perséfone, mediante artimañas, nunha historia que conectaba os antigos misterios eleusinos co panteón olímpico nun mito fundacional do reino dos mortos. Helios díxolle á chorosa Deméter sobre Hades «que non é un indigno xenro o soberano de tantos, que é da túa mesma semente e sabes ben onde vive e que lote lle tocou cando se fixo a repartición entre os tres irmáns...»[2]

A pesar das connotacións modernas da morte como maldade, Hades tiña en realidade un carácter máis altruísta na mitoloxía. A miúdo retrátase máis como pasivo que como malvado: o seu papel era normalmente de manter un relativo equilibrio.

Hades reinaba sobre os mortos, coa axuda doutros sobre os que tiña completa autoridade. Prohibiu estritamente aos seus súbditos abandonar os seus dominios e enfurecíase bastante cando alguén o intentaba, ou se alguén trataba de roubar almas do seu reino. Era igualmente terrible para quen intentaba enganar á morte ou cruzala, como Sísifo e Pirítoo descubriron para a súa desgraza.

Á parte de Heracles, as únicas persoas vivas que se aventuraron no Inframundo foron todas heroes: Odiseo, Eneas (acompañado pola Sibila), Orfeo, Teseo e, nun romance posterior, Psique. Ningún deles estivo especialmente satisfeito co que presenciaron no reino dos mortos. En particular, o heroe grego Aquiles, a quen Odiseo conxurou cunha libación de sangue, dixo: «Non me fales con dozura da morte, glorioso Odiseo. Preferiría servir como mercenario a outro antes que ser o señor dos mortos que pereceron.»[9]

Culto editar

 
Hades, etiquetado como Plouton, ‘o rico’, porta unha cornucopia nunha ánfora ática de figuras rubias, c. 470 a. C.

Hades, deus dos mortos, era un personaxe temible para aqueles que aínda vivían. Sen présa por encontrarse con el, eran reticentes a prestar xuramentos no seu nome. Para moitos, simplemente dicir a palabra «Hades» xa lles daba medo, polo que se buscaron eufemismos. Dado que os minerais preciosos viñan das profundidades da terra (é dicir, do «inframundo» gobernado por Hades), considerábase que este tiña tamén o control sobre eles, polo que referíanse a el como Πλουτων Plouton (relacionado con ‘riqueza’), de onde procede o seu nome romano, Plutón. Sófocles explicaba o hábito de referirse a Hades como ‘o rico’ con estas palabras: «o sombrío Hades enriquécese cos nosos suspiros e lágrimas». Ademais, chamábaselle Clímeno (Κλυμενος, ‘célebre’), Polidegmon (Ρολυδεγμων, ‘que recibe a moitos’) e quizais Eubuleo (Ευβουλεος, ‘bo conselleiro’ ou ‘benintencionado’),[10] todos eles eufemismos que evolucionaron a epítetos.

Aínda ser olímpico, pasaba a maior parte do seu tempo no seu escuro reino. Formidable na batalla, demostrou a súa ferocidade na famosa Titanomaquia, a batalla dos olímpicos contra os titáns, que entronizou a Zeus. Temido e odiado, Hades personificaba a inexorable finalidade da morte: «Por que odiamos a Hades máis que a calquera deus, se non é por ser tan adamantino e inflexible?», preguntábase retoricamente Agamenón.[11] Mais non era un deus malvado, pois aínda que si severo, cruel e desapiadado, era, non obstante, xusto. Hades gobernaba o Inframundo e por iso era con moita frecuencia asociado coa morte e temido polos homes, aínda que a personificación real desta era Tánatos.

Cando os gregos pacificaban a Hades, golpeaban as súas mans contra o chan para asegurarse de que puidera oílos.[12] Animais negros, como ovellas, eran sacrificados por el. O sangue de todos os sacrificios ctónicos, incluíndo os dedicados a Hades, goteaba a un pozo ou físgoa no chan.[13]

As súas pertenzas identificativas incluían un famoso casco, que lle deron os Ciclopes e que facía invisible a calquera que o levase. Sabíase que ás veces Hades lle prestaba o seu casco da invisibilidade tanto a deuses como a homes (como a Perseo). O seu carro escuro, tirado por catro cabalos negros como o carbón, sempre resultaba impresionante e pavoroso. Os seus outros atributos ordinarios eran o narciso e o ciprés, a Chave do Hades e Cérbero, o can de múltiples cabezas. Sentaba nun trono de ébano.

O filósofo Heráclito, unificando opostos, declarou que Hades e Dioniso, a mesma esencia da vida indestrutible (zoë), eran o mesmo deus.[14] Entre outras evidencias, Kerényi sinala que a aflixida deusa Deméter rexeitaba beber viño, que é o don de Dioniso, tras o rapto de Perséfone, debido a esta asociación, e suxire que Hades pode de feito ter sido un «pseudónimo» para o Dioniso do inframundo.[15] Incluso suxire que esta identidade dual poida ter sido familiar a quen entraban en contacto cos Misterios.[16] Un dos epítetos de Dioniso era Ctonio, ‘subterráneo’.[17]

Representacións artísticas editar

Hades é rara vez representado na arte clásica, agás nas representacións do rapto de Perséfone.[18]

Mitos editar

Perséfone editar

 
Fonte de Proserpina en Poznan (Polonia), esculpida por Augustin Schöps.

A consorte de Hades era Perséfone, representada polos gregos como a fermosa filla de Deméter.[19]

Perséfone non se someteu a Hades voluntariamente, senón que foi raptada por este mentres recollía flores nos campos de Nisa. En protesta por este acto, Deméter lanzou unha maldición sobre a terra que produciu unha gran fame negra, e aínda que un por un os deuses foron pedirlle que a levantase para que a humanidade deixase de sufrir, ela aseguraba que a terra permanecería estéril até que volvese ver a súa filla. Por fin interveu Zeus, quen a través de Hermes pediulle a Hades que devolvese a Perséfone. Este accedeu, «pero antes de partir tomou un gran de granada, que é doce como o mel e que Hades lle ofreceu porque sabía que así tería que regresar.»[2]

Deméter preguntoulle a Perséfone á súa volta á luz e ao aire: «Non probarías bocado mentres estabas abaixo? Porque se aínda non o fixeches poderás vivir con nós, pero se comiches algo, terás que volver alí, pasarás os invernos na terra profunda e cando chegue a calor e a terra estea verde poderás reunirte connosco de novo.»[2]

Isto atouna a Hades e ao Inframundo, para gran consternación de Deméter. Non está claro se Perséfone foi cómplice do asunto. Zeus propuxo un compromiso, ao que accederon todas as partes: do ano, Perséfone pasaría un terzo co seu marido.[20] É durante esta época cando o inverno cae sobre a terra, «unha expresión de tristeza e loito».[21]

Teseo e Pirítoo editar

Hades encarcerou a Teseo e Pirítoo, quen prometeran secuestrar e desposar a fillas de Zeus. Teseo elixiu a Helena, secuestrouna e decidiu retela até que tivese idade de casar. Pirítoo elixiu a Perséfone. Deixaron a Helena coa nai de Teseo, Etra, e viaxaron ao Inframundo. Hades coñecía o seu plan de raptar á súa muller, así que finxiu ofrecerlles hospitalidade e preparou un banquete. Tan pronto como a parella sentou, enroscáronse serpentes arredor dos seus pés, atrapándoos. Teseo foi finalmente rescatado por Heracles, pero Pirítoo quedou preso como castigo por ousar pretender a esposa dun deus.

Heracles editar

O último traballo de Heracles foi capturar a Cérbero. Primeiro viaxou a Eleusis para ser iniciado nos misterios eleusinos. Fixo isto para absolverse a si mesmo da culpa por ter matado aos centauros e para aprender como entrar e saír vivo do Inframundo. Atopou a entrada do inframundo en Ténaro. Atenea e Hermes axudáronlle na súa ida e volta do Hades. Heracles pediulle permiso a Hades para levar a Cérbero. Hades accedeu, mais coa condición de que non lle fixese dano. Cando Heracles sacou o can fóra do Hades, pasou pola cova Aquerusia.

Orfeo e Eurídice editar

Hades só mostrou clemencia unha vez: cando Orfeo, un gran intérprete musical, viaxou ao Inframundo para recuperar á súa esposa, Eurídice, que fora mordida por unha serpente, morrendo no acto. Incapaz de aceptar a súa morte, Orfeo foille pedir a Hades unha segunda oportunidade. Emocionado pola habilidade musical de Orfeo, Hades permitiulle a este levar a súa esposa de volta ao mundo dos vivos coa condición de que nunca intentase mirar atrás para comprobar se ela o seguía até chegar á superficie. Orfeo accedeu e partiu con Eurídice de volta ao mundo dos vivos, pero pronto lle asaltaron as dúbidas, temendo que Hades o enganara dándolle a alma equivocada, ou que a súa esposa no puidera seguilo ou o abandonara, así que acabou mirando para atrás, rompendo a súa promesa. Desta forma, Eurídice volveu de novo ao Hades, perdida para sempre por Orfeo.

Mente e Leuce editar

Segundo Ovidio, Hades perseguiu e gañaría á ninfa Mente, asociada co río Cocito, de non ser porque Perséfone a transformou nunha planta chamada menta. De forma similar, a ninfa Leuce, a quen tamén violara, foi metamorfoseada por Hades nun álamo branco tras a súa morte. Outra versión conta que foi transformada por Perséfone nesta árbore mentres estaba xunto á lagoa da Memoria.

Caronte editar

Na antiga Grecia e na antiga Roma era costume poñer unha moeda (comunmente un óbolo) dentro ou sobre a boca dos defuntos, xa que estes tiñan que pagarlle a Caronte, o barqueiro do Hades.[22]

Artigo principal: Óbolo de Caronte.

Notas editar

  1. Mike Dixon-Kennedy, seguindo a Károly Kérenyi (1951), The Gods of the Greeks p. 230, en Encyclopedia of Greco-Roman Mythology (1998) p. 143: «o seu nome significa ‘o invisible’, en contraste directo co seu irmán Zeus, que era orixinalmente visto como representante do brillo do día»; Vyacheslav V. Ivanov, Old Novgorodian Nevide, Russian nevidal’: Greek ἀίδηλος citando a Robert S.P. Beekes, Hades and Elysion en J. Jasanoff, et al., eds. (1998) Mír Curad: Studies in Honor of Calvert Watkins. Beekes mostra que a derivación de Thieme desde *som wid- é semanticamente insostible. Analogamente, a palabra hebrea para a morada dos mortos, sheol, tamén significa literalmente ‘invisible’. O Crátilo de Platón improvisa extensamente sobre a etimoloxía, co personaxe de Sócrate asegurando que o nome do deus non procede de aiedes (‘invisible’) como se cre comunmente, senón do «seu coñecemento (eidenai) de todas as cousas nobres».
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Himno homérico a Deméter.
  3. 3,0 3,1 Homero, Odisea xi.
  4. 4,0 4,1 Virxilio, Eneida vi.
  5. Oráculos sibilinos i.101–3.
  6. Homero, Ilíada xv.187–93.
  7. Walter Burkert, en The Orientalizing Revolution: Near Eastern Influence on Greek Culture in the Early Archaic Age (1992) pp. 90 e seg., compara esta única referencia co Atrahasis mesopotámico: «a estrutura básica de ambos textos é asombrosamente similar». O sorteo non era a versión habitual: Hesíodo (Teogonía 883) declara que Zeus derrocou ao seu pai e foi aclamado rei polos outros deuses. «Dificilmente haxa en Homero outra pasaxe que se acerque tanto a ser unha tradución dunha épica acadia», conclúe Burkert (p. 91).
  8. Poseidón dixo: «Eu obtiven por sorte habitar sempre no espumoso e axitado mar, tocáronlle a Hades as noitebras sombrías, correspondeulle a Zeus o ancho ceo entre o éter e as nubes; pero a terra e o alto Olimpo son de todos.» (Ilíada xv.187.)
  9. Homero, Odisea xi.488.
  10. O nome «Eubuleo» aparece máis a miúdo como epíteto de Dioniso ou Zeus.
  11. Homero, Ilíada ix.
  12. Graves, R. (1960). The Greek Myths. pp. §31.e. Hades nunca sabe que está sucedendo ni mundo superior, ou no Olimpo, salvo pola información fragmentaria que lle chega cando os mortais golpean as súas mans sobre a terra e o invocan con xuramentos e maldicións 
  13. Kerényi, K. (1951). Gods of the Greeks. pp. 231. 
  14. Heráclito, encontrándose coa festa da Faloforia, na que se desfilaba con falos, comentou nun fragmento conservado: «Se non ordenasen a procesión na honra do deus e lle dirixisen a canción fálica, sería o máis desvergonzado dos comportamentos. Pero Hades é o mesmo que Dioniso, para quen cantan e se comportan como bacantes». (Citado en Kerényi, K. (1976). Princeton University Press, ed. Dionysos: Archetypal Image of Indestructible Life. pp. 239 e seg. )
  15. Kerényi (1967) p. 40.
  16. Kerényi (1976) p. 240.
  17. Kerényi (1976) p. 83.
  18. Vermeule, Emily (decembro de 1958). "Mythology in Mycenaean Art". The Classical Journal 54 (3): 97–108. 
  19. Guirand, Felix (1959). Batchworth Press Limited, ed. Larousse Encyclopedia of Mythology. pp. 190. 
  20. Guirand (1959) p. 175.
  21. Guirand (1959) p. 176.
  22. Non sobre os ollos: todas as fontes literarias especifican a boca. Calímaco, Hecale fragmento 278 no texto de R. Pfeiffer Callimachus (Oxford University Press, 1949) vol. 2 p. 262; agora ordenado como fragmento 99 por A. S. D. Hollis na súa edición, Callimachus: Hecale (Clarendon Press, 1990) pp. 284 e seg., da Suda, especificando a boca, tamén en Etymologicum Graecum («Danakes»). W. Smith tamén especifica a boca, aínda que a arqueoloxía desmente a súa afirmación de que todos os cadáveres tiñan unha moeda (Smith, W. (1867). Little, Brown & Co, ed. "Charon". A Dictionary of Greek and Roman biography and mythology 1: 689. OCLC 68763679. Consultado o 2 de abril de 2012. ) Véxase tamén Óbolo de Caronte.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar