HMS Duke of Edinburgh

O HMS Duke of Edinburgh foi o principal buque dos cruceiros acoirazados da clase do mesmo nome construídos para a Royal Navy a mediados da década de 1900. Foi destinado ao mar Mediterráneo cando comezou a primeira guerra mundial e participou na persecución do cruceiro de batalla alemán SMS Goeben e do cruceiro lixeiro SMS Breslau. Despois de que os barcos alemáns acadasen as augas otomás, o Duke of Edinburgh foi enviado ao mar Vermello a mediados de agosto para protexer os convois de tropas que chegaban da India. O buque foi transferido á Grand Fleet en decembro de 1914 e participou na batalla de Xutlandia en maio de 1916. Non foi danado durante esa batalla, sendo o único barco do seu escuadrón que sobrevivíu. Finalmente foi transferido ao océano Atlántico en agosto de 1917 para escoltar convois. O buque sería vendido para o despedazamento en 1920.

HMS Duke of Edinburgh

O HMS Duke of Edinburgh
Historial
Estaleiro Pembroke Dock
Clase Duke of Edinburgh
Tipo cruceiro acoirazado
Posta en grella 11 de febreiro de 1903
Botado 14 de xuño de 1904
Baixa 1919
Destino vendido para o despedazamento o 12 de abril de 1920
Características xerais
Eslora 154,1 m
Manga 22,4 m
Calado 8,2 m

Descrición editar

O Duke of Edinburgh desprazaba 12.790 toneladas en baleiro e 14.189 t totalmenete cargado. O barco tiña unha eslora de 154,1 m, unha manga de 22,4 m e un calado de 8,2 m. Estaba impulsado por motores de vapor de tripla expansión de catro cilindros, que conducían a dous eixos, e que producían un total de 23.000 CV dándolle unha velocidade máxima de 23 nós (43 km/h). Os motores estaban alimentados por 20 caldeiras acuatubulares Babcock & Wilcox e 6 caldeiras cilíndricas. O barco cargaba un máximo de 2.180 t de carbón e 610 t adicionais de fuel oil que se pulverizaba sobre o carbón para incrementar a súa velocidade de combustión. A plena capacidade, podía percorrer 8.130 millas náuticas (15.060 km) a unha velocidade de 10 nós (19 km/h). A dotación do barco era de 789 oficiais e mariñeiros.

Armamento editar

O seu principal armamento consistía en seis canóns de 234 mm en torretas sinxelas. Os canóns estaban distribuídos en dous torretas na liña central (unha a proa e outra a popa) e catro torretas dispostas nas esquinas ao redor das chemineas. O seu armamento secundario de catro canóns de 152,4 mm organizouse en casamatas individuais. Estaban montadas en medio do barco na cuberta principal e só podían ser usadas co tempo en calma. Foi equipado tamén con vinte Vickers QF de 47 mm, seis nos teitos das torretas e o resto na superestrutura. O barco tamén montaba tres tubos de torpedos somerxidos de 450 mm.