Grilo (do latín grillus) é a designación común dos insectos ortópteros (Orthoptera), suborde Ensifera, que constitúen a familia dos grílídos, e que posúen, alén de longas antenas filiformes, órganos auditivos para percibir os sons que producen ao fregar as súas ás anteriores.

Soamente os grilos machos producen sons co obxecto de atraer as femias para a reprodución. Con esta finalidade os machos posúen unha serie de pelos nos bordos das ás, aliñados coma pentes, que producen sons cando rozan unha á contra outra. Cada especie produce un canto peculiar que varía coa época do ano, e que é máis intenso para atraer á femia e máis suave cando ela xa está presente e se inicia a fase do cortexo.

A femia posúe un longo órgano ovipositor característico. Estes insectos son omnívoros, pois comen tanto follas e talos coma insectos. Cavan no solo orificios con até medio metro de profundidade que terminan nunha habitación circular. A entrada do buraco é mantida sempre limpa porque aí se constitúe a zona de canto do macho.

Existen preto de 900 especies de grilos en todo o mundo, e moitas veces son confundidos cos saltóns, dos que son ben diferentes aínda que emparentados.

O grilo na cultura popular editar

Nalgunhas culturas os grilos son tidos por animais de estimación. Na China, o pousar un grilo nunha persoa significa moita sorte. En varios lugares do mundo son consumidos como alimento.

En Portugal era costume ter grilos na cociña das casas debido á crenza de que o seu canto atraía á felicidade e fortuna aos seus moradores, mentres que en Irlanda lle tiñan temor reverencial por pensar que era unha criatura encantada co poder de espantar ás fadas maléficas e moi lonxevo.

Galería de imaxes editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar