Gran Conurbación Europea

A Gran Conurbación Europea é unha rexión urbanizada do centro de Europa, a maior concentración urbana do continente. Esténdese por catro países dende Lille en Francia ata Colonia e a conca do río Rhur en Alemaña e ata Ámsterdam nos Países Baixos. O centro natural deste vasto triángulo é Bruxelas, a capital de Bélxica e da Unión Europea.

Englobaría un conxunto heteroxéneo de configuracións urbanas: grandes conurbacións coma a citada do Rhin-Rhur e a do Randstad holandés; conurbacións máis pequenas coma a de Lille-Lens-Courtrai, a propia de Bruxelas-Antuerpen-Gante e a de Aquisgrán-Liexa-Maastricht; continuos urbanos apoiados en cidades medias coma o que vai dende Breda ata Arnhem pasando por Tilburgo, ´s-Hertogenbosh e Nimega na Holanda; ou coma o que abrangue dende Valenciennes en Francia, pasando por Mons, La Louvière e Charleroi ata Namur en Bélxica; áreas metropolitanas tradicionais en torno a centros menores coma a de Eindhoven nos Países Baixos, a de Bruxas e Hasselt en Bélxica ou Dunkerque en Francia; e finalmente, satisfacendo todos os intersticios entre estes grandes e medianos aglomerados urbanos, unha infinidade de pequenas cidades, vilas e aldeas. Na práctica, a metade norte da Bélxica (toda a rexión de Flandres) e o sur dos Países Baixos (as máis poboadas con diferenza) quedarían englobadas na megalópole.

As cidades de maior importancia incluídas na rexión representan un extenso conxunto da mellor tradición histórica urbana da vella Europa: Bruxelas, Ámsterdan (ver historia urbana), Colonia, Antuerpen, Rotterdam, Düsseldorf, Dortmund, Essen, Lille, Aquisgrán, A Haia, Utrecht, Gante, Duisburgo, Liexa, Bonn, Bruxas...

Algúns estudos inda van máis aló ao incluíren esta gran rexión urbana dentro dunha xigantesca megalópole europea que se ampliaría ao través do Canal da Mancha ata Inglaterra coa Rexión de Londres e a Conurbación Central, e polo sur, seguindo o val do Rhin, área de Frankfurt (Conurbación do Main-Rhin), área de Stuttgart, ata Suíza (Basilea, Zúric) e finalmente, atravesar os Alpes ata ao val do Po (Milán, Turín, Venecia, Boloña) ou polo val do Ródano até Lión. Así mesmo inclúen a área de París. Chámana "a Banana Dourada" (the Golden Banana) pola forma e máis o brillo das luminarias nocturnas coa que se percibe dende os avións ou as imaxes de satélite. Trataríase do verdadeiro corazón, músculo e cerebro do continente.

Cantidade de poboación da Gran Conurbación Europea editar

  • Bélxica (agás Ardenas): 10 070 000
  • Conca do Rhin-Rhur: 12 650 000
  • Países Baixos (agás metade nordeste): 12 000 000
  • Conca do Randstad: 7 500 000
  • AM de Lille (só parte francesa): 3 020 000
  • AM de Aachen (só parte alemá): 1 250 000

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar