O Gloster E.28/39, (tamén coñecido como Gloster Whittle, Gloster Pioneer, ou Gloster G.40) foi o primeiro avión a reacción británico e voou por vez primeira no ano 1941. Foi o cuarto reactor en voar, tras o alemán Heinkel He 178 (1939), o termorreactor italiano Caproni Campini N.1 (1940), e o alemán Heinkel He 280 (1941).

Gloster E.28/39
Tipoprototipo experimental
FabricanteGloster Aircraft Company
Deseñado porGeorge Carter
Primeiro voo15 de maio de 1941
Principais usuariosRoyal Aircraft Establishment
Unidades construídas2

O E.28/39 foi o produto dunha especificación emitida polo Ministerio do Aire para un avión axeitado para probar os novos deseños de propulsión a chorro que Frank Whittle desenvolvera durante os anos 30. Gloster e o deseñador xefe da compañía, George Carter, traballaron con Whittle para desenvolver un avión convencional equipado cun motor turborreactor Power Jets W.1. A aeronave voou por vez primeira o día 15 de maio de 1941 e fabricáronse un par de E.28/39 para o programa de probas. Tras uns iniciais informes satisfactorios, eses avións continuaron voando para probar deseños de motores cada vez máis refinados e novas características aerodinámicas. A pesar da perda do segundo prototipo, debido a un mantemento pouco axeitado que causou un fallo crítico nun alerón, o E.28/39 foi considerado un éxito.

O E.28/39 achegou unha valiosa experiencia inicial co novo tipo de propulsión e levou ao desenvolvemento do Gloster Meteor, o primeiro caza a reacción operacional en entrar en servizo cos Aliados. O primeiro prototipo continuou os voos de proba ata 1944 e foi retirado do servizo. En 1946 foi transferido ao Museo da Ciencia de Londres, onde segue exposto a día de hoxe.[1]

Notas editar

  1. "Gloster Aircraft, E28/39, (without engine)". Science Museum Group Collection (en inglés). Consultado o 2022-04-23.