Os globósidos son un tipo de glicoesfingolípido formado por unha ceramida unida a un oligosacárido formado por azucres neutros. O oligosacárido contén varios residuos de azucres, xeralmente formados por unha combinación de galactosa, glicosa e N-acetilgalactosamina. Non teñen grupos amino libres nin carga a pH 7, o que os diferenza doutros compostos similares, como os gangliósidos, que conteñen azucres ácidos cargados.

Estrutura dun globósido

O principal glicoesfingolípido das membranas dos eritrocitos humanos é o globósido Gb4 (GalNAcβ3Galα4Galβ4Glcβ1Ce), que se denominou globósido porque foi illado orixinalmente como un precipitado birrefrinxente globular.

Características editar

Os globósidos son unha clase de lípidos complexos que pertencen á familia dos glicoesfingolípidos (un subgrupo de glicolípidos). Son lípidos anfipáticos, cunha parte hidrófoba (ceramida) e outra hidrófila (os azucres).

Describíronse máis de 130 tipos distintos de globósidos, que difiren entre eles nos ácidos graxos que compoñen a ceramida e nos azucres. Estes ácidos graxos adoitan ser de cadea moi longa, e entre eles están o lignocérico, nervónico e cerebrónico. Os paraglobósidos son moi similares e diferéncianse dos globósidos en que teñen N-acetilglicosamina en lugar de N-acetilgalactosamina.

Biosíntese editar

Unha serie de glicosiltransferases cataliza a biosíntese dos globósidos. A síntese comeza coa transferencia dunha unidade de galactosa procedente da UDP-galactosa a un glicocerebrósido para formar un enlace glicosídico β (1-4). Dado que este enlace é o mesmo que une a glicosa e a galactosa na lactosa, este glicolípido pode denominarse tamén como lactosilceramida. Esta última é o precursor dos globósidos e dos gangliósidos. Seguidamente prodúcese a adición dunha segunda unidade de galactosa a partir de UDP-galactosa igual que antes, pero neste caso o residuo galactosa terminal adopta a configuración anomérica α e dá lugar á trihexosilceramida. Para rematar a síntese dun globósido de tres azucres, unha unidade de N-acetilgalactosamina únese de forma secuencial á trihexosilceramida a partir de UDP-N-acetilgalactosamina.

 
Síntese dun globósido

Funcións editar

Os globósidos están implicados en diversas funcións de recoñecemento na superficie da membrana [1].

Un exemplo desas funcións é que son o antíxeno P do eritrocito, que é o principal receptor do parvovirus B-19 humano. Estudos recentes suxiren que os globósidos, á parte de seren os receptores primarios do B-19, actúan tamén como mediadores dos cambios da cápsula vírica requiridos para a penetración na célula do virus.[2] Hai unha pequena porción de individuos que non expresan o globósido na súa membrana, polo que son resistentes á infección por B-19.[3]

Localización editar

Os globósidos forman parte da bicapa lipídica da membrana celular, na que se sitúan coa súa parte glicídica orientada cara ao exterior da membrana plasmática. Os globósidos só se encontran na membrana das células proxenitoras dos eritrocitos, nos miocitos do corazón, nas células endoteliais e nas células dalgúns órganos como o fígado, ril e bazo. Hai que salientar que a membrana das mitocondrias e do retículo endoplasmático non presentan globósidos nin ningún outro tipo de glicolípido.

Enfermidades asociadas editar

Existen algunhas enfermidades dexenerativas asociadas a un trastorno no metabolismo dos globósidos causado por unha falta ou deficiencia dos encimas encargados da súa degradación nos lisosomas.[4] Todas elas inclúense dentro do grupo das lipidoses ou doenzas causadas por almacenamento de lípidos. Entre elas salientamos as enfermidades de Sandhoff e Fabry.

Enfermidade de Sandhoff editar

A enfermidade de Sandhoff é unha enfermidade hereditaria autosómica recesiva, ocasionada pola deficiencia dos isoencimas β-hexosaminidase A e B debido a unha mutación no xene HEXB, localizado no brazo longo do cromosoma 5. Estes encimas, no seu estado normal, son os encargados de romper o enlace glicosídico β que une a N-acetilgalactosamina, degradando así os globósidos a trihexosilceramida. En consecuencia, un defecto nestes encimas provoca a acumulación a niveis tóxicos de globósidos; particularmente nas neuronas do cerebro e da medula espiñal, causando a súa progresiva deterioración e destrución.

As manifestacións clínicas recordan á enfermidade de Tay-Sachs[5] mais cunha progresión moito máis rápida. A forma infantil preséntase nos 4 primeiros meses de vida e caracterízase por retardo psicomotor, perda de visión e audición, hipotonía seguida por espasticidade, mioclono (contraccións musculares parecidas a unha descarga), convulsións, macrocefalia (cabeza anormalmente agrandada), e manchas vermello-cereixa nos ollos, como síntomas principais. Os bebés afectados pola enfermidade de Sandhoff adoitan falecer a idade temperá, xa que actualmente non existe ningún tratamento para evitar o progreso da doenza.

Enfermidade de Fabry editar

A enfermidade de Fabry é unha doenza hereditaria recesiva ligada ao cromosoma X derivada de mutacións no xene GLA que codifica o encima α-galactosidase. Sen cantidades axeitadas de α-galactosidase non se pode degradar a trihexosilceramida, derivada dos globósidos, en partículas máis pequenas (lactosilceramida), acumulándose así en vasos sanguíneos, tecidos do fígado, ril, cerebro e corazón, o que afecta ao seu correcto funcionamento.

Entre os síntomas asociados a esta enfermidade poden encontrarse: dor nas extremidades, anhidrose (diminución na suoración), intolerancia á calor e ao frío, aparición de anxioqueratomas (grupos de puntos de cor vermella granate), opacidade da córnea así como outros problemas dixestivos, cardíacos, cerebrais, renais e nerviosos que son os que acaban causando a morte.

Notas editar

  1. David H. Jones, Clifford A. Lingwood, Kathryn R. Barber, and Chris W. M. Grant. Globoside as a Membrane Receptor:  A Consideration of Oligosaccharide Communication with the Hydrophobic Domain. Biochemistry, 1997, 36 (28), pp 8539–8547 DOI: 10.1021/bi970183a [1]
  2. Bönsch C, Zuercher C, Lieby P, Kempf C, Ros C (2010). "The globoside receptor triggers structural changes in the B19 virus capsid that facilitate virus internalization". Journal of Virology 84 (22). PMID 20826697. doi:10.1128/JVI.01143-10. 
  3. Hellberg A, Poole J, Olsson ML. (2002). "Molecular basis of the globoside-deficient P(k) blood group phenotype. Identification of four inactivating mutations in the UDP-N-acetylgalactosamine: globotriaosylceramide 3-beta-N-acetylgalactosaminyltransferase gene.". The Journal of biological chemistry 277 (22). PMID 12023287. doi:10.1074/jbc.M203047200. 
  4. [2] Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine. Os glicoesfingolípidos e defectos lisosómicos
  5. Sandhoff K, Andreae U, Jatzkewitz H (1968). "Deficient hexozaminidase activity in an exceptional case of Tay-Sachs disease with additional storage of kidney globoside in visceral organs". Life Sci. 7 (6): 283–288. PMID 5651108. doi:10.1016/0024-3205(68)90024-6. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

Enfermidades asociadas: