Giovanni Boccaccio

escritor e humanista italiano

Giovanni Boccaccio, nado en 1313 seguramente na rexión de Florencia (Italia) e finado o 21 de decembro de 1375, foi un escritor e humanista italiano. É un dos pais, xunto con Dante e Petrarca, da literatura en italiano. Compuxo tamén varias obras en latín. É recordado sobre todo como autor do Decamerón.

Giovanni Boccaccio
Nacemento1313
 Florencia
Falecemento21 de decembro de 1375
 Florencia
Causaedema
Soterradoigrexa de San Xacobe e Filipe
NacionalidadeRepública de Florencia
EtniaPobo italiano
Ocupaciónescritor de contos, poeta, diplomático, tradutor, biógrafo, mitógrafo e escritor
Xénerospoesía e narrativa
Coñecido/a porDecamerón, Elegia di Madonna Fiammetta, Buccolicum carmen, De Casibus Virorum Illustrium, De mulieribus claris, De montibus, Genealogia deorum gentilium, Corbaccio, Filostrato (poema), La caccia di Diana, Teseida delle nozze di Emilia, Amorosa visione e Trattatello in laude di Dante
Na rede
IMDB: nm0090504 Allocine: 103032 Allmovie: p316002 IBDB: 90357
Bitraga: 1721 Musicbrainz: 2c9491c4-b842-4ff6-bb86-97fdf2d435f0 Discogs: 432095 IMSLP: Category:Boccaccio,_Giovanni Find a Grave: 10865699 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Biografía editar

 
Genealogia deorum gentilium, 1532

Giovanni Boccaccio naceu en xuño ou xullo de 1313,[1] fillo ilexítimo do mercador Boccaccio (Boccaccino) di Chellino, axente da poderosa compañía mercantil dos Bardi. Nada se sabe con certeza acerca da identidade da súa nai. Discútese onde naceu Boccaccio: puido nacer en Florencia, en Certaldo ou, incluso, segundo algunhas fontes, en París, lugar ao que se desprazaba moitas veces seu pai por motivos de traballo. Sábese que a súa infancia transcorreu en Florencia, e que foi acollido e educado polo seu pai, e incluso continuou vivindo na casa paterna despois de 1319, cando o pai casou con Margherita dei Mardoli. Boccaccio viviu en Florencia até 1325 ou 1327, cando o seu pai o enviou a traballar á oficina que a compañía posuía en Nápoles.

Como Boccaccio mostraba escasa inclinación cara aos negocios, o pai decidiu en 1331 encamiñalo caro ao estudo do dereito canónico. Tras un novo fracaso, dedicouse por completo ás letras, baixo a tutela de destacados eruditos da corte napolitana, como Paolo da Perugia e Andalò di Negro. Frecuentou o ambiente refinado da corte de Roberto de Anjou, que era amigo persoal do seu pai. Entre 1330 e 1331 ensinou Dereito na Universidade de Nápoles o poeta stilnovista Cino da Pistoia, quen tivo unha influencia notable no Boccaccio mozo.

A mañá do 30 de marzo de 1331, sábado santo, cando o autor tiña vinte e tres anos, coñeceu a unha dama napolitana da que se namorou con apaixonamento —o encontro descríbese na súa obra Filocolo—, á que inmortalizou co nome de Fiammetta («Chamiña») e á que cortexou sen descanso con cancións e sonetos. É posible que Fiammetta fose María de Aquino, filla ilexítima do rei e esposa dun xentilhome da corte, aínda que isto é só un chisme, pois non se encontraron documentos que o confirmen. Fiammetta abriu a Boccaccio as portas da corte e, o que é máis importante, impulsouno na súa incipiente carreira literaria. Baixo a súa influencia escribiu Boccaccio as súas novelas e poemas xuvenís, dende o Filocolo ao Filostrato, a Teseida, o Ameto, a Amorosa visión e a Elexía de Madonna Fiammetta. Sábese que foi Fiammetta a que lle puxo fin á relación entre os dous, e que a ruptura lle causou unha fonda dor a Boccaccio.

En decembro de 1340, despois de polo menos trece anos en Nápoles, tivo que regresar a Florencia a causa dun grave revés financeiro sufrido polo seu pai. Entre 1346 e 1348 viviu en Rávena, na corte de Ostasio da Polenta, e en Forlì, como hóspede de Francesco Ordelaffi; alí coñeceu os poetas Nereo Morandi e Checco di Melletto, cos cales mantivo despois correspondencia.

En 1348 regresou a Florencia, onde foi testemuña da peste que describe no Decamerón. En 1349 falece o seu pai, e Boccaccio establécese definitivamente en Florencia, para ocuparse do que quedaba dos bens de seu pai. Na cidade do Arno chegou a ser un personaxe prezado pola súa cultura literaria. O Decamerón foi composto durante a primeira etapa da súa estancia en Florencia, entre 1349 e 1351. O seu éxito valeulle para ser designado polos florentinos para o desempeño de varios cargos públicos: embaixador ante os señores de Romaña en 1350, camarlengo da Municipalidade (1351) ou embaixador de Florencia na corte papal de Aviñón, en 1354 e en 1365.

En 1351 confióuselle a tarefa de desprazarse a Padua, onde vivía Petrarca, que coñecera o ano anterior, para invitalo a instalarse en Florencia como profesor. Aínda que Petrarca non aceptou a proposta, entre ambos os escritores estreitaríase unha amizade que duraría até a morte de Petrarca, en 1374.

A tranquila vida de estudoso que Boccaccio levaba en Florencia foi interrompida bruscamente pola visita do monxe sienés Gioacchino Ciani, quen o exhortou a abandonar a literatura e os argumentos profanos. O monxe causoulle tal impresión en Boccaccio que o autor chegou a pensar en queimar as súas obras, do que foi disuadido por Petrarca.

En 1362 trasladouse a Nápoles, invitado por amigos florentinos, esperando encontrar unha ocupación que lle permitise retomar a vida activa e serena que levaba no pasado. Mais, a cidade de Nápoles na época de Xoana I de Anjou era moi diferente da cidade próspera e culta que que coñecera na súa xuventude. Boccaccio, decepcionado, logo a abandonou. Tras unha breve estadía en Venecia para saudar a Petrarca, arredor do ano 1370 retirouse á súa casa de Certaldo, cerca de Florencia, para vivir illado e poder así adicarse á meditación relixiosa e ao estudo, actividades que só interrompeu nalgunhas breves viaxes a Nápoles en 1370 e 1371. No último período da súa vida recibiu do concello de Florencia o encargo de realizar unha lectura pública de A Divina Comedia de Dante, que non puido concluír a causa da enfermidade que lle causou a morte o 21 de decembro de 1375.

Notas editar

  1. "Vita e opere di Boccaccio. Prima parte" (en italiano). Consultado o 23/VI/2009.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar