Garelli é o nome dunha empresa italiana fabricante de motocicletas. Foi fundada en 1919 por Adalberto Garelli.

Aos 22 anos, Adalberto Garelli graduase en enxeñería e dedícase a desenvolver e perfeccionar motores de dous tempos para a empresa Fiat. Garelli abandona esta empresa en 1911 ó perder o interese polos motores de dous tempos. Continuou co deseño dun motor propio de 350cc entre 1911 e 1914. Garelli traballou para outros fabricantes de motocicletas entre 1914 e 1918, durante este tempo, gañou unha competición organizada polo exército italiano para deseñar unha motocicleta que empregou o motor que el deseñou.

Garelli Cross de 1968

En 1919, Garelli construíu unha motocicleta de 350cc que bateu unha marca de larga distancia entre Milán e Nápoles. O piloto Ettore Girardi cubriu os 840 quilómetros entre esas dúas cidades cunha media de 38,29 km/h. Moitos dos corredores italianos tales como Tazio Nuvolari e Achille Varzi empezaron a súa carreira con motos desta marca. A Garelli 350 estivo en produción ata 1926 e tivo grandes éxitos nas carreiras. A empresa tamén fabricou motocicletas para o exército italiano. Despois da segunda guerra mundial, Garelli concentrouse na produción de motocicletas de menor cilindrada e ciclomotores para o mercado europeo.

Na década dos 80 do século XX, esta empresa acadou seis campionatos do mundo consecutivos no Campionato do Mundo de Motociclismo na categoría de 125cc. Ángel Nieto gañou con esta marca tres campionatos consecutivos en 1982, 1983 e 1984. Fausto Gresini gañou os campionatos de 1985 e 1987. Luca Cadalora gañou o de 1986.

Hoxe en día a marca é propiedade da sociedade NUOVA GARELLI S.p.A., controlada por Finsec srl, un grupo de empresas de Paolo Berlusconi.

Desde hai uns anos véndense co logotipo de Garelli os scooter Ciclone, Vip e Capri todos eles producidos en Jiangmen (China) pola empresa Baotian Motorcycle Company.

Ligazóns externas editar