Gall, segundo a mitoloxía galega, é un dos fillos de Brigo, o primeiro poboador de Galicia. O seu nome tería o significado de 'bravo', 'valente', cualidade dos callaici ou galaicos, habitantes da Gallaecia.

Historia editar

Benito Vicetto, na súa Historia de Galicia, di que «dos fillos de Brigo que máis se distinguiron en difundir a poboación nas nosas costas, Artai personifica unha raza dada á vida no mar, Hiar outra entregada á vida da costa e Gall aquela que se inclina á caza nos bosques. Era Gall o máis ardido e animoso dos homes. A súa figura elevada, fermosa e hercúlea, preséntasenos entre as néboas dos tempos primitivos como as deses heroes que se admiran nas concepcións homéricas: figuras que enchen os horizontes nos que os coloca o poeta. Lanzado por instinto e por espírito de conservación á guerra dos bosques contra as feras que se gorecían neles, Gall xamais coñecía o medo, coma se alentase a súa alma o sopro omnipotente do Altísimo. Os seus marabillosos feitos nestas loitas circundan a súa fronte coa auréola dos heroes máis privilexiados. Só ou acompañado, Gall sempre saía ileso nas batidas e coa gloria do vencedor. Deus o dotara de tanta fermosura como de destreza e forza. Chegara a infundir tal terror entre as feras que fuxían por instinto. Aos seus clamores de arremetida, se desbandaban con lixeireza os lobos e os osos, coma se na súa voz recoñecesen a superioridade que Deus lle concedera sobre todo o animado».[1]

Notas editar

  1. Vicetto, Benito (1865). Historia de Galicia. Tomo I. Nicasio Taxonera.