Galicia na Idade Moderna

A Idade Moderna comezou en Galicia a fins do século XV[1] coa súa inclusión definitiva dentro do proceso de construción do estado absolutista español. A partir do que a historiografía ten chamado "doma e castración do reino", o reino de Galicia perdeu iniciativa política e autonomía económica e a súa historia debe ser considerada a partir de entón dentro do marco da española. Nomeouse un Gobernador ou Capitán xeneral, constituíuse a Real Audiencia e designáronse tamén Corrixidores para as principais cidades que, con outras figuras, fixeron posíbel a consolidación dun poder monárquico centralizado. Cos Borbóns, a comezos do XVIII, a Intendencia asumiu as competencias de facenda e militares, os correxedores as de policía e xustiza, e a Audiencia concentráronse nas de xustiza. Desde 1500 existiu unha Xunta, especie de parlamento sen poder ningún.

Historia de Galicia

Este artigo é parte da
Categoría:Historia de Galicia

Prehistoria
O megalitismo
Idade de Bronce
Idade de Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período altomedieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
Ilustración en Galicia
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra civil española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do Reino de Galicia
Cronoloxía de Galicia

Descrición editar

Cun crecemento demográfico moito máis sostido que nos reinos veciños, a mediados do XVIII o reino de Galicia chegou a triplicar a densidade de poboación de Castela. Ademais, durante este período, o 90% da poboación era rural e as vilas moi cativas, de xeito tal que a mediados do XVIPontevedra, Compostela e Ourense superaban os 1.000 veciños.

 
Mapa do Reino de Galicia, 1784.

A agricultura, complementada coa gandería, constituían o principal sector económico. De acordo coa calidade das terras existían dúas grandes zonas, occidental e oriental, a primeira de moito mellor rendemento e variedade e máis anovadora nos cultivos e sistemas de rotación. Durante este período produciuse unha perda do valor da gandería e unha preferencia polas especies estabuladas (vacas e porcos) en detrimento de ovellas, cabras e cabalos. Aumentou a intensidade do aproveitamento e, en consecuencia, reduciuse o tamaño dos predios rústicos, aumentou o regadío e os montes comunais perderon en extensión. O millo desbancou no XVI a todos os demais cultivos nas áreas litorais; na segunda metade do XVIII irrompeu a pataca, de preferencia nas zonas de interior.

Outras actividades menores incluían a pesca, o comercio e a industria. A pesca adquiriu importancia real a fins do XVIII coa chegada de fomentadores cataláns, que introduciron novas técnicas pesqueiras e lle deron pulo á industria conserveira. Aumentou a importancia das feiras comarcais, se ben non se producían excedentes dabondo nin existía un tecido comercial capaz de impulsar as exportacións, polo que este sector permaneceu estancado. Da mesma maneira, o reducido do consumo interior impediu o asentamento de núcleos industriais, decaendo a artesanía téxtil rural e as ferrarías e aumentando só o artesanato rural e as curticións.

Na Galicia do XVIII nin se produciu a explosión demográfica, nin o crecemento das cidades, nin a expansión das comunicacións, nin a revolución agrícola, nin a revolución industrial doutras partes de Europa. A mediados do século XVIII o 75% da poboación dedicábase ao sector primario e o resto repartíase entre o secundario e o terciario. Compárase isto cunha Castela máis desenvolvida, na que as proporcións son, respectivamente, de 55, 15 e 30%.

Exceptuando as cidades, a metade do territorio pertencía a señoríos eclesiásticos e o resto dividíase entre señoríos laicos e reguengos. Co tempo, con nobreza absentista e altos cargos foráneos, foi a fidalguía local quen maior beneficio obtiña do sistema de rendas e foros e das innumerábeis taxas.

O poder absoluto que tivo a Igrexa católica sobre o pensamento foi parello ao progresivo afianzamento dos métodos do absolutismo. Empeñada nun intenso programa de moralización, dela dependían o ensino, a asistencia hospitalaria e a beneficencia.

Notas editar

  1. Porén, Pegerto Saavedra sinala un período de tránsito entre a Idade Media e a Idade Moderna en Galicia que abranguería entre 1470 e 1530. Pegerto Saavedra, Da Idade Media á Idade Moderna: As bases do Antigo Réxime Galego en III Xornadas de Historia de Galicia, Ourense, 1986

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar