O selo Galega 100% identifica o leite de orixe galega para marca-la diferenza co leite foráneo. Aplícase desde o 7 de febreiro de 2011 na etiquetaxe e publicidade do leite de vaca e os produtos lácteos que se obteñan del. A maiores de identifica-la orixe do leite, garante tamén a rastrexabilidade do leite desde a granxa na que se obtivo ata que chega ó consumidor final.

Cartel do selo.

Só poderán usar este selo aqueles operadores certificados polo Laboratorio Interprofesional Galego da Análise do Leite (LIGAL), única entidade certificadora da marca. O LIGAL analiza os parámetros da produción diaria do leite.

A primeira empresa en adherirse a este sistema de calidade foi Feiraco, coa súa marca propia e maila de Unicla.

Requisitos editar

Ha proceder de explotacións gandeiras rexistradas nun Rexistro de Calidade Diferenciada establecido polo Decreto 57/2010. Estas explotacións deben cumprir unha serie de requisitos de calidade que superan os establecidos como mínimos pola normativa europea.

Estas explotacións deberán:

  • Certificar que están saneadas.
  • Ofrecer un leite que cumpra os seguintes parámetros:
    • Un número igual ou inferior a 90.000 colonias de xermes por mililitro durante un período previo de dous meses.
    • Un contido igual ou inferior a 350.000 células somáticas por mililitro durante un período previo de tres meses [1].
    • Ausencio de residuos de antibióticos durante os últimos seis meses.
  • Non ter sido sancionadas nos últimos seis meses por incumprimentos en materia de sanidade ou benestar animal nin de seguridade alimentaria.

A presenza de flora bacteriana no leite cru é algo normal pero se os recontos microbiolóxicos dan cifras altas detectan, como explicación máis plausible, condicións hixiénicas deficientes durante a muxidura ou na manipulación posterior do leite, ou tamén unha refrixeración insuficiente. Tamén é algo normal a presenza de células somáticas, fundamentalmente leucocitos ou glóbulos brancos xunto a un 1-2% de células epiteliais procedentes da descamación da glándula mamaria. Unha vaca sa pode presentar cifras de 100.000-200.000 pero valores por riba das 400.000 indican a existencia dunha mamite subclínica, e a normativa vixente prohibe a súa comercialización.

Notas editar

  1. Cómpre advertir que estes límites tampouco non son significativamente máis restritivos cós vixentes con carácter xeral ata este momento, xa que normativa de aplicación nacional (Real Decreto 1787/2007), baseada nos regulamentos europeos, xa esixía límites máximos de 100.000 colonias e 400.000 células somáticas.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Decreto 57/2010, de 8 de abril, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (DOG nº 71, de 16.04.2010) [1].

Ligazóns externas editar