Un foso[1] (do latín "fossa"), en arquitectura militar, é unha escavación profunda e regular, destinada a impedir ou dificultar o acceso do agresor á liña de defensa dunha fortaleza. A terra, retirada durante a súa escavación, pode ser utilizada para erguer muros de defensa.

Foso no Bodiam Castle.
Foso no pazo de Baddesley Clinton en Warwickshire, Inglaterra.

O tipo de enchedura pode ser "seco" ou "mollado". Unha característica moi importante é que dificulta moito os intentos de minar os alicerces dos muros mediante túneles con vista a colapsalos, por unha banda obrigando a afondar máis na escavación e por outra, no caso de haber auga, esta asolagaría eses túneles ou causaría que se tiveran que reforzar moito.

Historia editar

Europa editar

Xa aparecen fosos nos castros galegos. O seu uso xeneralízase no século XIV e século XV en Inglaterra, comezando a arrodear pazos para disuadir incluso aos intrusos máis resoltos.

Construíronse cales para desviar a auga de regueiros e ríos co fin de encher a gabia. Os fosos requirían mantemento. Cumpría dragalos para evitar que se puidera acabar formando un vao cos sedimentos, obxectos caídos accidentalmente ou guindados polos inimigos.

As pontes desmontábeis permitían atravesar o foso. No comezo eran soamente simples pontes de madeira, facilmente desmontábeis se o inimigo intentaba asaltar a fortificación. Foron substituídas por pontes levadizas e pénsiles.

Coa evolución da técnica de fortificación, constrúense tamén fosos secos. Neste caso o obstáculo constitúeo o propio foso ao establecer unha zona despexada onde o asaltante se converte nun albo doado para o fogo cruzado dos defensores encerrados na fortaleza e parapetados tralas murallas. Os baluartes sitúanse de xeito que a súa artillaría poida varrer o foso en caso de acadar este os asaltantes.

No foso, a parte do mesmo que dá ao interior da fortaleza é chamada a escarpa e a parede que dá ao campo inimigo a contraescarpa. Sobre a contraescarpa discorre normalmente o camiño cuberto e no interior do foso sitúanse as fortificacións auxiliares como revelíns, contragardas e outras construcións saíntes coma os muros corno (hornworks en inglés ou hornabeques en castelán).

Os fosos tiñan ás veces no interior longos paus de madeira, para evitar que os inimigos o atravesasen nadando.

Resto do Mundo editar

Malia asociárense comunmente cos castelos europeos, tamén foron usados nos shiros ou castelos xaponeses, dos que aínda quedan varios exemplos no Xapón. Ademais os indios de América do Norte da cultura do Misisipi escavavan fosos coma defensa externa das súas aldeas fortificadas. Os restos dun foso do século XVI seguen sendo visíbeis no Parque Arqueolóxico estatal de Parkin, ao leste de Arcansas.

Outros usos editar

Os fosos utilízanse tamén para separar animais de espectadores en moitos zoos modernos. Tamén en recintos deportivos e de espectáculos, coma no anfiteatro do parque de Castrelos en Vigo.

En 2004 suxeriuse a cobnstrución dun foso de dúas millas ao largo da fronteira sur da Franxa de Gaza para evitar que se puidera facer un túnel dende territorio de Exipto cara a cidade fronteiriza de Rafah.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar