Folosa das canaveiras
Folosa das canaveiras | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Unha folosa das canaveiras nunhas canas.
| |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Acrocephalus scirpaceus (Hermann, 1804) |
A folosa das canaveiras[2] (Acrocephalus scirpaceus) é unha ave da familia dos sílvidos (Sylviidae) e do xénero das folosas ou acrocefálidos (Acrocephalus).
Descrición editar
Son folosas de tamaño mediano. Miden de 12,5 a 14 cm de lonxitude e teñen unha envergadura de ás que vai dos 17 os 21 cm. Pesan entre 10 e 15 gramos. Os adultos teñen a parte superior do corpo castaña e a inferior branca amarelada. A testa é cha e o bico forte e aguzado. As aves dos dous sexos son semellantes. Poden vivir ata 12 anos e acadan velocidades de voo de 10 metros por segundo.
O seu canto é lento e pouco destacable, formado por estrofas curtas ás que se xuntan os típicos asubíos e a capacidade para imitar a outras aves dos acrocefálidos.
Distribución xeográfica e hábitat editar
Crían en Europa e nas zonas temperadas do oeste de Asia. Son aves migratorias, que pasan o inverno na África subsahariana. Nas partes centrais de Europa están presentes entre abril e outubro. As datas e a dirección das migracións, que os levan a viaxaren distancias de ata 6000 km, están xeneticamente marcadas.
Viven entre os xuncos e o carrizal mesto e entre a vexetación das beiras de ríos, lagos, estanques e pantanos.
Alimentación editar
Aliméntanse agatuñando e choutando entre as plantas mestas. As súas presas principais son arañas, insectos e larvas, pequenos moluscos e invertebrados en xeral.
Reprodución editar
Maduran cando teñen un ano. A época de reprodución concéntrase entre maio e xullo. Tecen un niño de herbas e carrizos que sitúan protexido nos canavais, pendurado sobre a auga entre entre os talos de tres ou catro carrizos ou xuncos. Poñen de 3 a 4 ovos, que os dous pais se roldan para chocar entre 11 e 14 días. Os polos pasan de 10 a 14 días no niño. Crían dúas ou tres niñadas por ano. Os seus niños son parasitados habitualmente polos cucos, que poñen ovos de cores semellantes.
Situación editar
As estimacións para Europa calculan a súa poboación nuns 3 millóns de parellas reprodutoras.
Notas editar
- ↑ BirdLife International (2014). "Acrocephalus scirpaceus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 28 de agosto de 2014.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada (PDF). Chioglossa. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de novembro de 2017. Consultado o 17 de decembro de 2016.
Véxase tamén editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Folosa das canaveiras |
Ligazóns externas editar
- Folosa das canaveiras (Teichrohrsänger) cantando en www.vogelstimmen-wehr.de
- Videos sobre a especie en Internet Bird Collection
- [https://web.archive.org/web/20070922203431/http://www.iucnredlist.org/search/details.php/52509/all Arquivado 22 de setembro de 2007 en Wayback Machine. Datos sobre a clasificación da especie na "Lista vermella de especie ameazadas" da IUCN]