Coordenadas: 42°52′33″N 8°33′12″O / 42.87583, -8.55333

Finis Terrae é un supercomputador galego que xurdiu a partir dun convenio asinado en marzo de 2006 coa colaboración da Xunta de Galicia para apoiar a comunidade científica que require gran cantidade de cómputo para a resolución de problemas de diversa índole. Está situado no Centro de Supercomputación de Galicia. Entrou a funcionar o 1 de abril de 2008[1] e foi durante uns meses o máis potente de España, até que entrou en funcionamento o Mare Nostrum catalán.[2] Non se atopa no TOP500.[3]

Nodos HP Integrity RX7640 (Finisterrae I)

O Finisterrae forma parte da Rede Española de Supercomputación e á iniciativa de supercomputación europea Partnership for Advanced Computing in Europe (PRACE).[4]

Para o que se creou o Cesga, e sempre apoiado enormemente pola filosofía de software libre, deseñouse unha plataforma capaz de articular diferentes proxectos científicos, aplicando os cálculos e as simulacións que os investigadores necesitaban.

O seu nome deriva da distancia existente entre Santiago de Compostela e a localidade de Fisterra.[5]

Especificacións técnicas editar

Nome Ano Sistema operativo Arquitectura Procesadores Memoria (TB) Potencia (TFlops) Top500 Ranking
Finisterrae I[6] 2008 Linux Itanium 64 (Intel) 2.528 19,584 16,179 427 (nov 2008)[3]
Finisterrae II[7] 2015 Redhat Enterprise Linux Haswell 64 (Intel), Intel Xeon 7.712 44,4 328,272
Finisterrae III[8] 2021 Linux 1.968 aprox.

Estrutura editar

 
Diagrama da distribución.

O Finisterrae está instalado na primeira planta do edificio, con forma de faba, de xeito, que ocupa unha das dúas metades. Está formado por 48 Racks distribuídos en 8 fileiras onde se sitúan tódolos nodos que o compoñen. Nos extremos, atópanse os nodos computacionais, nas dúas fileiras do centro está o nodo central, de login, a Rede de área de almacenamento (SAN) e a rede InfiniBand e Gigabit.

Os nodos sitúanse en cada fileira, enfrontados, de xeito que nos corredores onde está a parte frontal dos nodos, circula aire frío mentres as partes traseiras do nodo central expulsan aire quente. Os corredores de aire frío teñen luces azuis e os de aire quente vermellas para proporcionárenlles vistosidade aos posibles visitantes.

Tódolos compoñentes do sistema traballan usando o sistema operativo Linux, versión SuSe.

Arquitectura editar

 
Arquitectura do Finisterrae

Finisterrae I editar

O supercomputador está composto por 144 nodos de computación paralelos, están compostos do seguinte xeito:

  • 142 nodos HP RX7640, cada un con 8 procesadores Intel Itanium Montvale de dobre núcleo distribuídos en dúas celas con 4 procesadores (arquitectura NUMA) e 64 GB de RAM cada un.
  • 1 nodo Integrity Superdome HP, con 128 núcleos Itanium Montvale e 1024 GiB de RAM e outro nodo Integrity Superdome HP, con 128 núcleos Itanium 2 e 384 GiB de RAM.[5]

Outro dos elementos importantes do Finisterrae é un sistema de almacenamento xerárquico, con 22 nodos e 96 núcleos de procesamento pois é un sistema de almacenamento paralelo HP-SFS, composto por 72 armarios conectados a 864 discos duros SATA cunha capacidade total de 216 terabytes. O software de xestión empregado é LUSTER baseado en código aberto. Tamén ten un almacenamento de cinta HP ESL 712e Tape Library cunha capacidade de 2,2 petabytes comprimidos e 1440 terabytes sen comprimir. Os nodos están ligados por unha rede de interconexión DDR 4 X infinibanda cun ancho de banda efectivo de 16 Gbit/s e unha conexión de rede externa a 10 Gbit/s.

A distribución do cableado estruturado pasa por unha falsa plataforma de chan de aproximadamente un metro de alto, que podemos ver na imaxe grazas a unha parte decorativa implementada para engadir atractivo visual aos visitantes. A estrutura do edificio non permite ter unha altura dun metro en toda a extensión do falso chan, o que dificulta a distribución correcta dos condutos de cableado e aire frío.

 
Arquitectura do Finisterrae II.

Como alternativa aos fallos da rede eléctrica, o CESGA ten un xerador eléctrico que funciona grazas a un motor diésel de 12 cilindros, que para manter a autonomía durante 24 horas require dous tanques diésel de 1.500 litros. Atópase no soto do edificio e para a súa instalación foi necesario derrubar un dos muros laterais. Cando se pon en funcionamento é capaz de sacudir toda a estrutura do edificio e os seus arredores.

Ocupa unha superficie de 142 metros cadrados, pesa 33 toneladas e ten 85 quilómetros de cable[9] cunha memoria equivalente á de 40.000 ordenadores persoais e custou máis de 60 millóns de euros.[10]

Finisterrae II editar

Foi instalado en 2015 e posto en produción o ano seguinte.[11]

É un equipo bullx Bull ATOS distribuído en 8 racks ou armarios e conta con 320 nodos informáticos, 7.712 núcleos, 44.544 GB de memoria e 750.000 GB de Luster de almacenamento de alto rendemento. O Finisterrae II está baseado en procesadores Intel Haswell e está interconectado mediante red Infiniband cun rendimiento pico de 328 Tflops e sostido en Linpack de 213 Tflops.[11]

Finisterrae III editar

O Goberno galego aprobou o 5 de xuño de 2020 a compra dun novo superordenador para o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), o 'Finisterrae III' cuxa posta en marcha está prevista para marzo de 2021, o que permitirá "multiplicar por seis" a capacidade do actual, o 'Finisterrae II', cun investimento total de 7 millóns de euros. Tamén permitirá ofrecer servizos de almacenamento.[12][13]

Equipo de apoio editar

Equipamento eléctrico para o superordenador editar

Para garantir un servizo 24x7 a tódolos seus equipos, o CESGA ten unha potencia de entrada externa de 1,5 MW; dous transformadores, un de 1.600 kVA, que complementa o instalado inicialmente de 630 kVA; catro sistemas de alimentación ininterrompida dos que 2 son de 400 kVA e outras dúas unidades adicionais que dan un total de 180 kVA (120 e 60).[14] A maiores de todo o anterior, o xa mencionado xerador eléctrico de 1.125 kV A e 8 toneladas de peso, que é quen de subministrar enerxía a toda a instalación para que continúe o seu funcionamento normal durante cortes de enerxía prolongados .

Sistemas de refrixeración editar

O Finisterrae está situado nunha sala de 340 metros cadrados, todo con chan técnico, que está permanentemente baixo condicións de temperatura e humidade de 22 graos centígrados e un 50% de humidade no ambiente. Para alcanzar estas condicións, o CESGA conta con dúas máquinas de refrixeración de auga de 580 kW cada unha e 8 unidades de 120 KVA.[14] A auga fría é utilizada por 10 ventiladores que están dentro da sala e que distribúen o aire arrefriado previamente polos corredores fríos da sala. O Finisterrae, sitúase seguindo unha distribución de corredores fríos e quentes, de tal xeito que o equipo sempre toma aire frío para arrefriarse e expulsa o aire xa quente a outro corredor, onde se expulsa ao exterior. Esta distribución permite unha gran eficiencia no arrefriamento do supercomputador.

Sistemas de extinción de lumes editar

Para previr calquera posible lume por mor de todo o equipamento técnico existente, na sala está instalado un sistema de detección e extinción de incendios de gas HFC-227.[14] O funcionamento do sistema consiste en conseguir que todo o osíxeno da sala saia da sala pola acción do gas, evitando a proliferación de lume nel, xa que o osíxeno é un elemento necesario para que a combustión se poida producir.. Isto supón un risco de asfixia para o persoal que ocasionalmente traballa na habitación, polo que o sistema está preparado para deixar unha cantidade mínima de osíxeno que permita aos operarios saír da habitación e estar a salvo do lume.

Control de acceso editar

O acceso físico á sala onde se atopa o supercomputador está restrinxido. Para acceder á sala é necesario facelo superando dous sistemas de identificación diferentes. A identidade da persoa debe confirmarse mediante unha tarxeta de identificación e, ademais, que a pegada dixital do usuario corresponde coa identidade que está a acreditar a tarxeta. Do mesmo xeito, o acceso á sala grávase permanentemente en vídeo.

Aplicacións editar

A grande rede de nodos e GPUs do Finisterrae ofrecen un grande rendemento no proceso en paralelo de grandes cantidades de datos.[1] O sistema da servizo a centos de grupos de investigación e desenvolvemento, empresas e universidades; entre outros. Dende o 2017 o Sistema Virtual Galego proporciona un único púnto de acceso para os investigadores.[4] En 2018 acadáronse en total 8,6 millóns de horas de procesamento. [15]

Galería editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Computación - Cesga - Centro de Supercomputación de Galicia
  2. Redacción (8 de xuño de 2020). "‘Finisterrae III’, o novo supercomputador de Galicia 6 veces máis potente". gciencia.com. Consultado o 5 de abril de 2021. 
  3. 3,0 3,1 Centro de Supercomp. de Galicia | TOP500
  4. 4,0 4,1 Finisterrae II - Cesga - Centro de Supercomputación de Galicia
  5. 5,0 5,1 Redacción (16 de xuño de 2008). "Presentan supercomputador Finis Terrae". diarioti.com (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2021. 
  6. VV.AA. (maio 2009). CESGA ANNUAL REPORT 2008 (Anuario 2008 CESGA) (en inglés) (Santiago de Compostela: Fundación CESGA): 32. ISSN 1339-563X
  7. "FinisTerrae2". res.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04 de abril de 2021. Consultado o 11 de abril de 2021. 
  8. Galicia tendrá en 2021 un nuevo supercomputador que sextuplicará la capacidad de cálculo de su predecesor - Galicia Press
  9. Tristán, Rosa M. (16 de xuño de 2008). "'Finis Terrae', el computador con más memoria". elmundo.es (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2021. 
  10. Redacción (23 de maio de 2006). "La memoria del "Finis Terrae" será equivalente a la de casi 40.000 PC". elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2021. 
  11. 11,0 11,1 "Finisterrae II". cesga.es. Consultado o 11 de abril de 2021. 
  12. Europa Press (5 de xuño de 2020). "Galicia tendrá en 2021 un nuevo supercomputador que sextuplicará la capacidad de cálculo de su predecesor". galiciapress.es (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2021. 
  13. Montero, Tamara (4 de outubro de 2019). "El nuevo supercomputador del Cesga será seis veces más potente que el actual". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2021. 
  14. 14,0 14,1 14,2 "Equipos de apoio". cesga.es. Consultado o 1 de xuño de 2021. 
  15. Memoria CESGA 2018

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar