Fiar ou o fiado é o proceso de torcer e estirar unha fibra para obter un único fío longo e resistente.

As diversas fibras utilizadas na elaboración de tecidos procésanse de diferentes maneiras, aínda que todas inclúen un paso final da fiado no que se utiliza un fuso ou unha roca. No fuso as fibras, en Galicia de la ou liño, pero que tamén poden ser de algodón, xuta, seda e moitos outros materiais de orixe animal ou vexetal, cóllense coa man esquerda e guíanse coa dereita, da que pendura o fuso. O fuso está xirando, o que imprime unha torsión ao fío e fai que teña a característica estrutura helicoidal.

Un avance foi a introdución da roca, unha roda accionada co pé e que xira multiplicando a velocidade de fiado. A utilización do vapor para mover a roca deu lugar á Revolución Industrial.