Festival do queixo a rolos

O festival do queixo a rolos (en inglés Cooper's Hill Chesse-Rolling and Wake) é un concurso anual que se desenvolve no outeiro Cooper, en Brockworth, unha viliña do oeste de Inglaterra preto de Cheltenham e de Gloucester. O concurso consiste en botar un queixo a rolos por unha forte pendente e tentar collelo despois. Como isto raramente sucede, considérase gañador a quen primeiro baixa o monte, correndo ou a rolos.

Unha carreira o 27 de maio de 2013.

Historia editar

 
O mestre de cerimonias Rob Seex

Existen moi diversas lendas que colocan o concurso do queixo a rolos nos albores da historia, pero ningunha delas está probada. Sir James George Frazer relacionouna con poboamentos fenicios e Michael James con ritos pagáns do século VII, e incluso hai quen a relaciona co despenamento de doncelas de época romana. Porén, non existe ningunha referencia escrita e probada ata 1836, e a partir de 1884 xa é unha cita anual nos xornais locais[1].

Ao longo dos anos incorporáronse e suprimíronse diversos costumes á práctica xeral da carreira a tras do queixo, como a creación do mestre de cerimonias, carreiras de fachos, sorteos de leitóns, ou mesmo o uso de queixos de madeira durante o racionamento da segunda guerra mundial. Está probada a existencia de seis mestres de cerimonias: Thomas Organ (primeira metade do século XIX), William Brookes (1884-1934), Tom Windo (1935-1955), Edward Millard (1958-1973), Arthur Bick (1973-1989), e Rob Seex (1990-actualidade).

Características editar

O outeiro Cooper atópase a 1,5 kms da viliña de Brockworth. A súa aba norte, que é onde se celebra o certame, ten uns 180 metros de longo e unhas pendentes que oscilan entre o 50% e o 100%[2].

A proba celébrase a finais de maio. En diversas series, o mestre de cerimonias guinda a rolos do monte unha gran peza de queixo de Gloucester redonda, de ata 40 centímetros de diámetro, e deseguido saen os participantes tratando de coller o queixo ou, no seu defecto, de cruzar antes cós outros a liña de chegada ao final do outeiro. O queixo pode acadar velocidades de ata 100 kms por hora. Os vencedores obteñen de premio o queixo que o precedeu na carreira, ademais dunha mención acreditativa.

No curuto do outeiro Cooper sitúase un fito de madeira, de varios metros de longo, cun galo de metal no extremo.

Factores negativos editar

A asistencia do público ao acto, así como as carreiras dos concursantes outeiro abaixo provocaron unha forte erosión, que fixo que na década de 1970 se pensase incluso en suspender o certame [3]. Ademais, a dureza da proba, o costento do outeiro e o alcol que acompaña a moitos dos participantes fai que se produzan un bo número de lesións, fundamentalmente traumáticas. A falla dun dispositivo de seguridade fixo suspender oficialmente o festival, por exemplo, en 1998 e en 2003, se ben tiveron lugar carreiras non oficiais.

A febre aftosa fixo suspender a proba en 2003.

Notas editar

  1. Jefferies, Jean. Cheese Rolling in Gloucestershire. Tempus Publishing, Stroud, 2007, páxinas 15-48.
  2. Jefferies, Jean. Cheese Rolling in Gloucestershire. Tempus Publishing, Stroud, 2007, páxina 9
  3. Jefferies, Jean. Cheese Rolling in Gloucestershire. Tempus Publishing, Stroud, 2007, páxina 12.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar