Festa da filloa de Lestedo

A Festa da filloa de Lestedo é unha festa gastronómica celebrada desde 1984 na parroquia de Lestedo, no concello coruñés de Boqueixón. En 2008, coincidindo coa 25ª edición, foi declarada Festa de interese turístico de Galicia.

Historia editar

Naceu a partir da decisión dos veciños da parroquia de recuperar unha tradición da comarca da Ulla e prolongar os actos do entroido, caracterizado polos Altos Xenerais e Correos. Celébrase o domingo seguinte ao Martes de carnaval, tamén chamado domingo de piñata.

A gran calidade das filloas débese ao bo facer dos artesáns para manter a temperatura indicada das pedras onde se friten. Este produto gastronómico pódese degustar só, con mel, envolveitas etc. Na festa tamén son frecuentes outros produtos do país como a orella, o chourizo, o churrasco, o mel etc.

Desde 2004 o grande atractivo desta festa foi unha "máquina de facer filloas", capaz de producir ata 1.600 unidades por hora, sen alterar nin a receita nin o método de produción da filloa, o que permitiu popularizar aínda máis a degustación.

No ano 1995 completáronse as celebracións deste día festivo coa "Gran Baixada de carrilanas da República da Filloa".