A fertilidade é a capacidade dun animal, planta ou terreo de producir ou sustentar unha proxenie numerosa. Nos animais, incluído o home, é o resultado da interacción de numerosos factores, tanto biolóxicos -a idade, o estado de saúde, o funcionamento do sistema endócrino- como culturais -as prescricións respecto ao sexo e o matrimonio, a división sexual do traballo, o tipo e ritmo de ocupación-, que a fan variar espectacularmente entre situacións distintas. No ámbito hortícola, é unha medida da riqueza nutricional do chan.

A fertilidade humana foi historicamente unha cuestión culturalmente significativa. Ao ser os fillos unha fonte crucial de man de obra en sociedades agrarias ou de economía de subsistencia, a capacidade de ofrecer ao núcleo familiar unha prole numerosa era un trazo moi valorado nas mulleres, e en moitas tradicións o marido estaba autorizado a anular o matrimonio cunha esposa estéril. A esterilidade masculina, de frecuencia semellante, permaneceu moito tempo descoñecida, atribuíndose só ás mulleres a responsabilidade da reprodución, como parte do réxime patriarcal de Occidente.

Na socioloxía, a taxa de fertilidade -medida como o número de fillos por muller- empregouse como estimador fiable para o crecemento vexetativo da poboación.