Feira Mundial do Diñeiro
A Feira Mundial do Diñeiro (en inglés: World Money Fair) é un encontro anual de carácter feiral onde comerciantes, coleccionistas numismáticos e público en xeral procedentes de todo o mundo comercian con moedas antigas e modernas, billetes e outro tipo de obxectos relacionados coa numismática.[1]
Historia editar
En 1970, Albert M. Beck, naquela época editor da revista Münzen-Revue, fundou en Múnic, Alemaña, a "Organización de Bolsas de Moedas Europeas" (Organisation Europäischer Münzen-Börsen -OEMB-), xunto cos promotores doutros sete eventos similares que se celebraban no continente, coa idea de constituíren un grande mercado internacional para o coleccionismo de moedas.[1]
Dous anos despois, o 22 de xaneiro de 1972, tivo lugar en Basilea, Suíza, a primeira Bolsa Internacional de Moedas (Internationale Münzenbörse), evento que se repetiu nos anos seguintes en Berna, en Zúrich e noutras localidades, e que empezou a contar coa participación das casas de moeda europeas e internacionais, que aproveitan a ocasión para presentaren as súas novas emisións (a primeira en participar foi a canadense Royal Canadian Mint, en 1981).[1]
Esta Bolsa foi o antecedente da posterior Feira Mundial de Moedas (World Money Fair), evento no que participan anualmente arredor de 50 países, con máis de 300 expositores e arredor de 13.000 visitantes e que, en 2006, a partir da súa celebración en Berlín, fixou o seu lugar de celebración nesa cidade alemá.[1]
Ademais dos encontros comerciais, en cada edición da Feira Mundial do Diñeiro teñen lugar concursos, presentacións de moedas, exposicións temáticas e conferencias, así como a concesión do premio Vreneli ao mérito numismático, outorgado desde 1986 pola revista Münzen-Revue.[1][2]
Notas editar
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "The History Of The World Money Fair Arquivado 08 de abril de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da WMF.
- ↑ "Program. 2019 Arquivado 08 de abril de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da WMF.
Véxase tamén editar
Outros artigos editar
Ligazóns externas editar
- Sitio web da Word Money Fair Arquivado 08 de abril de 2019 en Wayback Machine.