Farsa das zocas

obra de teatro de Ricardo Carballo Calero

Farsa das zocas é unha peza teatral de Ricardo Carballo Calero publicada no nº 1 da revista Grial en 1963[1] e escrita no ano 1948 en Esteiro (Ferrol). Foi reeditada en 1971[2] e 1982 [3].

Farsa das zocas
Autor/aRicardo Carballo Calero
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Teatro
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.1963
editar datos en Wikidata ]
Portada do n.º 1 de Grial.

Foi estreada polo Grupo Fingoi en Lugo en 1953. Tamén a representaron Cantigas e Agarimos (1966, 1970). Breogania (1979), Eusebio da Guarda (1984), Xuntanza (1983).[4]

Personaxes editar

  • Edelmira de Cornido
  • Breixo da Acea
  • Divina da Acea
  • Delfino de Outeiro
  • O Gaxeiro
  • O Crebaxerros
  • O crego
  • O médico
  • O notario
  • Adelina
  • Raposo
  • Xocas de Cornido
  • O apuntador

Desenvolvemento editar

Acto I

  • Escena I

Os irmáns Breixo e Divina están sentados na cociña. Entra Edelmira e deixa fóra as zocas. Mentres os irmáns fan que dormen ela quéixase de moitas dores. Edelmira era rica e dona da casa, casou co Breixo que era o criado e Divina andaba ao xornal. Agora o marido e a cuñada folgan e non fan nada, comen e beben, pero non fixo testamento, prefire que quede todos para os curmáns.

Sae Edelmira, eles escoitaran todo e deciden irlle roubar o mel da colmea ao tío Delfino do Outeiro. Saen para o roubo e Divina leva postas as zocas da cuñada.

  • Escena II

Na curtiña e de noite preséntase o tío Delfino, dono dunha colmea que lle dá bo mel e logo marcha. Chegan os irmáns, as zocas fan ruído porque lle quedan grandes a Divina. Collen o mel, Divina di que llo dará a probar a Edelmira dicíndolle que o mercou en Filgueira. Sae Delfino a berros cos ladróns.

  • Escena III

De volta na cociña Divina dálle o mel a Edelmira para que lle pasen os males. Mais non fai efecto e morre a berros polas dores. Entra o marido, o Breixo, acompañado do Gaxeiro e o Crebaxerros. Lamentan que non deixase testamento feito.

  • Escena IV

O Notario, o Crego e o Médico xogan ás cartas mentres o Raposo, o escribente, traballa. A criada Adelina avísaos de que unha muller e uns homes queren facer testamento. O Crebaxerros explícalle ao notario que a muller está moi maliña e quere facer testamento. A Divina preséntase como Edelmira de Cornido e quere deixarlles ao marido e a cuñada, o Breixo e a Divina. Dinlles que volvan ao día seguinte polo papel, ela protesta porque está moi mala e non atura tanta viaxe. Mentres agardan polo papel Adelina tráelle chocolate á suposta enferma Divina.

Acto II

  • Escena I

Na cociña da defunta Edelmiara están Breixo, Divina, o Gaxeiro e o Crebaxerros. Divina lembra o engano do testamento e como enterraron á Edelmira co traxe de casar e as zocas repinicadas. As falsas testemuñas ofrécense para outra e todos beben.

  • Escena II

De noite e nunha carballeira preséntase o Xocas, viúvo que vai visitar a Frorinda da Pereira. Topa coa Santa Compaña e fala coa ánima da Edelmira. El dille que na parroquia a xente se estrañou de que lles fixera o testamento ao marido e á cuñada, cando se levaban coma o can e o gato.

E Edelmira dille que terá que andar sete anos polo mundo sen descanso ata que se lle abran as portas do ceo. A culpa é da cuñada e o home que lle foron roubar o mel ao tío Delfino, a Divina levaba as súas zocas postas e deulle do mel e ela comeu. E enterrárona coas zocas e así non pode entrar no paraíso. Sobre o testamento ela non o fixo, foi a Divina que puxo o seu mantelo e fíxose pasar por ela levando dúas testemuñas falsas.

A ánima pídelle tres favores a Xocas: ir á casa onde ela naceu, dicirlles aos novos donos que durante sete anos lle poñan unha cunca ao xantar e chamen por ela, irlle pedir perdón ao tío Delfino polo roubo da colmea.

  • Escena III

A mesma disposición de personaxes que na escena IV do acto I.

Xogan ás cartas e logo van marchando. A Adelina fai entrar ao Breixo xunto ao notario. Nun longo parrafeo o Breixo cóntalle ao notario a aparición da Santa Compaña, os mandados da ánima e a falsidade do testamento. Pídelle que desfaga o testamento, o notario négase e ameázao co cárcere. Breixo tamén ameaza o notario e dille que as testemuñas están dispostas a falaren. Este pregúntalle se a ánima da Edelmira lle mandara que dixera que o testamento era falso ou só lle comentou o caso. Breixo responde que o que é mandar non llo mandou pero... E o notario vai resolver o caso ao seu xeito.

  • Escena IV

Están na cociña Breixo, Divina e Xocas. Breixo lémbralles a obriga do xantar e que non se vai meter no do testamento.

Póñenlle a cunca á defunta Edelmira, chámana e... algo pasará que remata a acción. Sae o apuntador e di: remata eiquí a farsa das zocas.

Características editar

Na edición de 1971 dise:

Se A farsa das zocas, polo seu ambiente, se inserta na liña da temática de inspiración popular, as liberdades de expresión escénica nela patentes, a estilización dos persoaxes e a técnica de presentación directa dos mesmos, están moi lonxe dos usos do sainete rural de tipo realista [5]

E o autor engade no prólogo:

Na Farsa, inspirada na épica popular, importan pouco as tres unidades, ao menos as de tempo e lugar, e se hai que presentar unha persoa do drama, abonda con que ésta se adiante cara o púbrico e se identifique por sí mesma, procedimento tran primitivo que resulta tan moderno, e plausible sempre para o espectador verdadeiramente inxenuo ou verdadeiramente culto. [6]

Carmen Suárez Rey sinala:

... temos que concluír recoñecendo que a Farsa das zocas é unha obra baseada na realidade da vida galega, sobre todo da vida galega rural daquela época, a inmediatamente anterior ao momento en que se escribiu. Así pois, insírese na liña temática de inspiración popular, pero cun senso novo moi lonxe do trasnoitado sainete rural de tipo realista.

Carvalho Calero segue na liña de Castelao e Blanco Amor, aplicando as técnicas da farsa a un tema e uns personaxes tirados da vida rural e da tradición, combinando escenas realistas con outras expresionistas e ademais, utilizando recursos técnicos que a fan culta. Polo tanto, non é teatro costumista, combina á perfección ambos os dous elementos, o popular e o culto. É unha peza entre a tradición e a vangarda. Hai nela unha estilización que a diferencia claramente do teatro rural decimonónico. Conta ademais con demasiada esaxeración, coa ruptura dos convencionalismos do teatral, non oculta os recursos dramáticos e, sobre todo, mostra unha total despreocupación pola verosimilitude.

Entre tradición e vangarda é, pois, onde debemos situar a Farsa das zocas.[7]

Segundo Sindo Villamayor:

A técnica resulta adecuada á concepción da obra; hai na peza unha estilización que a diferencia claramente do teatro rural decimonónico: a presentación das personaxes por si mesmas –tópico do teatro chinés- dá unha lixeireza, unha ironía, unha falsa inxenuidade á obra, que non deixa a menor dúbida de que non intenta reproducir de maneira realista anécdotas da vida rural, senón que as estiliza, procurando un efecto artístico[8].

Para Henrique Rabuñal:

É a súa peza máis popular. Ambientada na vida rural galega da posguerra, está baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Caricaturesca, humorística, próxima ás grandes farsas do noso teatro, aborda o tema do interese económico.[9]

Notas editar

  1. Carballo Calero, R. (1963). "Farsa das zocas" (PDF). Grial (Vigo: Galaxia) (1): 67–79. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de febreiro de 2021. Consultado o 06 de xuño de 2021. 
  2. Carballo Calero, Ricardo (1971). Catro pezas. A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro. Editorial Galaxia. 
  3. Carballo Calero, Ricardo (1982). Teatro completo. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-116-3. 
  4. Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 148. ISBN 978-84-9151-436-7. 
  5. Carballo Calero 1971, p. lapela.
  6. Carballo Calero 1971, p. 12.
  7. "Farsa das zocas: entre a tradición e a vangarda". Consultado o 13/03/2018. 
  8. Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior (1940-1950). Ed. A Nosa Terra. p. 1040. ISBN 84-89679-05-3. 
  9. Rabuñal, Henrique. "Carvalho Calero na historia do noso teatro". adiante.gal. Consultado o 17/10/2018. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar