Farmacopea

obra enciclopédica que recompila receitas de produtos con propiedades medicinais

Unha farmacopea é unha obra enciclopédica que recompila receitas de produtos (vexetais, en principio, animais e minerais máis tarde, e substancias químicas na actualidade) con propiedades medicinais, reais ou supostas, na que se inclúen os modos de preparación.

Farmacopea chinesa.

Na actualidade, son libros oficiais que "non só deben conter as regras e preceptos que teñen que observarse na preparación dos medicamentos oficinais, senón tamén os outros principios e indicacións propias de tales medicamentos para que sirva de norma e pauta obrigatoria na elaboración dos preparados galénicos ou de composición non definida, e de guía na dos preparados químicos ou de composición definida" (segundo reza unha ordenanza da Farmacopea Española).

Etimoloxía editar

O termo farmacopea deriva do grego helenístico φαρμακοποιΐα pharmakopoiía de φαρμακο- (pharmako-), 'medicamento, droga', seguido pola forma verbal ποι- (poi-, de ποιέω) 'facer, fabricar' e finalmente coa terminación nominal -ια (-ia). Estes tres elementos xuntos poderíanse traducir como 'a arte de preparar os medicamentos'.

O grego translitérase en latín deste xeito: φ (f), κ (k) e οι (oi) escritas respectivamente como ph, c e oe, polo que dá, en latín científico, a palabra pharmacopoeia, de onde, en galego, farmacopea.

Historia editar

Antigüidade e Idade Media editar

Aínda que houbo escritos moi antigos sobre herbas medicinais, como, por exemplo, os Papiros Ebers e Edwin Smith, no Antigo Exipto, a farmacopea de Plinio o Vello[1] e De Materia Medica (Περί ύλης ιατρικής), tratado en cinco volumes escrito orixinalmente en grego por Pedanius Dioscorides no século I, están consideradas como as máis grandes obras neste campo. A última, O Dioscórides, está considerada como a precursora de todas as farmacopeas modernas, e é un dos máis influentes libros sobre plantas na historia; de feito, usouse amplamente até os anos 1600.[2]

Varios libros antigos de farmacopea foron escritos por médicos persas, como Al-Razí.[3] Tamén debemos considerar O Canon da Medicina ou Qanum de Avicena de 1025, e as obras de Ibn Zuhr (Avenzoar) no século XII (e impresas en 1491),[4] e de Ibn Baytar no século XIV.

Durante a dinastía Tang (618-907), publicouse o Xinxiu bencao (659), a primeira farmacopea chinesa financiada por un goberno imperial.[5] Trátase dun dos textos farmacolóxicos ilustrados máis antigos que se coñecen.[6]

Renacemento editar

En Europa publícanse farmacopeas desde o Renacemento e, máis tarde, estes libros serían de obrigada presenza nas oficinas de farmacia.

La primeira farmacopea europea editada baixo autoridades cívicas imprimiuse en Núremberg; un estudante viaxeiro chamado Valerius Cordus mostrou unha colección de receitas médicas que el recompilara de escritos das máis eminentes autoridades médicas, aos médicos da cidade, que urxiron a súa publicación en beneficio dos farmacéuticos, e obtiveron a autorización para publicala do senado da cidade. A obra coñécese como o Antidotarium Florentinum, e foi publicada baixo a autoridade do Colexio de Médicos de Florencia en 1498.

A segunda foron as Concòrdies de Barcelona, editadas en 1511, concordadas entre o Colexio de Boticarios e o de Doutores en Medicina de Barcelona.

O termo Pharmacopoeia aparece por primeira vez no título nun libro publicado en Basilea en 1561 polo doutor A. Foes, pero non se xeneraliza o termo, nos títulos dos libros, até o século XVII.

Antes de 1500 as obras principalmente usadas polos boticarios eran tratados simples de Avicena e Serapio, De synonymis e Quid pro quo de Simon Januensis, o Liber servitoris de Bulchasim Ben Aberazerim, que describían as preparacións feitas con plantas, animais e minerais, e o Antidotarium de Nicolaus de Salerno, contén fórmulas galénicas ordenadas alfabeticamente.

O doutor Nicolaes Tulp, alcalde de Ámsterdam e respectado cirurxián xeral, reuniu a todos os médicos e químicos amigos e xuntos escribiron a primeira farmacopea de Ámsterdan en 1636, a Pharmacopoea Amstelredamensis.

Farmacopeas nacionais editar

Nos nosos días, o termo farmacopea designa xeralmente unha relación, de carácter oficial e regulamentario, das materias primas autorizadas nun país ou nun grupo de países para a fabricación de medicamentos. Existen farmacopeas nacionais, como a farmacopea dos Estados Unidos, a francesa (denominada codex até 1963), a arxentina, a española, a brasileira etc. e farmacopeas internacionais, como a Farmacopea europea, publicada polo Consello de Europa, e a Farmacopea internacional, publicada a nivel mundial pola OMS.

Por metonimia, o termo farmacopea designa tamén o conxunto dos medicamentos, sobre todo das plantas, utilizadas nunha rexión ou nunha época determinada.

España e países de fala española editar

España editar

A orixe da farmacopea en España está en tratados como De Re Medica de Dioscórides, primeira obra de interese puramente farmacéutico, e que expón unha serie de produtos vexetais con propiedades medicinais así como as patoloxías ás que se poden aplicar ditos remedios e as partes do vexetal a utilizar. Tamén os Akrabaddin de médicos medievais como Mesué[7] e o persa Al-Razí pódense considerar como verdadeiros precursores das farmacopeas. Neles incluíanse tamén técnicas para detección de adulteracións e sinonimias das drogas vexetais, así como un completo manual de xestión da primitiva Oficina de farmacia.

Como quedou dito, a primeira farmacopea do mundo é o chamado Antidotario florentino de 1498, pero en España non se producirían farmacopeas até a chegada da Farmacopea apotecarium barchinonensis elaborada polo Colexio de Boticarios de Barcelona. Desde a aparición desta, cada rexión, reino ou cidade produciría os seus propios receitarios, antidotarios ou farmacopeas de forma local.

Unicamente no século XVIII, baixo o reinado dos Borbóns, produciuse a unificación de todas as farmacopeas españolas nunha única farmacopea común a todo o Reino de España, coa publicación, en 1794, da Pharmacopoea Hispana, máis tarde denominada Farmacopea Española.

México editar

O primeiro antecedente dunha farmacopea en México foi o Códice Badiano escrito en 1522, o cal trata acerca dos usos medicinais de moitas plantas autóctonas do México prehispánico.[8]

No ano de 1821 editouse en México, xa independente e por primeira vez, o Formulario Magistral y Memorial Farmacéutico de Garcicourt, dedicado ao alcalde e farmacéutico Vicente Cervantes. Juan Manuel Noriega, mestre da Universidade Nacional Autónoma de México, considera esta obra como a primeira Farmacopea Mexicana, pero foi Leopoldo Río de la Loza, farmacéutico notábel, xunto con Vargas, da Academia de Farmacia, os que se dedicaron a preparar a Farmacopea Mexicana que vé a luz en 1846, coincidindo coa invasión estadounidense.

O 26 de setembro de 1984 confórmase oficialmente a Comisión Permanente da Farmacopea dos Estados Unidos Mexicanos, que é un corpo colexiado de profesionais expertos, asesor da Secretaria de Salud (México) e cuxa principal facultade é participar na actualización permanente da farmacopea e os seus suplementos.

Actualmente circula en México a 10ª edición da Farmacopea dos Estados Unidos Mexicanos (2011), tamén coñecida como FEUM, que é o documento oficial que regula a calidade dos medicamentos e outros produtos para a saúde en México. Outros documentos que incorporou a FEUM son os suplementos especializados en farmacias (cuarta edición, 2010; herbolaria, 2001; homeopática, segunda edición, 2007) e dispositivos médicos (segunda edición, 2011).[9]

Arxentina editar

Na Arxentina, a primeira edición da "Farmacopea Arxentina data de 1898.

Portugal e o Brasil editar

A Farmacopeia Brasileira é o Código Oficial Farmacéutico seguido no Brasil. Ten como función principal establecer os requisitos mínimos de cualidade de medicamentos e outras formas farmacéuticas para o uso en saúde. Esta entidade pertence á Axencia Nacional de Vixilancia Sanitaria (ANVISA)[10]. É a entidade homóloga do INFARMED en Portugal.

A primeira edición da Farmacopeia Brasileira data de 1929.[11] En decembro de 2010 apareceu a quinta edición, revogando as anteriores de 1929, 1959, 1976 e a iniciada en 1988 (fascículos de 1996, 2000, 2001, 2002, 2003, 2005).

Reino Unido editar

Contra 1617 publícase a primeira Farmacopea de Londres autorizada, que seleccionaba as máis importantes receitas das obras de Mesué e Nicola Deoprepio, máis coñecido como Niccolò da Reggio ou Nicolaus de Salerno, pero con numerosos erros que fixeron que toda a edición fose retirada, e unha nova edición publicada máis tarde. Outras edicións da London Pharmacopoeia publicáronse en 1621, 1632, 1639 e 1677, pero non foi até a edición de 1721, publicada baixo os auspicios de Sir Hans Sloane, cando se produciron importantes alteracións, suprimíndose moitos remedios ridículos, como os baseados en excrementos de can, miñocas, e en musgos criados en caveiras humanas. O gran cambio efectuouse na edición publicada en 1746, na cal só aparecen as preparacións aprobadas pola maioría dos membros do comtié da farmacopea. En 1809 adoptouse a nomenclatura química francesa. Subsecuentes edicións publicáronse en 1824, 1836 e 1851.

A primeira British Pharmacopoeia publicouse en lingua inglesa en 1864, pero con xeral insatisfacción entre a profesión médica e dos químicos e drogueiros, polo que o General Medical Council publicou unha edición emendada en 1867.

A primeira Edinburgh Pharmacopoeia foi publicada en 1699, e a última en 1841. E a primeira Dublin Pharmacopoeia, en 1807, e a última en 1850.

Outras farmacopeas nacionais editar

  • Farmacopea americanaUSP (United States Pharmacopeia, USP 31 para a actual 31ª edición).
  • Farmacopea xaponesaJP (dispoñíbel en inglés: Japanese Pharmacopoeia).
  • Farmacopea indiaIP (igualmente dispoñíbel en inglés: Indian Pharmacopoeia).
  • Farmacopea helvétcaPh. Helv.
  • Farmacopea francesaPh. Fr. (Ph. Fr. X: actual 10ª edición).
  • Farmacopea belgaPh. Belg. (Ph. Belg. VI: actual 6ª edición, idéntica á Ph. Eur. II).
  • Farmacopea británicaBP (British Pharmacopoeia).
  • Farmacopea alemáDAB (Deutsche Artzneibuch).
  • Farmacopea austríacaÖAB (Österreichisches Artzneibuch).

Farmacopeas internacionais editar

Efectuáronse acordos entre as tres "grandes" farmacopeas (a Farmacopea europea, a Farmacopea Americana (USP) e a Farmacopea xaponesa) co fin de harmonizar a presentación de monografías etc.

Farmacopea homeopática editar

A homeopatía conta tamén con farmacopeas, receitarios completos e manuais sobre homeopatía. Son guías completas sobre a elaboración dos fármacos homeopáticos destinados aos profesionais médicos e farmacéuticos. Neles inclúense todos os pasos e fundamentos que deben seguir os técnicos e profesionais á hora de producir este tipo de fármacos, que teñen como base materias primas vexetais, animais e minerais.

Notas editar

  1. van Tellingen, C. (2007): "Pliny's pharmacopoeia or the Roman treat" in Netherlands heart journal, 15 (3), páxs. 118–20.
  2. Timeline: Pedanius Dioscorides, c. 40–90 CE
  3. Philip Khuri Hitti (cf. Dr. Kasem Ajram, 1992), Miracle of Islamic Science, Appendix B, Knowledge House Publishers. ISBN 0-911119-43-4.
  4. Krek, M. (1979): "The Enigma of the First Arabic Book Printed from Movable Type" in Journal of Near Eastern Studies', 38 (3) páxs. 203–212 PDF
  5. Goldschmidt (2022): 137.
  6. Ming (2018): 309.
  7. Mesué, Juan Mesué o Mesué, o mozo, foi un suposto científico árabe que realizou os famosos Cánones, sobre a doutrina médica de Galeno de Pérgamo e as teorías de Avicena. Moitos autores cren que se trata en realidade dun grupo de alumnos de Avicena, e non dunha soa persoa. Até o século XVIII, creuse que era rei de Damasco e erudito creador dos Cánones. Así se pode ver na Cartilla pharmaceutica, chimico-galenica de Pedro de Viñaburu. En realidade, aparece en torno ao século XI e o seu nome orixinal é Masawayah al-Mardini. Segundo o seu único biógrafo, León o africano, acéptase no mundo latino como Mesué o novo. A sú principal obra, como queda dito, son os chamados Cánones, que están recompilados por primeira vez en latín en De medicinis universalibus et particularibus (publicado en Venecia en 1471).
  8. Dito códice actualmente está depositado no Instituto Mexicano do Seguro Social.
  9. Historia de la Farmacia en México (CNQFB). Arquivado 02 de marzo de 2010 en Wayback Machine. (en castelán)
  10. Farmacopéia Brasileira Arquivado 02 de setembro de 2011 en Wayback Machine. (en portugués)
  11. Desafíos para a Farmacopéia Brasileira (en portugués)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Goldschmidt, A. (2022). Pre-standardised pharmacology: Han through Song. En Lo, V. et al. (eds.), The Routledge Handbook of Chinese Medicine (133-145). Routledge. doi 10.4324/9780203740262-10 ISBN 9780415830645
  • Ming, C. (2018). Fanciful images from abroad: picturing the other in Bencao pinhui jingyao 本草品彙要. En Lo, V. e Barrett, P. (eds.), Imagining Chinese Medicine (305-314), vol. 18. Brill. doi 10.1163/9789004366183 ISBN 9789004362161

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar