Falcón albar
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Falconiformes
Familia: Falconidae
Xénero: Falco
Subxénero: Hierofalco
Especie: F. rusticolus
Nome binomial
'Falco rusticolus'
Linnaeus, 1758
Sinonimia

O falcón albar (Falco rusticolus) é a especie de falcón de maior tamaño. De distribución circumpolar, cría nas áreas boreais de Eurasia e Norteamérica.

Descrición editar

É un falcón moi grande, case do talle dun miñato. A lonxitude do seu corpo vai dos 48 ós 61 cm., dos que de 19 a 24 corresponden á cola. As ás teñen de 130 a 160 cm. de envergadura. Aínda que algúns autores citan lonxitudes menores. Os meirandes son, en xeral, femias. O peso medio dun macho é duns 1070 gramos; o das femias de 1710 gramos, pero o peso varía entre 960 e 1300 no caso dos primeiros e entre 1400 e 2000 nas segundas. A diferenza de tamaño non é a única mostra de dimorfismo sexual: os machos amosan a miúdo unha plumaxe algo máis pálida.

As ás son máis anchas no seu nacemento cás do falcón peregrino, a súa zona braquial e máis longa e a parte das "mans", máis aguzadas. Destaca moito a súa cola, moi longa e ancha. A cera do peteiro e as patas son de cor gris azulada nos xoves, mentres que nas aves adultas son amarelados. O iris dos ollos é castaño escuro, rodeado por un anel ocular amarelo. O bico e de cor azul agrisado, coa punta máis escura. Ademais son de aspecto máis robusto cos peregrinos.

 
Falco albar norteamericano

A coloración da plumaxe do falcón albar é moi variable, dentro dun amplo espectro que vai de aves case totalmente brancas con só as puntas das ás negras, ata exemplares practicamente negros. Hai exemplares coa parte superior do corpo uniformemente gris ou castaña agrisada e aves grises con listas escuras e o ventre completamente branco.

A literatura ornitolóxica adoita describir ó falcón albar coma trimorfo, distinguindo entre formas brancas, grises e escuras. Mentres tradicionalmente algúns estudos (Génbso e Mebs) relacionaban a coloración coa área xeográfica na que viven os falcóns, atribuíndo as coloracións brancas principalmente a Groenlandia e o leste de Siberia, as grises a Islandia e o sur de Groenlandia, e as escuras a Escandinavia, norte de Finlandia e norte de Rusia, as observacións feitas polo ornitólogo Todd en 1963 amosan que a coloración é unha característica individual e non xeográfica, como amosaría a presenza de polos de cores diferentes dentro da mesma niñada. Os posteriores estudos estatísticos de Popatov e Sale confirman esta opinión. A plumaxe branca sería unha característica monocigótica recesiva, as que van do gris claro ó gris escuro heterocigótica e a plumaxe castaña escura monocigótica dominante. As diferentes formas de coloración poden aparecer en tódalas poboacións: de 55 adultos observados en 1968 na península de Seward en Alasca o 12,7% eran grises acastañados, o 56,4% grises, o 16,4% grises claros, o 5,5% de cor crema con faixas grises e o 9,1% eran brancos. Unha coloración pode perder presenza co tempo. O número de falcóns brancos na península de Kamchatka era entre 1981 e 1990 do 39,3%, e entre 1991 e 1999 do 20% (Popatov, S. 60)

O tema das subespecies editar

Na literatura ornitolóxica máis antiga recoñecíanse entre 4 e 7 variedades de falcón albar, que se diferenciaban pola cor da plumaxe. A demostración de que as diferentes coloracións se reparten por tódalas áreas xeográficas, fai que a cor non poida ser tida en conta para a división subespecífica. Hoxe non se fai diferenciación de razas dentro da especie. Unha especie coñecida antes coma Falcón albar do Altai, (Falco altaicus) é agora recoñecida coma un cruzamento entre o falcón albar e o falcón sacre (Falco cherrug).

Distribución e hábitat editar

Distribución editar

 
Distribución do falcón albar
verde escuro: Sedentario
laranxa: No verán; Xoves en xeral migratorios
azul: Distribución post-reprodutora

É unha ave de distribución circumpolar, que cría en zonas árticas e subárticas. Ás zonas de cría máis boreais en Eurasia están na península de Kamchatka e en Norteamérica en Long Island, na costa da baía de Hudson. En Europa cría en Islandia, Noruega, Suecia, Finlandia e Rusia. En Asia cría só en Rusia. En América, no Canadá, Alasca e Groenlandia.

A fronteira norte da súa distribución márcaa en boa parte a presenza dos lagópodos, que son a súa presa fundamental. Exemplares cun espectro alimentario máis variado poden criar máis ó norte cós lagópodos. precisan para cazar espazos abertos con vexetación baixa, pero que ofrezan tamén acantilados ou zonas con árbores. A tundra e a costa mariña, preto da colonias de aves son os seus hábitats típicos. O seu límite sur márcao a zona onde a tundra se transforma en bosque mesto.

Áreas de cría editar

O falcón albar cría en toda Islandia, coa meirande concentración de poboación no norte da illa. En Noruega o punto máis o sur da área reprodutora achase en Sirdalsheiene e de alí vai ata o val do río Pasvik ó norte. En Suecia cría case exclusivamente na zona de tundra alpina, incluíndo Laponia. En Finlandia cría na área máis setentrional ata as provincias de Inari e Utsjoki. Non hai datos sobre os límites da zona de cría en Rusia. Crese que van da península de Kola ata Siberia, ó norte do círculo Polar Ártico, aínda que falten nas illas polares rusas. En Norteamérica a súa zona de reprodución vai, en Alasca dende as illas Aleutianas á península de Seward e da cordilleira Brooks as montañas Chugach. No Canadá crían sobre todo nas illas árticas coma Ellesmerel, tamén en zonas interiores polares ou da estepa arborada. Chegan a zonas do norte do Quebec, Labrador e Columbia Británica. En Groenlandia crían na costa.

Migracións editar

Non teñen unha conduta migratoria uniforme. En boa parte do oeste da súa distribución son sedentarios ou fan pequenos desprazamentos. En Escandinavia os adultos adoitan ser sedentarios, mentres que os inmaturos teñen unha conduta errante. De feito son máis das veces individuos novos os que aparecen en zonas europeas alleas á súa área de distribución habitual, coma Dinamarca.Os exemplares reprodutores da tundra rusa son migratorios e desprázanse traxectos de 1000 a 2000 km. ata a zona da taiga. Os do leste de Groenlandia emigran en setembro cara a Islandia, e volven en abril. Os do sur da illa son sedentarios.

Reprodución editar

Cortexo e aparellamento editar

A abundancia de poboacións de Lagopus muta desencadea o inicio da época reprodutora. Esta ave e case o seu único alimento durante o inicio da época de cría, agás naquelas zonas onde ten abundancia doutras presas á súa disposición, coma lemings ou aves mariñas. A cerimonia nupcial empeza a miúdo xa en febreiro, con reverencias entre a futura parella, chíos intensos e entrega de alimento á femia polo macho. O macho indica a zona do niño á femia en círculos por riba ou en oitos diante do lugar escollido. Ás veces leva presas no bico durante estes voos. As cópulas, que son postas en marcha pola femia, non teñen lugar en xeral preto do niño e duran ata que comeza a posta dos ovos.

Territorio de caza e niño editar

O territorio de caza abrangue entre 63 e 137 km². Só o territorio inmediato o niño e defendido con intensidade, principalmente fronte ós conxéneres. Os niños doutras especies son tolerados a distancias relativamente curtas. Ás veces os territorios de parellas veciñas solápanse Non fan un auténtico niño: aproveitan saíntes nos acantilados para por directamente os seus ovos sobre unha cuberta de musgo ou liques ou aproveitan niños doutras aves de rapina ou de córvidos, ós que en ocasións expulsan do niño acabado de facer. Na tundra arborada aproveitan niños nas árbores. Usan o mesmo niño varios anos, nalgún caso durante decenios.

A posta e a incubación editar

En Islandia, Canadá, Rusia e Escandinavia comezan a poñer a primeiros de abril. En zonas máis árticas agarda a maio. Dende dez días antes de empezar a poñer a femia e alimentada polo macho. O intercambio de presas faise case sempre no aire. Os ovos son postos separados por dous ou tres días, son amarelados con manchas ou pencas acastañadas. Poñen normalmente entre tres e catro ovos. A femia permanece no niño a partir da posta do primeiro ovo, pero a verdadeira incubación comeza cando pon o terceiro. Chocan de 34 a 36 días, durante os que o macho se ocupa de traer alimento.

Os polos editar

 
Crías de falcón albar
 
Falco rusticolus

Os pitos saen do ovo con certa sincronía, de xeito que nunhas 72 horas están todos fora da casca. Non son agresivos entre eles, pero compiten pola comida. Durante a incubación e os primeiros 18-25 días da cría dos pitos é case exclusivamente o macho o que fornece as presas, que entrega á femia case sempre fora do niño, en voo, ou, ás veces, pousándoo nun saínte de pedra preto do niño. As femias comezan a cazar para os polos durante a terceira semana, cando o macho empeza a traer alimento directamente ó niño. A femia esnaquiza as presas para abicada-las crías, mentres que o macho ten tendencia a entregarlle- las enteiras.

Os xoves falcóns deixan o niño cando teñen entre 46 e 53 días, e son mantidos polos pais catro u seis semanas máis. parecen aprender as técnicas de voo máis a modo ca outros falcóns: poden pasar despois do primeiro voo unha semana no chan, a onde os pais lles levan a comida. As femias comezan a remuda-las plumas durante a incubación, mentres que os machos o fan dúas semanas máis tarde.

Esperanza de vida editar

Calcúlase que un 50% dos falcóns morren durante o primeiro ano de vida: ovos e polos son vítimas de aves que rouban os niños, coma os córvidos. Despois a taxa de mortalidade rebe. O exemplar máis vello coñecido tiña unha ducia anos. As femias son fértiles xa ós dous ou tres anos, os machos, ós catro.

Alimentación editar

 
Unha Lagopus muta, presa habitual do falcón albar

As Lagopus muta (xénero Lagopus) son a presa principal do falcón. Na época de cría poden constituír case o 100% da súa alimentación. Obxecto de caza habitual son tamén os lemings, a lebre ártica, distintas variedades de paxaros pequenos e parrulos. A importancia deste tipo de presas medra co verán. Os exemplares que viven preto de colonias de aves mariñas cazan tamén limícolas.

Empregan dúas técnicas de caza. Poden caer en picado sobre a presa despois dun voo de observación en círculos. A velocidade do picado foi calculada por diversas observacións non totalmente contrastadas entre 160 e 208 km. por hora. Poden tamén voar moi preto do chan para sorprender as aves cando arrincan a voar. este tipo de caza pode ser interrompida para pousarse nun punto de espreita baixo e localizar ás presas. Cando as localiza, voa aproveitando elevacións do terreo para agacharse e achegarse o máis posible o seu obxectivo.

O éxito do falcón na caza dos lagópodos depende do momento no que se aproximen a estes. Cando alcanzan a súa máxima velocidade, os lagópodos poden fuxir, en xeral, do ataque, polo que o cazador tenta de pilla-los cando están a levanta-lo voo. Por observacións na cetrería sábese que en ocasións os falcóns tentan esgotar ás presas ata obrigalas a pousarse no chan para cazalas.

Un falcón albar precisa entre 240 e 300 gramos de carne ó día, As necesidades dos polos varían loxicamente coa idade, precisando de media uns 170 g.

As gadoupas dos falcóns auténticos serven só para atrapar ás vítimas, que, se non morreron a causa do impacto `producido na caza, son rematadas cun golpe do bico. En xeral a presa e esnaquizada e consumida no lugar da morte, agás cando debe ser transportada ó niño para alimento das crías. se a caza e abundante poden gardar depósitos de comida que é consumida máis tarde. Cazan de día e o lusco fusco, xa que teñen bos visión en condicións de pouca luz.

Status editar

Non son doados de ver na natureza, polo que os cálculos sobre as súas poboacións son estimativos. Os ornitólogos Popatov e Sale calcularon, baseándose no tamaño do territorio de caza necesario para manter unha parella, que a poboación total mundial debía ser dunhas 11.000 parellas. Os territorios con máis reprodutores serían Canadá (2.550 a 3.200 parellas) Rusia (3.500 a 5.000).

O falcón albar na cetrería editar

O falcón albar e dende hai séculos unha das aves senlleiras da cetrería. Xenxis Kan recibía falcóns desta especie como tributo. Filipe I de Francia ofreceu unha suma enorme de diñeiro para recuperar un falcón fuxido durante o sitio de Acre en 1109.

Xa en 1378 había na cidade hanseática de Lübeck un comercio especializado en adestrar falcóns traídos de Noruega, que eran vendidos e Nürnberg, Venecia ou Alexandría. Considerábanse un dos mellores presentes que se lle podían facer a un rei. Entre 1731 e 1793 os reis daneses recibiron dende Islandia uns 5.000 exemplares `para regalar a outros soberanos europeos. En Rusia só os tsares tiñan o dereito de posuílos e Boris Godunov regalou falcóns albares ao xa de Persia e ao emperador chinés.

O interese pola cetrería durou en Europa ata o século XIX, centrándose hoxe esta actividade sobre todo en Norteamérica e, sobre todo, no Oriente Próximo, onde a cetrería ten unha alta consideración social. O valor comercial da especie e causa dos roubos de niños, que é especialmente preocupante en Rusia. Nalgunhas áreas, como Alasca, permítese a captura dunha certa cantidade de aves cada ano. No caso europeo as aves usadas en cetrería proceden, en xeral, da cría en catividade.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Ciesielski,Lothar, Der Gerfalke, Gerfalken-Monographie, Neue Brehm Bücherei, Westarp Wissenschaften, Hohenwarsleben 2007 ISBN 3-89432-198-9
  • Theodor Mebs: Greifvögel Europas. Biologie. Bestandsverhältnisse. Bestandsgefährdung. Kosmos Naturführer. Stuttgart 1989.
  • Benny Génsbol, Walther Thiede; Greifvögel - Alle europäischen Arten, Bestimmungsmerkmale,

Flugbilder, Biologie, Verbreitung, Gefährdung, Bestandsentwicklung. BLV Verlag München, 1997, ISBN 3-405-14386-1

  • G.P.Dementiew,Der Gerfalke,Klassische Gerfalkenmonographie des vorigen Jahrhunderts,Ziemsen Verlag ,Wittenberg 1960
  • G.P.Dementiew und N.N.Gortchakovskaya,Biology of the Gyrfalcon, Moscova ,Ibis 1945,
  • Eugene Potapov und Richard Sale: The gyrfalcon, T & Ad Poyser, Londres 2005, ISBN 0-7136-6563-7
  • W. E. C. Todd: Birds of the Labrador Peninsula and adjacent areas. Toronto University Press, Toronto 1963
  1. BirdLife International (2012). "Falco rusticolus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.