Unha falacia é un argumento que, malia semellar válido, non é tal. É, xa que logo, loxicamente inconsistente, fallando no soporte eficaz do que pretende probar. Os argumentos que se destinan á persuasión poden parecer convincentes para gran parte do público a pesar de conteren falacias, mais non deixan de ser falaces por causa diso. Debido a isto, ocasionalmente úsanse como figuras estilísticas.

Caricatura de Charles Darwin coma un simio, na revista Hornet. Esta caricatura consiste nunha apelación ó ridículo, unha forma de argumentum ad hominem.

Un argumento pode ser falaz tendo as súas premisas e conclusión verdadeiras. Isto é, o que fai falaz a un argumento non é a falsidade das súas afirmacións senón a invalidez do razoamento en si mesmo.

Recoñecer as falacias é por veces difícil. É importante coñecer os tipos de falacia para evitar trampas lóxicas na propia argumentación e para analizar a argumentación allea. Xa Aristóteles identificou trece tipos de falacias nas súas Refutacións sofísticas[1]. Hoxe en día téñense proposto varios sistemas de clasificación e son centos as falacias identificadas.

Non só a lóxica ten interese na análise das falacias. A política, a publicidade, o dereito, a relixión, a ciencia e o xornalismo son eidos nos que a falacia ten grande importancia, xa que basean boa parte das súas actividades na argumentación e na persuasión.

Definición de falacia editar

Non existe un consenso xeneralizado á hora de abordar a definición de falacia. O profesor de filosofía Charles Hamblin na súa obra Fallacies (1970), tras rastrexar a evolución da noción dende tempos de Aristóteles ata o século XX, chegou á conclusión de que a mellor definición de falacia é a de aquel argumento que, malia semellar válido, non é tal.[2] Porén, autores posteriores coma Ralph Johnson[3] ou Hans Hansen[4] cuestionaron a conclusión de Hamblin e propuxeron definicións alternativas. Para Van Eemeren e Grootendorst[5] unha falacia defínese como unha violación das regras de discusión. Unha dificultade obvia resultante da aplicación desta noción é concretar cales son as regras a respectar nunha discusión.

En lóxica, unha falacia é un xeito de razoamento que sempre ou case sempre conduce a un argumento incorrecto, debido a un defecto na súa estrutura, podendo aproveitarse dos prexuízos ou nesgos cognitivos para semellaren lóxicas. O erro inconsciente ou voluntario pode mudarse por unha manipulación deliberada, converténdose a falacia lóxica nun mecanismo manexado a conveniencia para poñer en práctica os nesgos cognitivos, tal e como acontece na publicidade ou nos procesos de control mental ou social.

Moitas veces as falacias escapan ao ámbito de análise da lóxica formal, empregando a causalidade ou estrataxemas psicolóxicas fundamentadas no emprego das relacións de poder entre o orador e o interlocutor, como as chamadas patrióticas ou á moralidade, para establecer as premisas intermedias, ben sexan explícitas ou implícitas, precisas para o razoamento. Así, presuncións non expresadas de xeito explícito e difíciles de detectar nun primeiro momento serven de base a moitas falacias.

Tipos de falacias editar

(Algúns dos nomes usados están en latín, coa tradución ao lado.)

Basicamente consiste en afirmar que algo é verdadeiro ou bo só porque é antigo ou “sempre foi así”. Este tipo de falacia baséase en dúas suposicións que non teñen por que ser certas:

  1. Que esa tradicional maneira de actuar ou de pensar foi xa probada como correcta, de tal xeito que a tradición está sempre fundamentada en razoamentos contrastados.
  2. Que as razóns que probaron esta argumentación no pasado seguen vixentes hoxe e que o mantemento do status quo é preferible perante calquera posibilidade de cambio.

Ex: "As mulleres deben ficar na casa porque sempre se fixo así".

En vez do argumentador probar a falsidade do enunciado, ataca a persoa que fixo o enunciado.

Ex: "A afirmación de Xoán é falsa, xa que é un suxeito maleducado".

Ocorre cando algo se considera verdadeiro simplemente porque non se probou que é falso (ou probar que algo é falso por non haber probas de que sexa verdade), ou ben facendo fincapé na incapacidade do opoñente de presentar probas do contrario. Repare que é diferente do principio científico de considerar algo falso ata que sexa probado que é verdadeiro.

Quen fai uso desta argumentación non basea o seu discurso no coñecemento, senón na ignorancia, o que pode criticarse coa frase de que "a ausencia de probas non é proba de ausencia", xa que se infire a veracidade ou a falsidade dunha afirmación en función da ignorancia existente sobre ela.

Ex: "Xoán di a verdade (ou unha mentira), pois ninguén pode probar o contrario."

"É certo que Deus existe (ou que non existe), pois non se pode probar o contrario."

Tipo de falacia na cal a conclusión non segue as premisas.

Ex: "É bo acabar coa pobreza neste país; É bo eliminar a corrupción neste país; Polo tanto, imos votar no Xoán para presidente!"

Utilización dalgún tipo de privilexio, forza, poder ou ameaza para impor a conclusión. É frecuente o seu uso para xustificar a intervención nun conflito, xustificable polo medo ás consecuencias de non actuar. É claro que o medo ás posibles consecuencias non fai máis veraz unha posibilidade. Pode ser un xeito de argumentum ad consequentiam, na medida en que o argumentante vese obrigado a admitir a veracidade a falacia para evitar as consecuencias negativas de non facelo, ou de argumento da autoridade, no cal se admite o razoamento perante a autoridade de forza de quen reclama a falacia.

Ex: "Crea en Deus, senón irá para o Inferno."

"“Se Irán sostén o seu dereito a usar enerxía atómica con fins civís deberá enfrontarse ás decisións que tome a comunidade internacional. Logo Irán non ten dereito a usar enerxía atómica con fins civís."

É a tentativa de gañar a causa por apelar a unha gran cantidade de persoas. Isto é, que algo debe ser verdadeiro porque moita xente o cre así. É unha falacia porque o mero feito de que unha crenza estea amplamente estendida non a fai necesariamente certa, xa que se unha persoa mantén unha opinión equivocada, tamén moitas poden mantela. En democracia o principio maioritario do voto non implica que a decisión acordada pola maioría sexa a correcta, sobre todo se se teñen en conta os variados que poden ser os métodos que se empregaron para conseguir ese consenso[6].

Ex: "Deus existe porque gran parte da poboación mundial cre nel."

Semellante ao "ad populum". Afirma que cantas máis persoas consideran unha proposición, máis probábel é a proposición de ser verdadeira.

Ex: "Deus existe pois o 85% das persoas consideran que si. Non poden estar enganados."

Argumentación baseada no apelo á autoridade, sona, prestixio, coñecemento ou posición recoñecida da persoa que realiza a premisa. Deste xeito, a veracidade do razoamento non se deduce dos argumentos presentados, senón da cualificación ou opinión que merece a persoa que o formula. Dende este punto de vista pódese considerar un tipo de 'argumentación ad hominem. O apelo a unha autoridade pode ser loxicamente correcta se está probada dabondo a súa autoridade e non se teñan atopado excepcións. Porén, un argumento que apelase á autoridade que non fose falaz debería concluír, máis que a veracidade da premisa, a necesidade de tomala en consideración, sen se ter probado aínda a súa veracidade.

Ex: "Se Aristóteles dixo isto, é verdade" ou "Se a Biblia di isto, isto necesariamente é a verdade".

  • Dicto Simpliciter' (Regra xeral):

Ocorre cando unha regra xeral se aplica a un caso particular onde a regra non debería aplicarse. Tamén chamada accidente, cométese cando se ignora ou se esquece que unha xeneralización pode ter excepcións.

Ex: "1. Cortar a unha persoa cun coitelo é un crime. 2. Os cirurxiáns cortan a persoas con coitelos. 3. Xa que logo, os cirurxiáns son criminais."

  • Xeneralización apresada (Falsa indución):

É o oposto do Dicto Simpliciter. Ocorre cando unha regra específica é atribuída ao caso xenérico, isto é, infírese unha conclusión xeral a partir dunha proba insuficiente.

Ex: "Xoán é feliz. Polo tanto, todos os Xoán son felices."

Un caso característico deste tipo de falacia constitúeno as mostras nesgadas. Considérase unha mostra nesgada aquela mostra estatística que foi falsamente considerada como típica da poboación da cal foi tomada. Por exemplo, un asistente ao cine pode dicir: A todo o mundo lle gustou a película, sen mencionar que todo o mundo foron el e os seus tres amigos ou un grupo de fans do director. As sondaxes en liña e as mostras por chamadas voluntarias son un tipo particular deste erro, porque as mostras están implicitamente preseleccionadas ou autoseleccionadas. No mellor dos casos, isto significa que as persoas que se preocupan máis sobre o asunto responderán ou opinarán e no peor, só aquelas que sintonicen unha radio particular, un xornal particular ou unha lista política.

  • Falacia de Composición (Tomar o todo pola parte):

É o feito de concluír que unha propiedade das partes debe aplicarse en total. Tamén poden distinguirse falacias de composición cando se infire algo acerca dun todo porque é verdadeiro acerca de todas as súas partes.

Ex: "Este camión está composto só por compoñentes lixeiros, logo el é lixeiro tamén." Ou: "Todos no país pagan as súas débedas. Polo tanto, o país paga as súas débedas".

  • Falacia da División (Tomar a parte polo todo):

Oposto da falacia de composición. Asume que unha propiedade do todo aplícase a cada parte, é dicir, infire que algo é verdadeiro respecto a unha parte porque o é con respecto a todo o conxunto.

Ex: "Vostede debe ser rico pois estuda nun colexio de ricos." Ou: "As formigas destrúen as árbores. Logo, esta formiga pode destruír unha árbore."

Consiste en atribuír falsas ideas ao opoñente, manipulando ou caricaturizando as súas palabras, para dar a entender que defende un punto de vista reprobábel. Isto é, o argumentante crea unha opinión doada de refutar e logo atribúella ao seu opoñente. Deste xeito, este argumento ficticio pasa a ser o obxecto de discusión, no canto do argumento real.

Por exemplo, A di: "Creo que os menores de idade non deben de saír sós pola noite", ao que B replica: "Claro, deberían estar todo o día pechados na casa, non si?". Está claro que A non afirmou semellante cousa, pero B crea esa opinión, feble e doada de rebater, e colócoa na boca de A, desviando así o verdadeiro debate.

  • Cum hoc ergo propter hoc : (falsa causa)

Afirma que dous eventos están relacionados simplemente porque ocorreron xuntos.

Ex: "O Celta vai gañar o xogo de hoxe porque hoxe é xoves e ata agora sempre gañou cando xogou os xoves."

Consiste en dicir que, polo simple feito de que un evento ocorreu axiña despois do outro, eles teñen unha relación de causa-efecto.

Ex: "O Xapón rendeuse logo despois da utilización das bombas atómicas por parte dos EUA. Polo tanto, a paz alcanzouse debido á utilización das armas nucleares."

  • Petitio Principii :

Ocorre cando as premisas son tan cuestionábeis como a conclusión alcanzada.

Ex: "Sócrates tentou corromper a xuventude da Grecia, a maioría (que votou pola súa condenación) sempre ten razón, logo foi xusto condenalo á morte."

  • Circulus in Demostrando :

Ocorre cando alguén asume como premisa a conclusión a que se quer chegar.

Ex: "Sabemos que Xoán di a verdade pois moitas persoas din iso. E sabemos que Xoán di a verdade pois nós coñecémolo."

  • Falacia da Presuposición :

Cuestiona un feito asumindo un presuposto verdadeiro.

Ex: "Onde escondeu vostede o diñeiro roubado?"

  • Ignoratío Elenchi (Conclusión sofismática):

Ou "Falacia da Conclusión Irrelevante". Consiste en utilizar argumentos válidos para chegar a unha conclusión que non ten ningunha relación cos argumentos utilizados.

Ex: "Os astronautas do Proxecto Apollo estaban ben preparados, todos eran excelentes aviadores e tiñan boa formación académica e intelectual, alén de presentar boas condicións físicas. Logo, foi un proceso natural os EUA gañaren a carreira espacial contra a Unión Soviética pois o pobo americano é superior ao pobo ruso."

Ocorre cando as premisas usadas no argumento son ambiguas debido á mala elaboración gramatical.

  • Acentuación :

É unha forma de falacia debido á mudanza de significado pola entoación. O significado é mudado dependendo da énfase das palabras.

Ex: compare: "Non debemos falar MAL dos nosos amigos." con: "Non debemos falar mal dos nosos AMIGOS".

  • Falacias tipo "A" baseado en "B" (Outro tipo de Conclusión Sofismática) :

Ocorren dous feitos. Son colocados como similares por seren derivados ou similares a un terceiro feito.

Ex:

  1. "O Islamismo basease na fe."
  2. "O Cristianismo basease na fe."
  3. "Logo o islamismo é similar ao cristianismo."
  • Falacia da afirmación do consecuente :

Esta falacia ocorre cando se tenta construír un argumento condicional que non está nin no Modus ponens (afirmación do antecedente) nin no Modus Tollens (negación do consecuente). A súa forma categórica é:

Se A entón B.
B              
Entón A.

Ex: "Se hai coches entón hai contaminación. Hai contaminación. Logo, hai coches."

  • Falacia da negación do antecedente :

Esta falacia ocorre cando se tenta construír un argumento condicional que non está nin do Modus ponens (afirmación do antecedente) nin no Modus Tollens (negación do consecuente). A súa forma categórica é:

Se A entón B.
Non A          
Entón non B.

Ex: "Se hai coches entón hai contaminación. Non hai coches. Logo, non hai contaminación."

Tamén coñecida como "falacia do branco e negro". Ocorre cando alguén presenta unha situación con só dúas alternativas, cando de feito outras alternativas existen ou poden existir.

Ex: "Se vostede non está a favor de min entón está contra min."

  • Argumentum ad Crumenam :

Esta falacia é a de considerar que o diñeiro é indicativo de estar no certo. Aqueles máis ricos son os que probabelmente están acertados.

Ex: "Se o Barón di iso é porque é verdade."

  • Argumentum ad Lazarum :

Oposto ao "ad Crumenam". Esta é a falacia de asumir que só porque alguén é máis pobre, entón é máis virtuoso e verdadeiro.

Ex: "A voz dos pobres é a voz da verdade."

É a aplicación da repetición constante e a crenza incorrecta de que canto máis se di algo, máis correcto está.

Ex: "Se fulano di tanto que a súa bicicleta é azul, entón ela é azul."

  • Plurium Interrogationum :

Ocorre cando se exixe unha resposta simple a unha cuestión complexa.

Ex: "Que forza debemos empregar aquí? Forte ou fraco?"

  • Red Herring :

Falacia cometida cando se introuce material irrelevante no asunto discutido para desviar a atención e chegar a unha conclusión diferente.

Ex: "Será que o pallaso Xoán é o asasino? No ano pasado un pallaso matou un neno."

  • Rectificación :

Ocorre cando un concepto abstracto é tratado como cousa concreta.

Ex: "A tristeza de Xoán é a culpa de todo."

Falacia do "mais vostede tamén". Ocorre cando unha acción se torna aceptábel pois outra persoa tamén a cometeu.

Ex:

  1. "Vostede está sendo abusivo."
  2. "E que? Vostede tamén."

Cando o argumentador transfire ao seu opositor a responsabilidade de comprobar o argumento contrario, eximíndose de probar a base do seu argumento.

Notas editar

  1. "Aristóteles (2013), On Sophistical Refutations. Tradución ao inglés de W. A. Pickard-Cambridge, Universidade de Adelaida, Adelaida, Australia.". Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2018. Consultado o 26 de xaneiro de 2019. 
  2. "Hamblin, C. L. (1970) Fallacies, Methuen & Co Ltd, Londres, Inglaterra.". Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2016. Consultado o 22 de xullo de 2013. 
  3. Johnson, R. H. (1990). Hamblin on the Standard Treatment, Philosophy and Rethoric 23 (3): pp. 153-167.
  4. Hansen, H. V. (2002). The Straw Thing of Fallacy Theory: The Standard Definition of 'Fallacy', Argumentation 16 (2): pp. 133-155
  5. Van Eemeren, F. H. e Grootendorst, R.(1992), Argumentation, Communication, and Fallacies: A Pragma-Dialectical Perspective, Lawrence Erlbaum Associates.
  6. Canfora, L. (2003), Crítica de la retórica democrática. Ed. Crítica, Barcelona.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar