Eva mitocondrial

nome polo que se coñece ao ancestro común feminino máis recente coñecido (Most Recent Common Ancestor) da que descenden matrilinealmente os seres humanos da actualidade

Eva mitocondrial é a suposta muller da que, segundo estudos desenvolvidos dende comezo da década de 1980 por un grupo de xenetistas, descenden todos os humanos actuais. Dito doutro modo, é o antepasado común máis recente matrilineal. Eva era membro dun grupo de humanos que viviron hai 200.000 anos en África, polo que na época da Eva mitocondrial viviron moitas outras mulleres, pero non deixaron unha lilña ininterrompida de descendentes ata a época actual como si deixou a Eva mitocondrial.[1] O coñecemento da Eva mitocondrial débese á información que nos dá o estudo do ADN mitocondrial. As mitocondrias son unhas estruturas celulares que teñen como función producir enerxía, e que conteñen unha pequena cantidade de xenes, o que se coñece como o ADN mitocondrial, que se caracteriza por sufrir mutacións moi rapidamente, actuando como un reloxo molecular e só se transmite pola liñaxe feminina.

Migracións dos primeiros humanos baseándose no estudo do ADN mitocondrial
A Eva mitocondrial en negro.

Orixe editar

Allan Willson, xenetista da Universidade de California, Berkeley, e o seu equipo viña desenvolvendo investigacións sobre a orixe do humano moderno e o estudo do ADN mitocondrial. En 1985 deron a coñecer os seus primeiros resultados, nese momento modestos, e en 1987 publicaron en Nature que o ADN mitocondrial confirmaba a teoría antropolóxica de que a lugar de orixe do Homo sapiens foi África e era relativamente recente, xa que amosaba pouca variación xenética. A idea que toda a poboación actual descenda dunha única muller, non quere dicir que fora a única femia do seu tempo, pero si foi a única que produciu unha liña directa de descendentes pola liña feminina que persiste hoxe. O nome de Eva púxose facendo un paralelismo coa Eva bíblica (aínda que non lle puxo ese nome o seu descubridor), pero o concepto non ten nada que ver coa Eva do libro da Xénese, senón coa orixe dos humanos actuais por evolución natural a partir doutros humanos máis antigos.

Notas editar

  1. "New ‘molecular clock’ aids dating of human migration history, Universidade de Leeds, 3 de xuño de 2009". Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2017. Consultado o 20 de decembro de 2012. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar