O eurocomunismo é o intento nos anos 1970 de varios partidos comunistas europeos de anchear a súa influencia incluíndo temas de clase media, rexeitando o apoio incondicional á URSS e expresando claramente a fidelidade aos procesos pluripartidistas nos países occidentais. Foron precisamente os partidos comunistas máis fortemente enraizados nas súas respectivas sociedades -caso notable do Partido Comunista Italiano (PCI) e do Partido Comunista Francés (PCF)- os máis proclives a adoptar a liña eurocomunista, mentres que partidos máis pequenos e marxinais (como o Partido Comunista de Gran Bretaña) quedaron máis dependentes da patrocinaxe de Moscova. O Partido Comunista de España (PCE) e o Partido Socialista Unificado de Cataluña (PSUC) foron legalizados logo da ditadura de Franco cunha liña esencialmente eurocomunista, o que lles custou as respectivas escisións do PCPE e o PCC. Os partidos comunistas de Portugal, Austria ou Grecia tamén mostraban distintas tendencias eurocomunistas, pero foron sempre minoritarias.

Historia e características editar

O eurocomunismo oficializouse en marzo de 1977, cando os secretario xerais Enrico Berlinguer do PCI, Santiago Carrillo do PCE e Georges Marchais do PCF se reúniron en Madrid e presentaron as liñas fundamentais da "nova forma". Pero o PCI en particular xa desenvolvera unha liña independente de Moscova dende había anos, que quedou claramente expresada en 1968, cando o PCI e o PCE foron os dous únicos partidos comunistas do mundo en condenar a invasión soviética de Praga. En 1975 o PCI e o PCE fixeron unha declaración sobre a "construción do socialismo" que debía ser en "paz e liberdade". En 1976 en Moscova, Berlinguer, diante de 5000 delegados comunistas, falou dun "sistema pluralista" (traducido polo intérprete como "multiforma") e describiu as intencións do PCI de construír "un socialismo que cremos necesario e só posible en Italia".

Bases do eurocomunismo editar

O eurocomunismo, en definitiva, considera que é extremadamente difícil realizar unha revolución socialista nos países capitalistas. Por este motivo, o partido debía de exercer o papel de liderado a traverso dunha vangarda proletaria e dunha organización baseada en cadros, para converterse nun partido de masas. Dita táctica conduciría nun futuro, segundo os eurocomunistas, a ampliar a súa base social, co que sería posible chegar ao goberno en eleccións pluripartidistas. Hai que sinalar que o eurocomunismo, como indica Carrillo, non renega da revolución; a súa aposta pola reforma é táctica, ante o que consideran unha enorme dificultade de revolución nos países capitalistas.

Antes de que o fin da guerra fría puxese a practicamente todos os partidos de esquerda de Europa á defensiva e as reformas neoliberais estivesen á orde do día, moitos partidos comunistas tiveron escisións, coa parte dereitista (como os Demócratas de Esquerda ou Iniciativa per Catalunya) adoptando sinceramente a socialdemocracia, mentres que as ás de esquerda esforzáronse en manter indentificables posicións comunistas (como o Partido da Refundación Comunista ou o PCC en Cataluña).

Críticas ao eurocomunismo editar

Realizáronse críticas ao eurocomunismo dende diversas correntes políticas. Algúns autores acusan aos eurocomunistas de non romper definitivamente coa URSS (o PCI só tomou este paso en 1981 logo da represión contra Solidarność en Polonia), aínda que isto parecese a consecuencia natural do desenvolvemento da súa ideoloxía. Esta timidez explicouse co medo a perder aos vellos militantes dos partidos, educados na admiración á URSS, ou por unha esixencia da realpolitik de manter o apoio ao primeiro país en aplicar o socialismo.

Outros críticos apuntan ás dificultades dos partidos eurocomunistas para desenvolver unha estratexia clara e recoñecible. Estes críticos observan que os eurocomunistas sempre reclamaran ser diferentes, non só do comunismo soviético, senón tamén da socialdemocracia europea, pero nunca desenvolveron un programa orixinal e crible.

Algúns críticos liberais, como o historiador francés François Furet, ven no eurocomunismo o intento de absolver ao comunismo dos crimes soviéticos.

Os leninistas acusan aos eurocomunistas de traidores á causa obreira, e de aspirar ao socialismo a través de métodos erróneos. Para os leninistas non é posible aspirar a un goberno comunista a través de reformas, senón dunha revolución.

Dende un punto de vista trotskista, Ernest Mandel en Os amargos froitos do socialismo nun só país [1] ve o eurocomunismo como un desenvolvemento subseguinte da decisión tomada pola URSS en 1924 de abandonar o obxectivo da revolución mundial e concentrarse no desenvolvemento social e económico da URSS, o así chamado socialismo nun só país. Por isto, considera aos eurocomunistas do PCI e o PCF como movementos nacionalistas que xunto á URSS abandonaron o internacionalismo, como fixo a maioría dos partidos socialdemócratas da Segunda Internacional, durante a primeira guerra mundial cando apoiaron aos seus gobernos nacionais no proceso da guerra.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Carrillo, Santiago. 1977. Eurocomunismo y Estado. Editorial Crítica. Madrid.
  • Claudín, Fernando. 1977. Eurocomunismo y socialismo. Siglo XXI Editores, México D.F. ISBN 968-23-0234-X.