Estirpe

obra literaria de Xosé Luís Méndez Ferrín

Estirpe é un libro de poesía escrito por Xosé Luís Méndez Ferrín en lingua galega, e publicado por Edicións Xerais en 1994 acompañado de debuxos de Gonzalo Araúxo. Gañou o Premio da Crítica de poesía galega en 1994 e mailo Premio Losada Diéguez de creación poética de 1995.

Estirpe
Autor/aXosé Luís Méndez Ferrín
Ilustrador/aGonzalo Araúxo
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)Poesía
EditorialEdicións Xerais
Data de pub.Xuño de 1994
FormatoTapa dura. 26 x 19,5 cm
Páxinas152
ISBNISBN 978-84-7507-807-9
editar datos en Wikidata ]

Características editar

O libro é unha volta ás orixes de Méndez Ferrín, como Onde o mundo se chama Celanova para Celso Emilio Ferreiro, pois como dicía Rainer Maria Rilke, “a segunda patria é a infancia”. Así, o título axuda a comprender que vimos do pasado, e Méndez Ferrín evoca os espazos vitais por onde discorreu a súa vida, con catro lugares fundamentais:
Dunha banda, Ourense e Vilanova dos Infantes durante a infancia como contraposición dun mesmo período: Vilanova como espazo máxico e Ourense como lugar das certezas, con sotanas e camisas azuis. Doutra banda, Santiago de Compostela como cidade enigmática, chea de segredos por descubrir, e coa experiencia da aprendizaxe xunto a Otero Pedrayo, e Vigo como cidade proletaria e fronteiriza.
Pero ademais da experiencia vital, o termo Estirpe serve para referirse á historia dunha nación e aos problemas coetáneos.

Estrutura editar

O libro iníciase co poema "Adicatoria", unha dedicatoria inicial en verso en inglés, francés, castelán e galego, para Seamus Heaney, Derek Walcott e Antonio Gamoneda.

Estirpe inclúe os poemas "Escrito na pedra", "Concheiro", "Serpe", "Illas", "Cervo", "Cabalos", "Espada", "Labirinto" e "Disidencia e fin". Despois seguen "Jerry Lee Lewis", "Quai des Brumes" (11 poemas co mar como nexo), "Testamento do Ghebo", "Despedida ao Crasto Laboreiro", "Pontevedra" (adicado a Gonzalo Adrio Barreiro, onde fala da represión acontecida en 1936 tralo alzamento nacional), "Buscalque", "En las orillas del Sar", "Sorga" (en referencia ao río Sorga), "Homenaxe a Fidel Castro", "Dume", "Acougo", "A gorda que Desata", "Don García, Rei", "O Cambedo" (en referencia á batalla de Cambedo), "Perceval", "Seitura", "Curro de Morgadáns", "Miña casiña, meu lar", "Prisciliano", "Irlanda" e "Colofón".

Cinco destes poemas ("Quai des Brumes", "Despedida a Crasto Laboreiro", "Buscalque", "En las orillas del Sar" e "Sorga") apareceran xa publicados en 1992[1].

Estilo editar

O libro alterna poemas con estrofa libre e outros con estrofas clásicas. Respecto á rima, é libre e polirrítmica, con versos de arte maior na maior parte.
Entre os recursos estilísticos empregados aparecen a enumeración, os encabalgamentos, a anadiplose, a aliteración ('vista vidrada') e o refrán[2].

Linguaxe editar

Ao longo da súa obra, o autor adoita obviar nos seus escritos a normativa oficial do galego. Malia que na data da publicación estaban vixentes as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (acordadas en 1982 entre a RAG e o ILG), son comúns as desavinzas no vocabulario empregado. Ao tempo, aparecen numerosos estranxeirismos ('sports') e cultismos. Tamén aparecen castelanismos, como o 'ai Dios Mio!' repetido como refrán en "Miña casiña, meu lar".

Temática editar

Hai temas recorrentes das orixes prehistóricas de Galiza, como as representacións dos petróglifos con figuras como as serpes, cervos (figura estudada por Ferrín no estudo Cancioneiro de Pero Meogo, publicado en 1968), espadas e labirintos. Homenaxéase a autores clásicos da poesía da literatura galega, como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Manuel Antonio, Ramón Cabanillas ou Álvaro Cunqueiro.

A temática política está tamén presente, criticando duramente a represión sufrida en Galiza en diversos momentos históricos. Tamén hai lugar para a política internacional, con mencións ao réxime comunista en Cuba. A historia de Galiza aparece reflectida con personaxes como Prisciliano, o rei Don García. Amais, faise mención decote á xeografía de Galiza, tanto urbana como rural. Mención especial merecen os lugares nos que viviu Ferrín, como Ourense, Vilanova dos Infantes ou barrios de Vigo como O Berbés ou Teis.

O mar é o protagonista dos once poemas de "Quai des Brumes", facendo mención a clásicos da literatura universal como Victor Hugo ou Daniel Defoe, a persoeiros galegos como Benito Soto ou Urbano Lugrís, e a lugares como Lisboa, Londres, as illas Ons e Cíes, Aldán ou A Moureira.

Ilustracións editar

Os textos aparecen acompañadas de numerosos debuxos de Gonzalo Araúxo, con técnicas como a pintura e o gravado. A maioría usan a cor negra en diferentes escalas, se ben hai algunha ilustración policromada.

Notas editar

  1. Boletín galego de literatura nº 7 (maio de 1992), pp. 149-154.
  2. Salgado, X. M. (2006): "Cando a poesía é vida. En las orillas del Sar de X. L. Méndez Ferrín". Madrygal. Revista de Estudios Gallegos: 9, 115-120.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar