Estilicón

xeneral e político romano

Flavio Estilicón (Flavius Stiliccho en latín), nado contra o 359 e finado no 408, foi un xeneral e un político do Imperio romano.

Estilicón
Nacemento359
Lugar de nacementoConstantinopla
Falecemento22 de agosto de 408
Lugar de falecementoRávena
Causadecapitación
NacionalidadeRoma Antiga
Ocupaciónpolítico e militar
CónxuxeSerena
FillosMaria (imperatriz), Termância e Eucher
Na rede
WikiTree: Stilicho-1
editar datos en Wikidata ]
Díptico de Estilicón, contra o ano 395.

Traxectoria editar

Orixes editar

Nado antes do 360, Estilicón era un bárbaro pola súa orixe. Era vándalo polo seu pai, sen dúbida comandante de escuadrón de cabalaría en tempos de Valente[1] e romano pola súa mai, unha provinciana de Panonia[2].

Até 400 editar

Adepto da seita de Ario, serviu inicialmente no exército romano como simple auxiliar, mais rapidamente ascendeu na escala de mando para chegar até magister militum (xefe de estado maior da milicia romana) desde 385. Casou cunha romana de estrato elevado, Serena, adquirindo de contado a cidadanía romana. En 398, Estilicón reforzou aínda máis a súa influencia sobre Honorio facéndoo casar coa súa filla María, e logo do pasamento desta, coa súa filla máis nova Thermantia. Despois da vitoria de Teodosio na batalla da Riparia Frigida en 394, Estilicón tomou o título de magister peditum praesentalis, a máis salientable das dignidades militares do Occidente romano.

En 395, o emperador, moribundo, Teodosio I, confíalle a rexencia do Imperio romano occidental en nome do xove emperador Honorio. Estilicón tenta estender a súa rexencia a Arcadio e ao Imperio romano oriental, enviando o oficial godo Gaínas a Constantinopla. Este elimina o prefecto do pretorio, Rufino, que dirixe o imperio en Oriente, porén Gaínas gaña a confianza de Arcadio para o seu propio interese (400).

Defensor do Imperio editar

Xeneral enérxico, Estilicón protexeu con eficacia Italia contra as invasións bárbaras, mais a conta de trasladar tropas que deixan desgornecida o limes, a fronteira do río Rin.

  • No 401, vándalos e alanos invaden as provincias de Retia e do Nórico. Logo de vencelos, Estilicón instalounos na Italia setentrional, incorporándoos no seu exército.
  • No 402, salva a Honorio, ameazado en Milán polos visigodos do rei Alarico. Derrótaos en Pollenza e Verona, rexeitándoos para a Iliria. A fin de asegurar unha mellor protección do emperador, fai trasladar a corte de Milán para Rávena e negocia con Alarico para asentar os visigodos na Iliria.
  • No ano 406, esmaga a invasión de Radagaiso, á cabeza dos ostrogodos e outros pobos, preto de Florencia. Mais non pode evitar a grande invasión do inverno de 406/407, que devasta a Galia, á par que comeza a gañarse a animosidade das tropas romanas, suscitando un amotinamento contra os oficiais de orixe xermánica, cada vez máis numerosos e influentes.

Caída editar

Persuadido polo seu contorno de que Estilicón está a conspirar en contra súa, Honorio, ordena en 408 o seu asasinato. Estilicón, perseguido polos secuaces do emperador, refúxiase nunha igrexa en Rávena, tendo obtido a promesa de que lle sería respectada a vida se saía, foi ferido de morte por Heracliano en canto saíu pola porta, o 22 de agosto de 408.

Notas editar

  1. M. O’Flynn, Generalissimos of the Western Roman Empire, The Univ. of Alberta Press, 1983, p 15
  2. San Xerome, contemporáneo de Estilicón