Estadio Municipal de Ipurua

Coordenadas: 43°10′54″N 2°28′33″O / 43.181706, -2.475803

O Estadio Municipal de Ipurua (en éuscaro: Ipurua Futbol Zelaia) é un estadio de fútbol situado na cidade de Éibar, en Guipúscoa. É de propiedade municipal e é a sede habitual da Sociedad Deportiva Éibar. Ten capacidade para 7.083 espectadores.

Estadio Municipal de Ipurua
Datos
LocalizaciónÉibar, Guipúscoa
País Vasco País Vasco
Construción
Inauguración14 de setembro de 1947
Estadio
SuperficieCéspede natural
Dimensións103 x 65
Capacidade7.083
PropietarioConcello de Éibar
LocalíaSD Eibar

Historia editar

Foi inaugurado o 14 de setembro de 1947 nun partido amigable entre o equipo local e o veciño CD Elgoibar co resultado de 0-2. A tribuna principal empezouse a levantar en 1948 quedando aberto ao público en 1951. En 1959 plantouse o céspede.

Dez anos máis tarde realizáronse as obras da cuberta de todo o estadio incluíndo todas as bancadas (excepto a bancada norte) cos primeiros postes de iluminación. Foi entón cando o estadio tomou a forma actual. Para este evento organizouse un partido o 14 de outubro de 1970 entre os equipos máis importantes do País Vasco, Real Sociedad e Athletic de Bilbao. Foi por entón cando se construíron as famosas Torres de Ipurua que dan ao campo unha aparencia singular.

En 1990 celebrouse o 50 aniversario do club cun partido co AFC Ajax. O partido terminou co resultado de 1-1, logo de que fallase un penalti o xogador eibarrés Luluaga.

Durante máis de dúas décadas o equipo xogou en Terceira División, mais en 1988 pasou a acoller encontros de Segunda División, e coa axuda do Concello e da Federación modernizouse o campo na súa integridade. Tiráronse todas as bancadas para poder refacelas desde cero, esta vez incluíndo a bancada norte (a máis próxima ás torres), o que implicou unha redución da capacidade, pasando das 10.000 persoas (case todas de pé) ás 7.000 actuais. Tamén se intentaron ampliar un pouco as dimensións do campo incluíndo as bandas.

Ata entón os vestiarios atopábanse na bancada próxima ao Anexo (campo de adestramento) e xa entrado o século XXI conseguiuse que os vestiarios foran trasladados á bancada central onde ademais se incluían todo tipo de equipamentos como sala de musculación, jaccuzzi etc. Hoxe en día, o estadio de Ipurua conta co certificado da UEFA.

Ata 1997 o Eibar adestraba no mesmo campo. Ese ano inaugurouse o Complexo Deportivo de Unbe onde o equipo adestra actualmente.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar