Espontaneada

concepto xurídico do Reino de Galicia na Idade Moderna e Contemporánea

Espontaneada é unha figura exclusiva do ordenamento xurídico galego que estivo en vigor na segunda metade do século XVIII e nos comezos do século XIX Esta fórmula foi inventada para preservar a virtude e evitar que a muller solteira ou viúva que quedase embarazada reincidira na tentación de manter relacións sexuais fóra do matrimonio.[1] O procedemento consistía en declarar un embarazo acontecido fóra do matrimonio, coa finalidade de evitar o infanticidio ou o aborto prematuro do futuro neno, algo habitual na Galicia da época, que contaba cunhas proporcións moi elevadas de fillos ilexítimos.

Historia editar

Nos arquivos de moitos municipios galegos gárdanse documentos que acreditan o requirimento de espontanearse dalgunhas mulleres, e a necesidade de declarar o embarazo ou o alumeamento. Era unha forma de protección para a nai, xa que as autoridades podían controlar deste xeito que non abortaban nin abandonaban ao neno e elas recibían a cambio un salvoconduto que lles evitaba insultos, mofas ou ataques dos seus veciños e situacións como a de perder un traballo ou ter que abandonar o lugar no que estaban instaladas. En todo caso, a honestidade da espontaneada quedaba baixo o control da autoridade local.[2]

Aínda que a este procedemento se lle chamaba "espontanearse", non está claro canto de espontáneo tiña que se presentasen ante unha autoridade local a admitir que se quedaron embarazadas e contar de quen e como ocorrera. Non era obrigatorio, pero se non o facían, chamábanas a comparecer ante as autoridades cando estas se decataban de que esperaban un neno sen estar unidas en matrimonio con outro home.[3] Aínda que esta práctica non se daba noutras zonas de España, si se coñece noutros lugares, tamén con normas derivadas do dereito romano, como Francia.[3] A casuística galega pode vir dada pola frecuencia con que aparecían fillos fóra do matrimonio.

Procedemento editar

O procedemento adoitaba ser breve e sinxelo. A muller, a cambio de ser declarada espontánea, recibía do xuíz un salvoconduto no que se facía constar que a xustiza non podía molestala. Na maioría dos casos debía presentar un fiador e aceptar as obrigacións establecidas pola autoridade, que era o corrixidor ou o alcalde maior aínda que tamén aparecen procedementos feitos ante notarios locais.[1]

Os expedientes adoitan ser sinxelos e non abarcan máis dun par de páxinas. Neles a muller preséntase ante a autoridade, explica a súa procedencia, idade, estado civil, mes de embarazo, se sabía ler e cal era o seu traballo habitual, tanto dela como dos seus pais, para pasar a continuación a enumerar os mesmos datos do home co que mantivo cópula carnal tras ser vítima da fraxilidade humana, identificando, sempre que poida, ao home e á súa familia directa cos mesmos datos. A partir de aí explicará con todo tipo de detalle o ocorrido para logo nomear un fiador que se faga cargo, cos seus bens e patrimonio, do futuro da criatura e de que a muller non provoque escándalo público.

Un embarazo fóra do matrimonio non era un delito e a maioría destas mulleres alegaban ser vítimas de falsas promesas de matrimonio ou dunha violación, o que lles permitía salvar a honra a ollos da Igrexa católica.[3][4]

O máis importante deste procedemento é que por primeira vez é a muller anónima e case sempre de clase baixa a que cobra protagonismo na historia, narrando os feitos en primeira persoa e explicando todas as vicisitudes da súa día a día e os detalles da súa sexualidade.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Mujeres virtuosas y 'espontaneadas'". La Opinión de A Coruña (en castelán). 25 de xuño de 2017. 
  2. Sánchez Seoane, Loreto (2022-01-26). "El llamativo caso de las 'espontáneas', el boom de madres solteras en Galicia en el siglo XVIII". El Independiente (en castelán). Consultado o 2022-08-07. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Muñoz, Beatriz (2022-01-23). "'Espontaneadas': declarar ante notario un embarazo de soltera para evitar insultos en la Galicia de hace tres siglos". elDiario.es (en castelán). Consultado o 2022-08-07. 
  4. José Picado (2022-02-06). "Espontaneadas". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2022-08-07. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar