Escudo de Croacia

O escudo de armas de Croacia aparece descrito nunha lei aprobada o 21 de decembro de 1990. A lei recolleu unha proposta presentada unha comisión presidida por Nikša Stančić, xefe do Departamento de Historia de Croacia na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Zagreb que á súa vez encargara o deseño do escudo a Miroslav Šutej, un deseñador gráfico.

O escudo está composto por un brasón xedrezado ou xaquelado de goles e prata; de vinte e cinco ordes (cadradas), cinco ordes en horizontal e o mesmo número en vertical. Ao timbre, unha coroa composta por cinco escudos estilizados, coas súas puntas cara ao xefe, nos que aparecen as armas das rexións históricas das que orixinouse Croacia:

  • O primeiro escudo é un campo de azur cun crecente de prata, surmontado no xefe por unha estrela de seis puntas de ouro que son as armas vellas de Zagreb e da Croacia central.
  • O segundo brasón é un campo de azur con dúas faixas horizontais de goles, símbolo da República de Ragusa ou República de Dubrovnik.
  • No terceiro escudo figuran, nun campo de azur, tres testas de leopardo ou de león (en heráldica confúndense) de ouro coroadas do mesmo metal que representa a Dalmacia.
  • No cuarto escudo aparece, nun campo de azur, unha cabra de ouro con cornos e zocas de goles que é o brasón de Istria.
  • No derradeiro escudo, un campo de azur, unha faixa de goles bordeada de prata e cargada cunha marta pasante de sabre con ventre de prata, surmontada no xefe por unha estrela de seis puntas de ouro que son as armas de Eslavonia.

Escudos Históricos editar