Unha escopeta é unha arma de ánima lisa, de man e que se soporta co ombreiro, deseñada para descargar varios proxectís (pequenas balas, coñecidas como perdigóns) en cada disparo.

Trátase dun tipo de arma lixeira utilizada sobre todo en caza menor, en particular para aves ou en competicións de tiro ao branco. As escopetas utilizadas na caza maior ou destinadas a usos de policía ou propósitos militares cárganse cunha única posta cónica ou con perdigóns de maior tamaño.

Ata a primeira metade do século XIX utilizábase o termo escopeta para referirse a pezas de caza de paxaros ou aves. O disparo dunha carga de perdigóns na caza menor menciónase nas leis inglesas en 1549, pero este tipo de armas non acadaron a súa expansión ata os albores do século XVII. Ata o final do século XVIII, a maioría das pezas tiñan un único canón. Algunhas melloras na ignición permitiron reducir a lonxitude e o peso destas armas, o que fixo posible a fabricación de armas de dous canóns (un á beira do outro) e se popularizou a caza de aves en voo.

Como consecuencia dos avances na fabricación de todo tipo de armas ata a metade do século XIX, as escopetas sufriron algunhas melloras. Neste período se perfeccionou o canón facéndolle a boca máis estreita, de forma que os perdigóns se manteñen máis xuntos en distancias longas. Máis adiante reduciuse a lonxitude do canón ata as magnitudes habituais dos nosos días, de 0,5 a 0,8 metros.

En 1880 apareceron as escopetas de repetición dun só canón, pero estendéronse con lentitude. Así a todo, hoxe constitúen a maioría das escopetas comercializadas. Ademais das escopetas tradicionais dun canón ou de dous canóns laterais, que non cambiaron, no século XX, existen tamén as escopetas semiautomáticas e de acción de bombeo.

Tamén no século XlX se usaba o trabuco español que era unha arma de fogo coa boca acampanada e de gran calibre.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar