Erecteion

templo grego na Acrópole de Atenas

Coordenadas: 37°58′19″N 23°43′36″L / 37.972083333333, 23.726527777778

O Erecteion (en grego: Έρέχθειον Erechtheion) é un templo grego erixido no lado norte da Acrópole de Atenas na honra aos deuses Atenea Poliás, Poseidón e Erecteo, rei mítico da cidade. De orde xónica, áptero, é un dos máis fermosos monumentos arquitectónicos gregos. A súa construción atribúese ao arquitecto Mnesicles, autor tamén dos Propileos. O Erecteion está feito de mármore do Pentélico. A súa construción iniciouse no -421 e rematouse no -406. O seu nome, que significa «o que sacode a Terra », designa o alcume ático de Poseidón.

Erecteion
Erecteion, vista do conxunto
Presentación
Nome localἘρέχθειον
LocalizaciónAtenas, Grecia Grecia
EstiloArquitectura clásica
TipoTemplo grego
PropietarioGoberno de Grecia
DeclaraciónPatrimonio da Humanidade
Construción
Inicio421—406 a. C.
Equipo
Arquitecto(s)Mnesicles, Calícrates ou Filocles

O Erecteion substituíu o templo arcaico de Atenea Poliás que se atopaba entre o Partenón e o lugar actual, que fora destruído polos persas no -480 no tempo das Guerras médicas.

De planta irregular, polo declive do terreo, consta de tres pórticos. Un deles, a cara sur, é a famosa tribuna das Cariátides, que indicaba a tumba do mítico rei Cécrope. Consta de seis columnas con figura de muller de 2,3 metros de altura, que sosteñen o entaboamento. As que se atopan in situ son copias exactas das orixinais, das que 5 se atopan no Museo da Acrópole, e a sexta no Museo Británico de Londres. A tribuna contaba con decoración policromada.

O templo atópase na localización da Acrópole primitiva e agrupaba algunhas das reliquias máis antigas e máis sacras dos atenienses; é neste lugar onde tivo lugar a disputa entre Atenea e Poseidón, podéndose ver a marca do seu tridente sobre unha rocha. Áchase alí tamén o Paladio, unha estatua de Atenea, consagrada por Cécrope, o rei mítico do Ática, e onde se cre que ela caera do ceo; as tumbas de Cécrope e de Erecteo; no sur, unha capela dedicada a Pándroso, a filla de Cécrope; un pozo de auga salgada e a oliveira sacra, que Atenea deu á poboación trala súa disputa con Poseidón.

Historia editar

 
Erecteion, pórtico norte

A construción do templo, tal e como é visible hoxe, foi comezada durante a guerra do Peloponeso. Comezou cando a tregua da Paz de Nicias no -421 e foi rematado entre o -409 e o -405, probablemente no -406. Pouco tempo despois, no ano -403, Atenas tivo que capitular fronte a Esparta, entrou na liga do Peloponeso e viu a súa democracia substituída pola tiranía dos Trinta.

O templo foi modificado e danado en varias ocasións, de xeito que o seu acondicionamento interior orixinal está suxeito a controversia. Foi primeiro danado por un incendio durante o período clásico, se cadra ata antes de ser rematado, e foi restaurado. A cella oeste foi modificada no -377 e no -27.

No século VII, o Erecteion foi transformado en igrexa bizantina; os muros interiores foron destruídos e outros foron edificados. Durante o período otomán, o templo sufriu outros danos. En 1463, foi transformado para aloxar ao harén do comandante turco da Acrópole e o pórtico norte foi tapiado. Máis adiante foi empregado como polvoreira.

A fin do edificio orixinal tivo lugar cando os Venecianos combateron aos otománs, estourando a polvoreira, destruíndose o teito e danando outros monumentos atopados preto do templo.

Máis tarde, Thomas Bruce, sétimo conde de Elgin e embaixador británico en Constantinopla, fixo quitar unha das cariátides así como numerosas esculturas do Partenón e vendeunas ao goberno británico. Esta estatua áchase actualmente no Museo Británico. O edificio foi reconstruído no século XIX.

As outras cinco cariátides áchanse na actualidade no Museo da Acrópole, protexidas da corrosión e da polución. As seis estatuas que se atopan no sitio son réplicas exactas das orixinais.

Arquitectura editar

 
Erecteion, detalle
 
O Erecteion dende o suroeste

Pericles, nos seus plans de acondicionamento da Acrópole e despois do Partenón, para render homenaxe á tradición, decidiu a construción dun edificio novo destinado a reagrupar as antigas reliquias dos fundadores míticos da cidade e a lembrar as divindades que disputaron para conseguir o seu padroado.[1]

O arquitecto foi se cadra Filocles,[2] quen conseguiu conciliar nun único edificio as necesidades dos diversos ritos, así como os problemas impostos por un terreo irregular, que a tradición non permitía nivelar; é máis, xustamente xogando con tales irregularidades, realizou unha das construcións máis orixinais da arte clásica. O templo está construído sobre unha pendente, de xeito que os lados norte e oeste atópanse ao redor de 3 metros máis baixos que os lados sur e leste.

Outras fontes citan a Calícrates ou Mnesicles como autores do proxecto. Mais os gustos evolucionaran e a armadura moral da cidade cambiou chegando o triunfo da orde xónica. A necesidade de preservar os sitios sacros, explica probablemente a complexidade da concepción.

Descrición editar

O templo non está dedicado a unha divindade en particular, senón que está constituído de varios santuarios.

Tres destes santuarios están dedicados a Atenea, Poseidón e Zeus. Suponse que os outros dous santuarios están dedicados a Cécrope e Erecteo, dous famosos reis atenienses. O Erecteion componse dun corpo principal, dous pórticos norte e sur e de varios corpos engadidos. O corpo principal consiste en catro partes que non representan máis que a metade dun proxecto inicial que non foi xamais rematado.

 
As Cariátides

O Erecteion preséntase como un gran templo xónico con dúas cellas, unha dedicada a Atenea con pronaos hexástilo mirando ao leste, e a outra consagrada a Poseidón-Erecteo, á que se accede a través dun amplo vestíbulo polo lado setentrional do templo, con catro columnas na fronte e unha a cada lado.

O máis grande, ao leste, é unha cella cun pórtico xónico. O pórtico ademais, dá acceso ao Pandroseion, o santuario de Pándrosa, a quen Atenea confiara a Erictonio cando este era neno; neste lugar atopábase a oliveira sacra da deusa.

No lado norte, hai outro gran pórtico con columnas e ao sur atópase o famoso pórtico das Cariátides, onde seis estatuas de mulleres novas drapeadas serven de columnas soportando o entaboamento.

Estas mulleres representan cidadás da cidade de Cariátide (cidade do Peloponeso). Por haber colaborado a cidade co invasor persa, os atenienses declaráronlles a guerra e venderon ás súas mulleres como escravas. Para que servise de exemplo, estas estatuas foron esculpidas en mármore para lembrar a sorte dos que colaboraron.

O Erecteion intacto foi descrito extensamente por Pausanias.

Notas editar

  1. Lefèvre (1876), pp. 87-88
  2. Alonso (2005), p. 64

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Alonso Pereira, José Antonio (2005). Introducción a la historia de la arquitectura: de los orígenes al siglo XXI. Barcelona: Ed. Reverté. ISBN 84-291-2108-0. 
  • Lefèvre, André (1867). Las maravillas de la arquitectura. (traducido por M. Soriano Fuertes). París: Libreria de L. Hacchette y cía. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar