Epitelio de transición

O epitelio de transición ou transicional (tamén chamado urotelio ou uroepitelio[1]) é un tipo de tecido epitelial formado por varias capas de células, que se pode expandir e contraer, e que se encontra revestindo a vexiga urinaria e, en xeral, a mucosa das vías urinarias, desde os cálices renais ata a uretra.

Epitelio de transición
Epitelio de transición da vexiga urinaria. Nótese a superficie arredondada apical das células, que é unha característica distintiva deste tipo de epitelio.
Sección transversal do uréter co epitelio transicional revestindo a luz.
Vista esquemática do epitelio transicional.
Sección da parede da vexiga urinaria.

A denominación "de transición" débese a que inicialmente se pensou que era unha forma intermedia ou transicional entre os epitelios cilíndricos e planos estratificados, o cal se viu despois que non era certo, pero mantívose o nome.

Características editar

O grosor do epitelio de transición varía ao longo do tracto urinario. Nos cálices renais só ten dúas ou tres células de grosor, no uréter ten catro ou cinco, e na vexiga contraída ten de seis a oito.

O epitelio de transición da vexiga está sometido a grandes cambios de tensión debido ao grao de enchedura de dito órgano en cada momento. Cando a vexiga está contraída e pouco chea, o epitelio consta de moitas capas celulares con distinta morfoloxía: as máis profundas son cuboideas ou cilíndricas, enriba teñen células poliédricas irregulares e as da capa superior, que dan á luz, son grandes e cunha superficie arredondada moi característica. Polo contrario, cando a vexiga está moi chea e o órgano está distendido, o estiramento do epitelio fai que se distingan só dúas capas: a inferior con células cuboideas e a superior, que dá á luz, con células planas (escamosas) e grandes.[1]

Nas micrografías electrónicas a superficie que dá á luz das células é ondulada en conxunto e formada por tramos de membrana rectos, que poden formar contornos angulosos cos tramos adxacentes. O citoplasma superficial das células que dan á luz ten moitos filamentos e presenta numerosas vesículas aplanadas ou elípticas rodeadas dunha membrana con características similares ás da membrana plasmática destas células, as cales son moi características das células do epitelio de transición.

A membrana plasmática luminal destas células (e a das vesículas) é tamén moi peculiar, xa que é máis grosa do normal (12 nm) e moi asimétrica, xa que as dúas liñas densas escuras (hidrófilas) que rodean á liña clara central (hidrófoba) da membrana non son do mesmo grosor como é habitual, senón que a liña escura luminal é moito máis grosa ca a citoplasmática. Ademais, a membrana examinada con contraste negativo e en óptica de difracción mostra unha estrutura reticulada moi ordenada formada por subunidades hexagonais. Estas especializacións da membrana non se encontran noutras células. Crese probable que estas características especiais da membrana contribúan á súa impermeabilidade á auga.[1]

Debaixo do epitelio de transición hai unha lámina basal, que a separa da lámina propia da parede do órgano. O tecido conxuntivo da lámina propia pode formar pregamentos que ás veces penetran profundamente no epitelio.

Funcións editar

O epitelio de transición acomódase á flutuación do volume de líquido no órgano ou conduto urinario, protexe contra os efectos cáusticos da urina, e é impermeable. Ten gran elasticidade e alta resistencia eléctrica transepitelial.[2] Aínda que a tonicidade da urina da vexiga pode ser de dúas a catro veces máis alta ca a dos capilares da parede vesical, non pasa auga do plasma á urina (o que causaría a súa dilución), debido a que o epitelio funciona como eficaz barreira impermeable, debido ás propiedades da súa membrana plasmática e á presenza de unións herméticas entre as células superficiais.[1]

Patoloxía editar

As principais doenzas que afectan aos urotelios son infeccións e cancros.

  • As infeccións do tracto urinario están entre os tipos de infeccións máis comúns, xeralmente causadas pola bacteria Escherichia coli.
  • Unha afección bastante rara que afecta ao urotelio e que ten síntomas similares á infección do tracto urinario é a cistite intersticial[3]. Porén, os cultivos da urina dan negativo, polo que non hai infección. Durante a hidrodistensión da vexiga, obsérvanse con frecuencia pequenas hemorraxias petequiais na vexiga.[4] A causa da doenza non se coñece, pero as investigacións están a enfocarse cara ao urotelio, e a moléculas de sinalización recentemente descubertas, que suxiren que o urotelio é algo máis ca unha barreira, e ás interaccións entre o urotelio e os nervios e o músculo liso.
  • O urotelio é susceptible ao carcinoma. Como a vexiga está en contacto coa urina durante longos períodos, pénsase que é probable que as substancias químicas presentes nela poden causar cancro de vexiga .[5] Son factores de risco a exposición a certas substancias químicas en determinados traballos[6] ou aos compoñentes carcinóxenos do tabaco.[7]. Outra doenza tumoral é o neoplasma urotelial papilar de baixo potencial de malignidade (PUNLMP), consiste en crecementos tumorais pre-malignos con forma papilar que aparecen no urotelio e que poden dexenerar (con baixa probabilidade) en cancro de vexiga [8].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 62-64, 793-795. ISBN 84-7605-361-4.
  2. Andersson, Karl-Erik (2011). Urinary Tract. Springer. ISBN 978-3-642-16498-9. 
  3. PubMed Health Interstitial cystitis
  4. J. P. MacDermott, G. L. Charpied, H. Tesluk and A. R. Stone. Histological changes in interstitial cystitis. International Urogynecology Journal, Volume 4, Number 4, 1993, 246-249.
  5. Brinkman M, Zeegers MP (2008). "Nutrition, total fluid and bladder cancer". Scandinavian Journal of Urology and Nephrology. Supplementum 42 (218): 25–36. PMID 18815914. doi:10.1080/03008880802285073. 
  6. Reulen RC, Zeegers MP (2008). "A meta-analysis on the association between bladder cancer and occupation". Scandinavian journal of urology and nephrology. Supplementum 42 (218): 64–78. PMID 18815919. doi:10.1080/03008880802325192. 
  7. Boffetta P (2008). "Tobacco smoking and risk of bladder cancer". Scand J Urol Nephrol Suppl 42 (S218): 45–54. PMID 18815916. doi:10.1080/03008880802283664. 
  8. Jones TD, Cheng L (2006). "Papillary urothelial neoplasm of low malignant potential: evolving terminology and concepts". J. Urol. 175 (6): 1995–2003. PMID 16697785. doi:10.1016/S0022-5347(06)00267-9. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar