Enxebre Orde da Vieira

asociación galega en Madrid

A Enxebre Orde da Vieira é un grupo asociado ao Centro Gallego de Madrid fundado en 1967 coa finalidade de reunir os galegos que vivían en Madrid para defender e apoiar todo o relacionado con Galicia. Non poñen limitacións ideolóxicas, mais o grupo en si podería considerarse elitista; o amor a Galicia é a razón de existencia da Orde, máis non é o único tema tratado polos representantes da mesma. Normalmente xúntanse unha vez ao ano nunha comida na época do Entroido.

Enxebre Orde da Vieira
Tipoasociación
Data de fundación1967
SedeMadrid
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

Inicios e evolución editar

A Enxebre Orde da Vieira nace como unha representación da galeguidade levada a cabo por uns universitarios residentes en Madrid, cando no verán de 1967 participaron nun encontro na praia de Panxón, en Vigo. O grupo de galegos que organizou a reunión residían tamén en Madrid, e eran coñecidos como os "Borobó" e os "Madrigallegos".

O obxectivo principal da Orde nas súas orixes era xuntar os galegos afincados en Madrid e apoiar todo o relacionado con Galicia. Pretendíase abrir un grupo de encontro sen limitacións ideolóxicas para potenciar o orgullo de seren galegos, orgullo que se vira afectado noutros tempos, así como defender e solidarizarse coa terra galega; debido a esta finalidade rexeitan os cargos e é un Consello quen dirixe o grupo. Con todo isto, os seus membros pertencen á elite galega en Madrid ou a partidos políticos, principalmente de dereitas.

O nome da Enxebre Orde da Vieira fai referencia á simboloxía tradicional da cultura galega. O termo enxebre fai referencia á parte máis arraigada da cultura tradicional co propósito de conducila cara a modernidade a través dos camiños da cultura. A vieira relaciónase cos camiños xacobeos que conectan Galicia con Europa, así como coa emigración, coa Galicia mariñeira, artesá e gastronómica.

A Orde ten organizado exposicións de diferentes pintores galegos en Madrid e presentacións literarias. Porén, o acto anual máis destacado é o Capítulo Xeral Ordinario, que se celebra no Entroido, por ser esta unha das festas máis típicas da cultura tradicional galega. Dito acto pode ser considerado o máis representativo da galeguidade na diáspora. Nel cítanse tanto os galegos máis importantes de Madrid como doutras Comunidades Autónomas, da propia Galicia, e mesmo de diferentes países europeos e americanos. Alén deste encontro, a Orde ten organizado Capítulos Extraordinarios en Santiago de Compostela cada ano santo; tamén se celebraron en cidades como Río de Janeiro, México DF, Lisboa, Nova York, Bos Aires, Roma e Galway (Irlanda).

O 6 de abril de 1989, 21 anos despois da creación da Enxebre Orde da Vieira, fundouse Asociación Cultural da Vieira, co obxectivo de difundir a cultura e a lingua galega tanto para os galegos como para o resto de españois interesados. Esta Asociación foi elixida como centro colaborador da Xunta no ano 2000.

Actividade editar

Mencionase neste apartado unha listaxe das actividades realizadas pola Enxebre Orde da Vieira e a Asociación Cultural da Vieira.

  • Teñen máis de 30 libros editados, que son distribuídos gratuitamente e chegan a todos os centros galegos do mundo.
  • Convocan concursos literarios e gráficos como a Vieira do Humor, dedicados cada ano a un autor galego. Dunha destas convocatorias editouse o libro Galicia y la Cultura del Humor.
  • Outorgan unha serie de trofeos anuais: os Madrigallegos de Oro, os trofeos á Galeguidade no mundo e a Vieira de Honor á Calidade Artística.
  • A través da Promoción de Galicia en Madrid (PROGRAMA), colaboran na promoción de pintores, escultores, cine e outros referentes culturais de procedencia galega en Madrid; así como de produtos típicos galegos.

Segundo os propios membros da Orde, a actividade lograda defínese da seguinte maneira:

A Orde conseguiu todo e non conseguiu nada. Non buscamos honores, nin poder, nin diñeiro... e nada temos. Pola contra, buscamos mellorar a imaxe de Galicia no mundo e entre os seus propios cidadáns, queríamos impedir que caera no esquecemento entre os que tiveron que abandonala, aumentar a súa autoestima e a admiración dos demais cara ela, cara a súa cultura, a súa terra e as súas xentes. Tampouco aquí o conseguimos todo, mais estamos satisfeitos; e, en todo caso, aínda temos forzas para seguir loitando. EL CONSELLO DE LA ORDEN Madrid, Marzo de 2015[1]

Segundo os membros, o resultado dos 48 anos de actividade foi prestar atención a un colectivo galego que non adoita integrarse nos propios centros galegos; loitaron pola recuperación da galeguidade activa; a relación entre galegos do exterior e do interior de Galicia; potenciaron o orgullo de seren galegos; a adopción de persoas que senten predilección por Galicia, así como a expansión da galeguidade e do espírito xacobeo por diferentes países.

Representantes da Orde editar

O ingreso dos novos membros é acordado polo Consello da Orde e supón un recoñecemento de méritos como galegos, mais tamén o compromiso de facer máis por Galicia. Cada membro debe pagar integramente os seus gastos.

A Orde conta con membros tanto en España, como en América, Asia e outros países de Europa. Cabe destacar que entre os seus membros atópanse altos cargos como ex-ministros, ministros, o xefe do Estado maior da defensa, o secretario de migración da Xunta, xuristas e demais personalidades da elite que mostran a posición política e ideolóxica do grupo.

Recital de recibimento editar

Ante o pleno do Consello, acto público e solemne, ten lugar o seguinte procedemento [1]:

  • Lectura pública do historial curricular do candidato/a, destacando os feitos que demostran o seu amor por Galicia.
  • Imposición da capa de peregrinos a Santiago.
  • Imposición da Concha da Vieira, enfiada nun cordón vermello.
  • Entrega da insignia de solapa.
  • Entrega do diploma de membro da Orde co lema: Por canto fixo, fai e aínda máis fará polo erguemento da terra, para que viva entre nós, con lembranza e amizade.

Publicacións editar

Esta asociación conta cunha serie de publicacións, todas elas co tema central de Galicia:

  • Mensajeros de Galicia
  • Galegos por Galicia
  • Testimonios Gallegos en Madrid
  • Sempre en Galicia, Nai e Señora

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Páxina da Orde". Arquivado dende o orixinal o 05 de abril de 2016. Consultado o 28 de marzo de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Sixirei Paredes, Carlos (2001). Asociacionismo Galego no exterior 2 vols. Santiago de Compostela, Xunta de Galica.