Enrique Romero

futbolista español

Enrique Fernández Romero, nado en Xerez da Fronteira o 23 de xuño de 1971, é un exfutbolista español. Xogaba de defensa e foi internacional coa selección española. Disputou máis de 600 partidos como profesional, case a metade deles co Deportivo da Coruña, club no que militou durante oito tempadas e no que conseguiu os seus maiores éxitos deportivos. Co equipo galego conquistou a liga na tempada 1990/00 e a Copa do Rei dúas tempadas despois, así como dúas Supercopas de España. Xogou tamén en Primeira co Logroñés, o Valencia, o Mallorca e o Betis.

Enrique Romero
Información persoal
Nome Enrique Fernández Romero
Nacemento 23 de xuño de 1971 (52 anos)
Lugar de nacemento Xerez da Fronteira
Altura 1,88 m.
Posición Defensa
Carreira xuvenil
Flamenco
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1989–1991 Atlético Sanluqueño 32 (0)
1991–1993 Logroñés B 65 (6)
1992–1994 Logroñés 32 (4)
1994–1997 Valencia 91 (5)
1997–1998 Mallorca 38 (3)
1998–2006 Deportivo da Coruña 218 (2)
2006–2007 Betis 17 (0)
Total 396 (14)
Selección nacional
2000–2004 España 10 (0)
Na rede
FIFA: 182683 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Inicios editar

Nado en Xerez da Fronteira, comezou a xogar ao fútbol no seu barrio, sendo o seu primeiro equipo o Flamenco CF.[1] Ao rematar a súa etapa de xuvenil ingresou no Atlético Sanluqueño, no que militou durante dúas campañas na Segunda División B, con Pedro Buenaventura como técnico.[1] As súas boas actuacións chamaron a atención de varios equipos que lle realizaron ofertas, decantándose finalmente polo Logroñés.[1]

Logroñés editar

Fichado para xogar como extremo esquerdo, foi asignado inicialmente ao filial de Segunda B. Debutou co primeiro equipo do Logroñés na Primeira División na derradeira xornada da tempada 1991/92, da man do adestrador galego David Vidal, que lle deu entrada ao campo nos minutos finais ante o Valencia como substituto do internacional austríaco Toni Polster.[2] Durante a seguinte tempada alternou o filial con algúns partidos do primeiro equipo, ao que subiu definitivamente pouco despois do comezo da campaña 1993/94, con Carlos Aimar como adestrador. Axiña se afianzou como titular, pasando a ocupar a posición de lateral esquerdo nun equipo que acabou salvando a categoría ao vencer na última xornada ao Oviedo grazas a dous goles de Salenko.[3]

Valencia editar

Para a tempada 1994/95 foi traspasado xunto a Salenko ao Valencia de Carlos Alberto Parreira, que pagou polos dous uns 340 millóns de pesetas.[4] Titular indiscutible nos seus tres anos en Valencia, disputou un total de 118 partidos, conseguindo o subcampionato de liga na tempada 1995/96, con Luis Aragonés no banco.[5]

A pesar do seu bo rendemento, a chegada de Jorge Valdano provocou a saída de Romero e outros catro futbolistas ao Mallorca.[6]

Mallorca editar

Militou unha soa campaña no club balear, sendo o único futbolista de campo de toda a liga en disputar completos os 38 partidos, facéndoo ademais sen recibir ningún cartón.[7] O equipo, dirixido por Héctor Cúper, completou a mellor tempada da súa historia ata entón, rematando a liga na quinta posición. Ademais acadou por segunda vez a final da Copa do Rei, que disputou ante o Barcelona, e na que Romero foi expulsado no tempo de desconto.[8]

Deportivo da Coruña editar

En xuño de 1998 foi traspasado ao Deportivo da Coruña, sendo unha das primeiras fichaxes do novo adestrador, Javier Irureta.[9] Foi o lateral esquerdo titular do equipo na maioría de partidos, por diante de Bonnissel e Javi López, disputando un total de 40 encontros. Os seus números incrementáronse aínda máis na seguinte campaña, na que xogou un total de 44 partidos, 42 deles como titular. No campionato de liga perdeu só catro partidos por mor dunha escordadura de xeonllo que sufriu nun choque con Albert Nađ, do Oviedo, e foi unha peza clave para que o equipo galego gañase o primeiro e único título ligueiro da súa historia.[10]

Continuou sendo o lateral esquerdo principal do equipo aínda coa chegada de Capdevila, e foi un dos 11 titulares no debut do club na Liga de Campións contra o Panathinaikos F.C.. Foi un fixo durante os seguintes anos na máxima competición europea, na que xogou 50 partidos, e participou na conquista da Copa do Rei na tempada 2001/02, saíndo de inicio na final contra o Real Madrid coñecida como a do Centenariazo.[11] Gañou ademais dúas Supercopas de España ante Espanyol e Valencia, disputando completos os catro partidos. Militou no Deportivo oito tempadas, nas que disputou un total de 306 partidos oficiais. Marcou dous goles, ambos en liga, ante Sevilla e Atlético de Madrid.

Betis editar

No verán de 2006 regresou a Andalucía para fichar polo Betis, onde se reencontrou co seu antigo adestrador na Coruña Javier Irureta. Titular indiscutible durante a primeira parte da tempada, caeu das aliñacións trala destitución do técnico vasco, e chegou a ser apupado nalgún encontro pola súa propia afección, descontenta co rendemento do equipo.[12] Xogou un total de 21 partidos, na que foi a súa última tempada como futbolista, pois ao remate da mesma, e despois de realizar a pretempada co Xerez, anunciou a súa retirada.[13]

Selección nacional editar

Foi 10 veces internacional coa selección española, coa que debutou en febreiro do ano 2000 nun amigable contra Croacia en Split, entrando nos minutos finais como substituto de Etxeberria.[14] No 2001 disputou outros dous partidos, ambos como titular, e ao ano seguinte foi un dos convocados por José Antonio Camacho para o Mundial de 2002, disputado en Corea do Sur e no Xapón. Debutou no torneo no primeiro partido, fronte a Eslovenia, substituíndo na segunda parte ao céltico Juanfran, e xogou tamén o último partido da fase de grupos, diante de Suráfrica, desta vez como titular. Xogou tamén completo o encontro de cuartos de final ante unha das anfitrioas, Corea do Sur, partido no que España caeu eliminada cunha enorme polémica arbitral.[15]

Tralo Mundial disputou catro partidos máis, con Iñaki Sáez e Luis Aragonés como adestradores. Xogou o seu último partido internacional o 17 de novembro de 2004, nun amigable contra Inglaterra no Santiago Bernabéu.[16]

Palmarés editar

Deportivo da Coruña

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Toledano, Jesús (2 de xullo de 2015). ""Tuve una oferta del Real Madrid"" (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  2. "Valencia-Logroñés 1992". BDFutbol (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  3. "Eguizábal: “Salenko, dos goles, quiero dos goles”" (en castelán). 22 de abril de 2020. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  4. "El Valencia ficha a Salenko y Romero". El País (en castelán). 29 de abril de 1994. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  5. Gallardo, Carlos (19 de marzo de 2016). "20 años del Valencia de Aragonés" (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  6. "Ficha de Enrique Romero". ciberche.net (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  7. "Enrique Romero, una temporada de record" (en castelán). 17 de maio de 1998. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  8. "La Copa más histórica" (PDF). Mundo Deportivo (en castelán). 30 de abril de 1998. p. 4. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  9. "Romero ya es del Dépor". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de xuño de 1998. p. 48. 
  10. de la Cruz, Luis (19 de maio de 2020). "20 años del milagro Depor: campeón de Liga 1999-2000". As (en castelán). Consultado o 18 de xaneiro de 2023. 
  11. Cordovilla, Anna (6 de marzo de 2017). "Hoy se cumplen 15 años del ‘Centenariazo’". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 21 de xaneiro de 2023. 
  12. "Campano: «No es lo mismo expulsar a un jugador de los nuestros que del Real Madrid»". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de abril de 2007. p. 32. 
  13. "El ex deportivista Enrique Romero deja el fútbol cuando estaba a prueba con el Xere". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de agosto de 2007. p. 28. 
  14. "Croacia y España empatan a cero en un amistoso monocorde". El Mundo (en castelán). 23 de febreiro de 2000. Consultado o 21 de xaneiro de 2023. 
  15. "El ‘robo’ a España en el Mundial de Corea y Japón de 2002". Mundo Deportivo (en castelán). 17 de abril de 2020. Consultado o 21 de xaneiro de 2023. 
  16. Gómez, Raúl (18 de novembro de 2004). "España convence ante una Inglaterra decepcionante". El Mundo (en castelán). Consultado o 21 de xaneiro de 2023. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar