Enigma Records (tamén coñecido como Enigma Entertainment Corporation) foi un popular selo discográfico estadounidense de rock e música alternativa dos anos 80. Inicialmente foi unha división de Greenworld Distribution, unha distribuidora independente, e separouse dela en 1985 para converterse nunha compañía de seu. Nun principio estableceuse en Torrance, posteriormente en El Segundo e finalmente en Culver City, localidades todas do estado de California.

Enigma Records
Compañía naiGreenworld Distribution (ata 1985)
EMI (dende 1989)
Fundado en1980
FundadorWilliam e Wesley Hein
Estadodefunta
Xénero(s)hard rock, heavy metal, rock alternativo, punk rock
OrixeEstados Unidos
LocalizaciónCulver City (California)

Enigma foi fundada e dirixida polos irmáns William e Wesley Hein. Jim Martone uniuse á compañía en 1984 e converteuse nun compañeiro dos irmáns Hein. Enigma centrouse no punk rock, o rock alternativo e o heavy metal, aínda que tamén editou traballos de techno, jazz e música clásica a través de selos subsidiarios.

Enigma tivo dúas divisións: a Enigma Retro, centrada na reedión de material baixo licenza doutros selos como Straight Records, Bizarre Records e DiscReet Records; e a Restless Records, dedicada a artistas que non estaban preparados para ser distribuídos a grande escala. Enigma tamén publicou bandas sonoras de películas como The Terminator e River's Edge e algúns títulos de Mute Records nos Estados Unidos. O álbum de Sonic Youth Daydream Nation (1988) foi orixinalmente editado a través de Enigma Records, en asociación con Blast First Records.

Enigma Records estivo nun principio distribuída por firmas independentes de distribución e importación de discos, como JEM Records e Important Records, e en 1986 asinou un acordo para distribuír a través de Capitol/EMI. Enigma foi mercada por esta discográfica en 1989 e posteriormente fusionada con Restless en 1991, movendo a este selo o seu catálogo, operacións e parte dos artistas.

A división canadense de Enigma pechou en 1992 e foi reorganizada en FRE Records. Porén, declarouse en bancarrota en 1996 e en 1999 o seu fondo de catálogo foi vendido a DROG Records.