Encontros Galeusca da AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) foi fundada o 3 de maio de 1980 por un grupo de autores galegos destacados como Xosé Luís Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra e Manuel Rivas, entre outros. É unha entidade oficial que agrupa 459 escritores e escritoras en lingua galega, independentemente do seu lugar de residencia ou xénero literario empregado. A AELG forma parte, xunto coa Asociación de Escritores en Éuscaro e a Asociación de Escritores en Lingua Catalá, do lanzamento do Galeusca, un encontro anual de escritores e escritoras dos tres espazos literarios realizado polas tres asociacións.

Primeiro encontro editar

O 22 de xuño de 1984, tivo lugar por primeira vez un encontro de tres días de duración no que participaron asociacións de escritores galegos, cataláns e vascos. A Associació d'Escriptors en Llengua Catalana, que foi de quen partiu a iniciativa, reuniu a máis de 80 autores, tamén acudiron a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Euskal Idazleen Elkartea.

Os contidos tratados durante o primeiro encontro Galeusca non se limitaron exclusivamente á defensa das composicións realizadas por galegos, cataláns e vascos; senón ao seu carácter representativo e á posterior promoción das mesmas obras. Ademais, impúlsanse unha serie de medidas para o establecemento dos dereitos da profesión. As conclusións recóllense no Manifesto de Poblet (cuxo orixinal se pode consultar nesta ligazón), o cal que expresaba as seguintes premisas e reflexións:

  • En contra de todo intento de manipulación e de desvirtuación cultural e nacional, son escritores galegos, vascos e cataláns aqueles que usan como instrumento de creación as súas respectivas linguas, é dicir: galego, éuscaro e catalán.
  • A pesar dos adiantos de normalización -debidos fundamentalmente ao combate reiterado, tanto dos escritores como doutros sectores sociais cunha alta conciencia nacional- atopámonos moi lonxe aínda dos mínimos esixibles nunhas sociedades nacionais asentadas. Constatamos que só se cada unha das nacións aquí representadas se constitúe en estado integramente soberano, haberá garantías de pleno restablecemento.
  • O compromiso firme de establecer relacións continuadas de intercambio e de acción conxunta entre as literaturas e outras expresións culturais de Galicia, Euskal Herría e os Países Cataláns. Para ese efecto, pedimos xa desde agora que as Institucións creen a infraestrutura necesaria co fin de que esta interrelación funcione efectivamente, incluíndo a difusión e a representación internacional das nosas literaturas en todos os ámbitos.
  • O compromiso das nosas Asociacións de manter unha relación constante, mediante a creación dun equipo de traballo conxunto coa misión, entre outras, de:
  • Garantir o intercambio de información sobre a produción literaria.
  • Pór en marcha publicacións comúns.
  • Impulsar traducións mutuas, así como bolsas destinadas a favorecer o transvasamento de experiencias culturais.
  • Velar pola defensa conxunta e solidaria dos intereses profesionais.
  • O Encontro demóstranos a preocupación intensa dos escritores, tanto con respecto á problemática das nosas nacións sen estado, como con respecto á defensa efectiva dos dereitos humanos; e así constatamos o feito dunha represión que tamén afecta escritores tanto das nosas nacións como doutras do mundo.

Obxectivos editar

Os devanditos encontros tiñan un compromiso por retomar as iniciativas políticas e culturais introducidas a comezos do século XX, polo tanto, promover o carácter nacional destas literaturas para obter un alcance internacional. Porén, estas reunións remataron no ano 2008, máis debeuse á unificación das tres asociacións mencionadas ao comezo da entrada, establecendo a recoñecida Federación Galeusca.

Esta agrupación propuxo como principal finalidade “reforzar as actividades para a difusión e promoción das respectivas linguas, máis da produción literaria realizada a través delas nos distintos xéneros e soportes; o desenvolvemento de programas de investigación e formación e encarga de estudos monográficos sobre temas profesionais; a organización de congresos, seminarios, cursos, exposicións e outras actividades colectivas; a edición de documentos, estudos e traballos de divulgación e a participación en organismos públicos e privados.”

Última edición e creación da Federación editar

A última reunión Galeusca (referíndome á anterior agrupación, previa á Federación Galeusca) realizouse entre os días 7 e 9 de novembro de 2008, para afondar no contido, pódese consultar o comunicado correspondente na seguinte ligazón: XXV Galeusca: Valencia-Sueca, 2008. Os autores reuníronse para expresar a necesidade dunha profunda reflexión ante a situación de involución que presentaba o chamado “Manifiesto por la lengua común”; polo que era preciso atopar novos métodos de acción conxunta para solucionar ese problema. A lingua catalá serviu como demostración da posibilidade de acadar un recoñecemento internacional, especialmente no ano 2007, data na que, grazas a unha detida promoción, múltiples representantes da lingua catalá foron convidados á Feria do Libro de Frankfurt.

A creación desta nova agrupación coincidiu co 25 aniversario do primeiro encontro Galeusca, concretamente o 15 de xuño de 2008, a cal reuniu as asociacións para reforzar a acción conxunta fronte a organismos e institucións da administración pública, en todos os seus ámbitos (estatal, autonómico e europeo). Unha das principais innovacións nesta nova etapa, foi a celebración de seminarios e congresos para difundir e promover as linguas, tamén a diversidade de xéneros literarios. Máis, unha das principais novidades foi a inclusión do recurso tecnolóxico para avanzar na profesionalización do sector; ademais dos obradoiros e talleres para a instrución de novos escritores e escritoras nas tres linguas mencionadas.

Un exemplo atopámolo na entidade virtual da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que achega numerosas novidades respecto á literatura do país, non soamente permite un acceso a multitude de obras dispoñíbeis, senón que fomenta a transmisión da literatura de tradición oral en "Polafías". Este espazo de contido multimedia amosa cancións, cantos, contos e poemas populares procedentes de distintas partes de Galiza, ademais dun apartado de información sobre os autores da memoria correspondente.

Non obstante, estas convocatorias remataron sen unha xustificación explícita, o 4 de outubro de 2014 tivo lugar o derradeiro encontro da Federación Galeusca, onde as tres asociacións se centraron na importancia de incrementar a reputación do exercicio da tradución e tratar os efectos da crise económica sobre os autores; como se pode observar na seguinte ligazón. A actividade da AELG non se detivo malia as circunstancias, actualmente celebra homenaxes como “O escritor na súa terra”, dedicada a un autor ou autora que dedicou a súa traxectoria ás nosas letras; entrega os Premios AELG e organiza multitude de eventos e xornadas onde participan as asociacións cataláns e vascas conxuntamente.

Cronoloxía dos encontros editar

Na seguinte listaxe, faremos unha recapitulación de todas as edicións de reunións Galeuscas, indicando a edición, o lugar de reunión, as datas correspondentes ao desenvolvemento dos encontros e mais a súa finalidade:

  • I Galeusca (Barcelona): do 22 ao 24 de xuño de 1984.
  • II Galeusca (Donostia): do 4 ao 6 de outubro de 1985. Destacou o tratamento da lei da propiedade intelectual e a relación do escritor coas administracións públicas.
  • III Galeusca (Baiona): do 24 ao 28 de setembro de 1986. O encontro xirou ao redor da idea “unha lingua, un povo, unha nación”.
  • IV Galeusca (Valencia):do 29 de outubro ao 1 de novembro de 1987. A finalidade da reunión foi analizar a unión entre o escritor e a liberdade, ademais, entre escritores e empresarios.
  • V Galeusca (Bilbao): do 2 ao 5 de decembro de 1988. Investigouse a influencia do cambio político na literatura.
  • VI Galeusca (Santiago de Compostela): do 17 ao 19 de novembro de 1989. A reunión intenta salientar o renovado compromiso dos escritores da época.
  • VII Galeusca (Mallorca): do 11 ao 14 de outubro de 1990. A creación literaria mediante a homoxeneización cultural foi o elemento central da reunión inaugural desta década.
  • VIII Galeusca (Iruña): do 31 de outubro ao 3 de novembro de 1991. Estableceuse unha reflexión sobre o ensaio, a poesía e a novela contemporánea.
  • IX Galeusca (Santiago de Compostela): do 29 de setembro ao 1 de outubro de 1992. Os presentes nesta edición centraron a súa atención na influencia europea nas literaturas de Galeusca.
  • X Galeusca (Tarragona): do 11 ao 13 de novembro de 1993. Comezaron a tratarse elementos como a mestizaxe e diversos elementos característicos da literatura.
  • XI Galeusca (Gasteiz): do 28 de outubro ao 1 de novembro de 1994.
  • XII Galeusca (A Coruña): do 8 ao 10 de decembro de 1995. A emigración e o exilio nas literaturas galega, vasca e catalá foi a temática central da reunión.
  • XIII Galeusca (Principado de Andorra): do 17 ao 20 de outubro de 1996. As principais vías de debate na 13ª edición e nas seguintes foron a escritura que podería desenvolverse no século XXI e a relación entre as artes plásticas e a literatura.
  • XIV Galeusca (Biarritz, Francia): do 23 ao 26 de outubro de 1997.
  • XV Galeusca (Santiago de Compostela): do 6 ao 8 de novembro de 1998.
  • XVI Galeusca (Castelló de la Plana – Morella): do 4 ao 7 de novembro de 1999.
  • XVII Galeusca (Lekeitio): do 10 ao 15 de outubro de 2000. A 16ª e 17ª edición compartiron as súas impresións acerca da literatura e a súa globalización.
  • XVIII Galeusca (Pontevedra): do 2 ao 4 de novembro de 2001.
  • XIX Galeusca (Palma): do 8 ao 10 de novembro de 2002. O encontro xirou ao redor da “ruptura de fronteiras mediante o emprego da literatura”.
  • XX Galeusca (Gernika): do 31 de outubro ao 2 de novembro de 2003. Estableceuse unha memoria sobre os acontecementos do século XX, especialmente nos períodos das Guerras e Posguerras.
  • XXI Galeusca (Allariz-Ourense): do 29 de outubro ao 1 de novembro de 2004. A 21ª e 22ª edicións Galeusca trataron as temáticas “tradición e disidencia” e “a cidade e palabra”.
  • XXII Galeusca (Girona): do 10 ao 13 de novembro de 2005.
  • XXIII Galeusca (Iruña): do 1 ao 4 de novembro de 2006. As tres derradeiras reunións Galeusca debateron sobre cuestións como o imaxinario da literatura, a paisaxe do eu e o tabú.
  • XXIV Galeusca (Mondoñedo-Lugo): do 1 ao 4 de novembro de 2007.
  • XXV Galeusca (Valencia-Sueca): do 7 ao 9 de novembro de 2008.