A encarnación é unha crenza común á maioría das confesións do cristianismo, que sosteñen que Deus se fixo home en Xesús de Nazaret. Trátase dun dogma fundamental que foi obxecto de enormes disputas no seu xeito de ser entendido. Dende o adopcionismo ata o monofisismo, pasando polo arianismo, o nestorianismo e o monotelismo.

María embarazada na fachada da igrexa de Santa María Salomé de Santiago de Compostela.

Evolución da crenza editar

Dos primeiros textos cristiáns: as cartas de San Paulo de Tarso e dos evanxeos sinópticos, despréndese a convicción de que no home Xesús se manifestou dun xeito pleno a Palabra de Deus e o seu Amor por todos e cada un dos homes. Na propia carta aos Efesios de Paulo de Tarso, chégase a afirmar que Xesús, sendo Deus, non retivo con cobiza a súa dignidade senón que se alienou da súa condición divina (kenosis) para facerse home e tomar a condición de escravo ata a súa entrega na cruz. Tal acontecemento concíbese como misterioso e insólito, pero deféndese como irrenunciable e nuclear para a fe das primeiras comunidades que acaban rexeitando o gnosticismo que afirmaba que a humanidade de Xesús era mera aparencia, e que non podía haber contacto entre a divindade e a carne, concibida como corrupción e impureza.

No capítulo primeiro de Xoán, o derradeiro dos evanxeos canónicos en escribirse, xa se afirma que no principio era o Verbo (o Logos), o Verbo estaba en Deus e o Verbo era Deus, engadíndose que o Verbo se fixo home e habitou entre nós. Identificando ao Verbo coa persoa de Xesús.

A maneira de interpretar esta convicción da presenza misteriosa do Logos en Xesús, a condición divina do Logos e da propia da persoa do home Xesús constitúen a historia central da dogmática e a teoloxía cristiá.

A través do home Xesús,(consonte a crítica histórica, un campesiño da aldea de Nazareth, que anunciou o reino de Deus e foi crucificado polos romanos), as confesións cristiás afirman que Deus entrou na dimensión espazo-temporal, compartiu plenamente a nosa natureza e experimentou humanamente o amor, o sufrimento moral e físico ata a mesma morte. Deste xeito, a encarnación é a base da doutrina da redención mediante a cal Deus mesmo dá un sentido á vida dos homes e abre para eles un destino transcendente. Estas ideas foron maduradas polas reflexións dos Pais da Igrexa e definidas nos primeiros concilios ecuménicos, particularmente o Primeiro Concilio de Nicea (non aceptado polos arianos), o Concilio de Éfeso (non aceptado polos nestorianos) e o Concilio de Calcedonia (non aceptado polas igrexas monofisitas).

A Encarnación no contexto das relixións editar

Esta concepción marca unha diferenciación fundamental co resto das relixións da antigüidade, onde o home a través do culto, a ofrenda e os sacrificios tenta achegarse á divindade e acadar o seu favor. No cristianismo a encarnación supón o movemento inverso: é o amor de Deus quen descende materializándose a través da concepción dun home nacido de muller, Deus intérnase na súa propia Creación e renova nela todas as cousas.

Afástase tamén aquí o cristianismo das relixións e filosofías que condenan a Creación e, xa que logo, a materia e a carne, como intrinsecamente malas (gnosticismo, planonismo, hinduísmo, budismo, maniqueísmo). Fronte a isto a Creación e o corpo reciben unha promesa, actuante xa, de renovación e plenitude.

Esta concepción fai incompatible o cristianismo mesmo coas relixións de raíz común: o xudaísmo e o islam. Para o primeiro, Xesús é un falso Mesías e asocialo a Deus unha blasfemia; para o segundo, Xesús é un dos grandes profetas que aparecen no Corán ata o punto en que Deus non permitiu que morrera na cruz, pero que de ningún modo pode ser considerado igual a El.