Embraer EMB 202 Ipanema

O Embraer EMB 202 Ipanema é un avión agrícola usado principalmente para a fumigación aérea. Está fabricado por Indústria Aeronáutica Neiva, unha subsidiaria de Embraer na cidade brasileira de Botucatu. A última versión deste modelo é o primeiro avión de á fixa propulsado por etanol, sendo máis económico que a versión de gasolina. O avión é amplamente empregado no Brasil, tendo unha cota de mercado dun 80%, e lévanse fabricadas ao redor de 1.300 unidades. Ademais dos avións, tamén se venden kits de conversión para os modelos propulsados por gasolina.

Embraer EMB 202 Ipanema
Tipoavión agrícola
FabricanteEmbraer
Primeiro voo1970
Introducidodecembro de 1971
Estadoactivo
Produción1969 - presente
Unidades construídasmáis de 1.300[1]

Desenvolvemento editar

Nos anos 60 o desenvolvemento dun avión agrícola brasileiro estivo motivado pola espansión do mercado de produtos agrícolas, especialmente da soia e da cana de azucre. Durante ese tempo, enxeñeiros do Instituto Tecnológico de Aeronáutica desenvolveron o avión na granxa Ipanema, situada en Sorocaba.[2]

A primeira versión do avión, a EMB-200, realizou o seu primeiro voo en 1970[3] e foi certificada en decembro de 1971.[4] O modelo estaba equipado cun motor de pistóns de 260 cabalos. Embraer iniciou a fabricación en serie en 1972, e en setembro de 1974 introducíuse o EMB-201, que incluía varias melloras como un motor de 300 cabalos, unha nova hélice, novas ás e maior capacidade.

En 1982 transferíuse a fabricación do Ipanema a Indústria Aeronáutica Neiva, recentemente adquirida por Embraer. En 1992 lanzouse un novo modelo, o EMB-202 ou Ipanemão. O novo avión tiña melloras na aerodinámica e un 40% máis de capacidade.

Nos anos seguintes Neiva fixo significativas melloras no avión. Engadíronselle winglets, un sistema de aire acondicionado na cabina, baixouse a posición das ás, disminuíuse a resistencia e reducíuse o peso do sistema de escape.

Dado que o etanol está dispoñible en grandes cantidades no Brasil, custando só un 25-30% do que custa a gasolina de aviación, moitos granxeiros brasileiros intentaron utilizar os motores dos Ipanemas con alcol, con distintos graos de éxito. O resultado disto foi o desenvolvemento dun Ipanema cun motor de alcol, que foi certificado polo Departamento de Ciência e Tecnologia Aeroespacial do país o 19 de outubro de 2004. O motor do Ipanema ten tamén un 20% menos de custos de operación e mantemento.

Notas editar

  1. embraer.com.br - Embraer entrega Ipanema 1.300 (en portugués).
  2. "EMB 200 Ipanema". historicalcenter.embraer.com (en inglés). Consultado o 2022-05-12. 
  3. Taylor 1971, p. 13
  4. Taylor 1975, p. 16