O efecto Haas, tamén coñecido como efecto de precedencia ou efecto de prioridade, afecta á percepción humana do son, e describe como, a nivel de percepción, se varios sons independentes chegan ao noso cerebro nun intervalo inferior a 50 ms (milisegundos), este fusiónaos e interprétaos como un só. Isto débese a que o cerebro deixa de percibir a dirección e entende os sons posteriores como un eco ou reverberación do primeiro. Para que o o noso cerebro non interprete a dirección do son, o sinal atrasado debe ter máis volume que o primeiro.

  • Se o retardo chega nun intervalo inferior a 5 ms, o cerebro localiza o son en función da dirección que tivera o primeiro estímulo, aínda que os outros proveñan de direccións diametralmente opostas.
  • Se o retardo está entre os 5 e os 50 ms, o oínte escoita un único son, mais, na zona de fusión, entre 5 e 30 ms, elevando o segundo sinal máis de 10 dBs, percíbense son separados, e na zona de transición, entre 30 e 50 ms, xa se comezan a distinguir os sinais.
  • Arriba de 50 ms percíbense as fontes separadas.

Emprégase a chamada curva Haas para indicar a intensidade (expresada en dB) necesaria para lograr unha equivalencia en canto ao retardo en milisegundos entre dous sinais. Esta curva de Haas emprégase en acústica, entre outras cousas, para controlar o son estéreo en recintos.

Este fenómeno foi descrito polo médico alemán Helmut Haas, a quen se lle debe o nome pola súa tese doutoral en 1949.