Dominancia (etoloxía)

A dominancia en etoloxía é o "acceso preferente individual aos recursos sobre outros" individuos [1] A dominancia no contexto da bioloxía e antropoloxía é o estado de ter un maior status social en relación cun ou máis individuos, que reaccionan submisamente perante os individuos dominantes. Isto permite que o individuo dominante obteña acceso a recursos como alimentos ou parellas potenciais a expensas dos individuos submisos, sen unha agresión activa. A ausencia ou redución da agresión significa que se diminúe para ambos o gasto innecesario de enerxía e o risco de lesións. O oposto da dominancia é a submisión.

Un lobo (o da dereita) exerce a dominancia sobre outro (á esquerda) cunha exhibición de ameaza: ensina os dentes, pega as orellas ao corpo e ergue os pelos do pescozo, mentres que o lobo submiso baixa a cabeza e xíraa para acougar o individuo dominante.

A dominancia pode ser unha relación puramente de dous individuos, é dicir, o individuo A é dominante sobre o individuo B, pero isto non ten implicacións sobre se ambos son dominantes sobre un terceiro individuo C. Alternativamente, a dominancia pode ser xerárquica, cunha relación transitiva, na que se A domina B e B domina C, A sempre dominará C. Isto denomínase xerarquía de dominancia linear. Algunhas sociecades animais teñen déspotas, é dicir, un só individuo dominante con pouca ou ningunha estrutura xerárquica entre o resto do grupo. Os cabalos usan coalicións nas que os pares afiliados dunha manda teñen unha dominancia acumulada grazas á que poden desprazar a un terceiro cabalo que normalmente ten unha posición superior a ambos desde un punto de vista individual.[2]

Establecemento e mantemento editar

A dominancia pode establecerse inicialmente loitando ou simplemente con exhibicións ou intercambios ameazantes. Porén, unha vez establecida, a dominancia mantense xeralmente por comportamentos agonistas (competitivos) nos que a agresión está considerablemente reducida ou ausente. No mantemento das relacións de dominancia, o comportamento do animal subdominante é esencial. Se un animal dominante percibe que o seu status está sendo desafiado, probablemente ameazará o animal subdominante. O subdominante debe entón escalar na intensidade da interacción para retar o dominante, ou adiar o enfrontamento. Desta maneira, é con frecuencia o comportamento do animal subdominante o que mantén as relacións de dominancia.

Funcións editar

A función última da xerarquía de dominancia é incrementar a fitness incdividual ou a fitness inclusiva dos animais implicados na súa formación. Loitar para adquirir recursos como a comida e parellas é caro en canto a tempo empregado, enerxía gastada e risco de sufrir lesións. Desenvolvendo unha xerarquia de dominancia, os animais determinan que individuos terán prioridade de acceso aos recursos, especialmente cando estes son limitados; así hai unha redución das agresións unha vez que a orde "de peteirar" (de comer ou acceder ao recurso) quedou establecida. Por tanto, as funcións inmediatas da orde para peteirar son reducir os custos de tempo, enerxía ou risco de lesións que se producen durante a adquisición de recursos e a súa defensa.

Un animal dominante é aquel cuxos padróns de comportamento sexuais, alimenticios, agresivos e outros están pouco influídos por outros membros do grupo, é dicir, fai o que quere. Nos animais subordinados ten lugar o oposto; os seus comportamentos poden ser influídos de modo relativamente fácil ou incluso inhibidos por outros membros do grupo.[3] Para moitas sociedades animais, a posición individual na xerarquía de dominancia correspóndese coas oportunidades para reproducirse;[4] porén, noutras sociedades animais, a xerarquía de dominancia pode non estar relacionada coas oportunidades (potenciais) de reproducirse, por exemplo, nas ratas-toupa espidas, abellas e moitos animais de granxa, laboratorio, zoos ou de compañía. Os estudos realizados mostraron que hai unha forte asociación entre os niveis altos de testosterona e os comportamentos dominantes que axudan a mellorar o éxito na reprodución nos homes.[5]

Nas sociedades xerárquicas, os individuos dominantes poden exercer o control sobre os outros. Por exemplo, nunha manda de cabras que se fixeron silvestres hai un gran macho que é o dominante e mantén a disciplina e a coherencia da manda. Lidera o grupo mais comparte o liderado nunha expedición para buscar comida cunha vella femia, que normalmente ao longo da súa vida viu pasar unha sucesión de machos dominantes.[6] Porén, algúns traballos iniciais mostraron que as ordes de liderado nas cabras non estaban relacionadas coa idade ou dominancia.[7]

Nas ovellas, a posición nunha manda en movemento está moi correlacionada coa dominancia social, pero non hai un estudo definido que mostre un liderado voluntario consciente por un carneiro individual.[8]

En aves, os individuos dominantes seleccionan preferentemente os pousadeiros máis altos para poñerse así en mellor posición para detectar e evitar os predadores, e tamén para exhibir a súa dominancia sobre os conespecíficos.[9]

Porén, suxeriuse que máis comunmente, a toma de decisións sobre as accións do grupo están disociadas da dominancia social.[10]

Medidas editar

O primeiro estudo sistemático publicado sobre a dominancia en animais foi de Thorleif Schjelderup-Ebbe, que describiu na súa tese de doutoramento de 1921, o comportamento social e prioridade de acceso á comida nas galiñas. [11] Isto xerou o termo cooquial "orde para peteirar" (orde para comer)[12] que describía o sistema xerárquico da organización social nas galiñas, aínda que o termo se aplica tamén por extensión a outros animais.

A dominancia pode medirse polo número de veces que os individuos ceden entre si nas interaccións sociais, pola duración do tempo en que poden acceder aos recursos de forma preferente, polo número/intensidade das ameazas realizadas ou outros comportamentos agonistas (competitivos). A medida da dominancia só é aplicable dentro dun grupo, xa que é unha función dos membros individuais do grupo.

Dependencia do contexto editar

 
Gando Eringer competindo pola dominancia.

A dominancia e a súa organización poden ser moi variables dependendo do contexto ou dos individuos implicados.

Nos teixugos europeos, as relacións de dominancia poden variar co tempo a medida que os individuos se fan máis vellos, gañan ou perden status social ou cambian a súa condición reprodutora.[13] A dominancia pode tamén variar no espazo en animais territoriais, xa que os propietarios do territorio adoitan ser dominantes sobre todos os outros que están no seu territorio, pero son submisos noutros lugares ou dependendo do recurso. Incluso mantendo constantes estes factores, as xerarquías de dominancia perfectas raramente se encontran en grupos de gran tamaño,[14] polo menos na natureza. As xerarquías de dominancia poden encontrarse máis frecuentemente en catividade, xa que as xerarquías tenden a ser inducidas por recursos concentrados como unha limitada subministración de alimento ou cando o alimento se subministra nun lugar fixo.

As xerarquías de dominancia en pequenas mandas de cabalos domésticos son xeralmente xerarquías lineares, mentres que en grandes mandas as relacións son triangulares.[15]

As xerarquías de dminancia poden formarse xa a idade moi temperán. Os bácoros ou leitóns son moi precoces e minutos despois de naceren, ou ás veces en segundos, intentan mamar. Os bacoriños nacen con dentes afiados e loitan para establecer unha orde para elixir os tetos dos que mamar, xa que os tetos anteriores producen a maior canidade de leite. Unha vez establecida, esta orde dos tetos permanece estable, de tal xeito que cada bácoro tende a alimentarse sempre dun determinado teto ou grupo de tetos.[16]

As relacións de dominancia-subordinación poden variar marcadamente entre razas da mesma especie. Estudos sobre as ovellas meiriñas e os Border Leicesters revelaron unha xerarquía case linear nas Meiriñas, pero unha estrutura menos ríxida nos Border Leicesters cando se xeraba unha situación competitiva para a alimentación.[8]

Notas editar

  1. Bland J. (2002) About Gender: Dominance and Male Behaviour http://www.gender.org.uk/about/10ethol/a4_mldom.htm
  2. "Notes on Some Topics in Applied Animal Behaviour by Judith Blackshaw.". Consultado o August 7, 2012. 
  3. Burgoon, J., Johnson, M., & Koch, P. (1998). The nature and measurement of interpersonal dominance. (Volume 65 ed., Vol. Issue 4, pp. 308-335). Communication monograph. Retrieved from http://www.tandfonline.com/loi/rcmm20.
  4. Researchers from University of Washington publish findings in ethology. (2009, August 11). Science Letter, 1136. Retrieved from http://go.galegroup.com/ps/i.do?id=GALE%7CA205165916&v=2.1&u=utoronto_main&it=r&p=AONE&sw=w
  5. Slatcher, R., Mehta, P., & Joseph, R. (2011). Testosterone and Self-Reported Dominance Interact to Influence Human Mating Behavior. Social Psychological and Personality Science 531-539.
  6. MacKenzie, D. 1980. Goat Husbandry. 4th Edition. Revised and edited by Jean Laing. Faber and Faber, London and Boston. p.66-85.
  7. Stewart, J.C. and Scott, J.P. (1947). Lack of correlation between leadership and dominance relationships in a herd of goats. Journal Comparative Physiological Psychology, 40:255-264
  8. 8,0 8,1 Squires, V.R. and Daws, G.T. (1975). Leadership and dominance relationships in Merino and Border Leicester sheep. Applied Animal Ethology, 1:263-274
  9. Portugal, S. J.; Sivess, L.; Martin, G. R.; Butler, P. J.; White, C. R. (2017). "Perch height predicts dominance rank in birds". Ibis 159 (2): 456–462. doi:10.1111/ibi.12447. 
  10. Rowell, T.E. (1974). The concept of social dominance. Behavioral Biology, 11, 131-154.
  11. Schjelderup-Ebbe, T. 1922. Beitrage zurSozialpsycholgie des Haushuhns. Zeitschrift Psychologie 88: 225-252. Reprinted in Benchmark Papers in Animal Behaviour/3. Ed. M.W.Schein. 1975
  12. Porter G. Perrin (1955) 'Pecking Order' 1927-54 American Speech, 30(4):265-268
  13. Hewitt, S.E., Macdonald, D.W. and Dugdale, H.L. (2009). Context-dependent linear dominance hierarchies in social groups of European badgers, Meles meles. Animal Behaviour, 77: 161-169.
  14. Rowell, op. cit.
  15. Houpt, K.A., Law, K. and Martinisi, V. (1978). Dominance hierarchies in domestic horses. Applied Animal Ethology, 4:273–83.
  16. Clutton-Brock, J., (1987). A Natural History of Domesticated Mammals. Cambridge University Press, Cambridge pp.73-74

Véxase tamén editar

Outros artigos editar