Doazón de Constantino

A doazón de Constantino (latín: Donatio Constantini) foi un decreto imperial apócrifo atribuído a Constantino I segundo o cal, ao tempo que se recoñecía ao Papa Silvestre I como soberano, se lle doaba a cidade de Roma, así como as provincias de Italia e todo o resto do Imperio Romano de Occidente. A autenticidade do documento foi posta en dúbida xa durante a Idade Media. Pero foi o humanista Lorenzo Valla quen en 1440 puido demostrar definitivamente que se trataba dunha fraude da curia romana: a través da análise lingüística do texto demostrou que non podía estar datado arredor do ano 300.

Un fresco do século XIII. O Papa Silvestre I e Constantino I

Introdución editar

O longo proceso de achegamento entre o pontificado e o reino franco que comeza no pontificado do Papa Gregorio Magno (590-604), acada un dos seus puntos culminantes na unción real coa que o Papa Estevo III [1] constituíu ao mordomo palatino Pipino o Breve como rei dos francos e patricius romanorum, dando por extinguida a dinastía merovinxia (752). Deste modo o Papa se arrogaba a capacidade de traspasar a dignidade real dunha dinastía a outra e ao tempo, como contrapartida, concedía ao rei dos francos a capacidade de intervir nos asuntos italianos. De feito, Pipino cruzou os Alpes en dúas ocasións para reconquistar vastas rexións da península italiana de mans dos longobardos e doounas a san Pedro, o Príncipe dos Apóstolos; deste modo constituíronse en pleno século VIII os estados da Igrexa, e o Papa quedou convertido nun monarca temporal.[Cómpre referencia]

Cando se fixo necesario xustificar semellante innovación xurídica (de facto, os pontífices exercían xa unha non ben determinada xurisdición gobernativa desde as invasións bárbaras) recorreuse ao vello método medieval de "inventar" un documento que retrotraese no tempo a situación que se daba no presente. Este foi o nacemento do documento que pasou á historia como a Donatio Constantini (ss. VIII-IX).[Cómpre referencia]

Nota editar

  1. Hai dúbidas sobre a numeración deste papa, pois existiu un papa Estevo de efémero reinado que debería levar o número II, pero hai cómputos de papas que non o teñen en conta, polo que Estevo III pode aparecer como Estevo II

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar