Dis Pater ou Dispater foi un deus romano do inframundo, posteriormente absorbido por Plutón ou Hades. Orixinalmente un deus da riqueza, da fertilidade das terras de cultivo e dos minerais subterráneos, foi comparado coas deidades romanas Plutón e Orcus, converténdose nunha deidade do outro mundo.

Táboa de maldición (metade do século -I) invocando a Dis Pater cun feitizo.

Dis Pater foi comunmente acurtado en Dis. Este nome era unha forma alternativa de chamar ó inframundo ou a unha parte del, como o Dis da Divina Comedia.

Crese que Dis Pater foi tamén unha deidade celta. Esta confusión provén da cita dun dos traballos de Xulio César no seu Commentarii de Bello Gallico VI:18, onde di que os galos son descendentes de Dis Pater. Porén, é un claro exemplo de interpretatio romana. O que César quixo dicir é que os galos son descendentes dun deus galo semellante ó romano Dis Pater. Posibles candidatos desta función na relixión celta son o galo Sucellus, o irlandés Donn e o galés Beli Mawr, entre outros.