Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación

organización armada contra o franquismo

O Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) foi unha organización armada formada en 1959 por exiliados españois, sobre todo galegos, e portugueses para loitar contra as ditaduras salazarista e franquista.

Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación
AcrónimoDRIA, DRIL e DRIL
Tipoorganización armada
Ideoloxíaoposición ao franquismo
Data de fundación1959
Data de disolución1964
Fundador(es)Camilo Mortágua e Henrique Galvão
PaísEspaña e Portugal
editar datos en Wikidata ]

Historia e características editar

O DRIL tiña dous secretarios xerais: Humberto Delgado e Xosé Velo e entre os seus membros destacaron Henrique Galvão e José Fernando Fernández Vázquez (Xosé de Soutomaior). As primeiras accións armadas realizounas en febreiro de 1960 contra a casa do concello de Madrid e os locais da FET de las JONS, tamén en Madrid, acción na que morre o membro do DRIL José Ramón Pérez Jurado. En xuño de 1960 o DRIL atentou contra as estacións do tren de Barcelona, Donostia e Bilbao e contra o aeroporto de Madrid. Como consecuencia do atentado de Donostia, onde estivo implicado o vigués Guillermo Santoro, morreu unha nena de 22 meses[1].

A acción máis coñecida do DRIL foi a Operação Dulcineia, consistente no secuestro do Santa Maria (buque portugués que facía a liña Caracas-Lisboa-Vigo), entre o 22 de xaneiro e o 4 de febreiro de 1961. Nela un comando composto por 24 membros do DRIL, coordenados por Henrique Galvão e Humberto Delgado, secuestrou o buque, no que viaxaban 586 pasaxeiros. A pretensión era denunciar a situación que se vivía en Portugal e España. Na decurso do secuestro morreu un oficial do Santa María. Tras conversas co goberno brasileiro, os membros do DRIL depuxeron as armas e conduciron o navío cara a Recife a cambio de recibir o status de refuxiados políticos. Este feito foi narrado no documental Santa Liberdade (2004), de Margarita Ledo Andión, que recupera a memoria do secuestro do buque Santa Maria.[2]

Tras o secuestro o DRIL entrou en crise interna polas liortas internas sobre quen liderara a operación e sobre todo por outro problema máis de fondo entre os que concibían ao DRIL como un grupo que realizase grandes golpes de efecto e outro que o concibían nunha estratexia de insurrección armada contra o franquismo e o salazarismo, malia iso o DRIL continuou realizando accións esporádicas ata 1964.

Notas editar

  1. Aizpeolea, Luis R. (23 de xuño de 2020). "Fin de la polémica: el DRIL mató a la niña Begoña Urroz". El País (en castelán). 
  2. "Santa Liberdade. NÓS Produtora Cinematográfica Galega". www.noscinema.gal. Consultado o 2021-04-25. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar