Die Meistersinger von Nürnberg

Die Meistersinger von Nürnberg (en galego Os mestres cantores de Núremberg) é unha ópera en tres actos con música de Richard Wagner e libreto en alemán do propio compositor. A súa estrea tivo lugar o 21 de xuño de 1868 no Königliches Hof-und Nationaltheater de München, baixo a batuta de Hans von Bülow.

Die Meistersinger von Nürnberg
Os mestres cantores de Núremberg
FormaÓpera
Actos e escenas3 actos
Idioma orixinal do libretoAlemán
LibretistaRichard Wagner
Fontes literariasDiversas fontes literarias
Estrea21 de xuño de 1868
Teatro da estreaKönigliches Hof-und Nationaltheater
Lugar da estreaMünchen
Duración4 horas 30 minutos
Música
CompositorRichard Wagner
Localización da partituraGermanische Nationalmuseum, Nürnberg
Personaxes

Véxase personaxes

Personaxes editar

Papel Tesitura Intérpretes na estrea, 21 de xuño de 1868
(Director: Hans von Bülow)
Eva, filla de Pogner soprano Mathilde Mallinger
Magdalena, niñeira de Eva mezzosoprano Sophie Dietz
Walther von Stolzing, un xove cabaleiro de Franconia heldentenor Franz Nachbaur
David, aprendiz de Sachs tenor de carácter alto Max Schlosser
Hans Sachs, zapateiro, Meistersinger baixo-barítono Franz Betz
Veit Pogner, orfebre, Meistersinger baixo Kaspar Bausewein
Sixtus Beckmesser, administrador municipal, Meistersinger barítono Gustav Hölzel
Fritz Kothner, panadeiro, Meistersinger barítono Karl Fischer
Kunz Vogelgesang, peleteiro, Meistersinger tenor Karl Samuel Heinrich
Konrad Nachtigall, funileiro, Meistersinger baixo Eduard Sigl
Hermann Ortel, xabroneiro, Meistersinger baixo Franz Thoms
Balthasar Zorn, estañeiro, Meistersinger tenor Bartholomäus Weixlstorfer
Augustin Moser, sastre, Meistersinger tenor Michael Pöppl
Ulrich Eisslinger, tendeiro, Meistersinger tenor Eduard Hoppe
Hans Foltz, caldeireiro, Meistersinger baixo Ludwig Hayn
Hans Schwarz, tecedor, Meistersinger baixo Leopold Grasser
A Nightwatchman baixo-barítono Ferdinand Lang
Cidadans de todas as confrarías e as súas mulleres, viaxeiros, aprendices, mozas, cidadáns de Núnemberg

Argumento editar

Acto I editar

 
Eugen Gura como Hans Sachs en 1882.

Escena 1: Interior da igrexa de Santa Catalina en Núremberg

Logo dunha magnífica abertura orquestral un coro inicia o acto cantando na igrexa, onde está a concluír un servizo relixioso para a véspera de San Xoán, xusto cando o xove cabaleiro de Franconia Walther se dirixe a Eva, a quen coñecera anteriormente e lle pregunta se está comprometida con alguén. Eva namorouse de Walther a primeira vista, mais o informa de que seu pai, o ourive e mestre cantor Veit Pogner, dispuxo entregar a súa man ao gañador do concurso de canto da confraría no día de San Xoán (Noite de San Xoán), ao día seguinte. A doncella de Eva, Magdalena, induce a David, o aprendiz de Hans Sachs, a ensinarlle a Walther a arte dos mestres cantores. A esperanza é que Walther se clasifique como mestre cantor durante a reunión da confraría, que se celebra habitualmente na igrexa despois da misa, e deste xeito conseguir un posto no concurso de canto, a pesar da súa profunda ignorancia das regras e convencións dos mestres da confraría.

Escena 2

Mentres os outros aprendices preparan a igrexa para o encontro, David advirte a Walther de que non é doado converterse en mestre cantor; exixe moitos anos de aprendizaxe e práctica. Comeza a dar unha confusa lección sobre as regras de composición e canto dos mestres cantores. (Moitas das melodías que describe pertencían realmente a mestres da época.) Walther está confundido polas complicadas normas, mais está decidido a tentar encontrar un lugar na confraría de todos xeitos.

Escena 3

Os primeiros mestres cantores póñense en fila na igrexa, incluíndo ao rico pai de Eva, Veit , e o administrador municipal Beckmesser. Beckmesser, un cantante técnico e listo que estaba esperando gañar o concurso sen oposición, preocúpase ao ver que Walther é o convidado de Pogner e pretende entrar no concurso. Mentres tanto, Pogner presenta a Walther aos outros mestres cantores conforme chegan. Fritz Kothner, o panadeiro, desempeñando o cargo de presidente da reunión, pasa lista. Pogner, dirixíndose á asemblea, anuncia a súa oferta da man da súa filla para o gañador do concurso de canto. Cando Hans Sachs sinala que Eva debería poder dicir algo no asunto, Pogner concorda en que Eva pode rexeitar ao gañador do concurso, mais que ela de todos xeitos debe casar cun mestre cantor. Outra suxestión de Sachs, que o pobo da cidade, máis que os mestres, debería ser quen xulgase o gañador do concurso, é silenciado polos outros mestres. Pogner presenta formalmente a Walther como candidato para a admisión na confraría. Preguntado por Kothner sobre o seu pasado, Walther afirma que as obras de Walter von der Vogelweide foron a súa inspiración poética, e os seus mestres na música foron os paxaros e a propia natureza. Os mestres móstranse conformes en admitilo con reticencias, sempre que poida proporcionar unha canción de mestre de composición propia. Walther elixe o amor como tema da súa canción e polo tanto será xulgada só por Beckmesser, o "Marcador" da confraría. Walther lánzase a unha melodía nova en forma libre, rompendo todas as regras dos mestres cantores, e a súa canción é constantemente interrompida polo son do xiz de Beckmesser no seu taboleiro, anotando maliciosamente cada unha das vulneracións, unha detrás doutra. Cando Beckmesser cubriu por completo o encerado con símbolos dos erros de Walther, interrompe a canción e argumenta que non hai razón algunha para rematala. Sachs tenta convencer aos mestres de que permitan a Walther seguir, mais Beckmesser di con ironía que Sachs debera deixar de establecer a política e no seu lugar, acabar de facerlle os seus novos zapatos, que xa se está a atrasar. Os demais mestres rexeitan ao cabaleiro.

Acto II editar

 
Die Meistersinger von Nürnberg por Ferdinand Leeke.

Escena 1: Tarde nunha rúa de Núremberg, na esquina entre o taller de Pogner e o de Hans Sachs

David informa a Magdalena do fracaso de Walther. No seu desgusto, Magdalena marcha sen dar a David a comida que ela lle levara. Isto provoca a desilusión doutros aprendices, e David está a piquies de volverse a eles cando Sachs chega e empurra ao seu aprendiz ao taller.

Escena 2

Pogner chega con Eva, implicándose nunha conversa con rodeos: Eva dubida se preguntar sobre o resultado da solicitude de Walther, e Pogner ten dúbidas privadas sobre se era sabio ofrecer a man da súa filla en matrimonio ao que gañe o concurso de canto. Mentres entran na casa, Magdalena aparece e lle pregunta a Eva sobre os rumores do fracaso de Walther. Eva decide preguntar a Sachs sobre o tema.

Escena 3

Cando chega o ocaso, Hans Sachs senta enfronte da súa casa para traballar nun novo par de zapatos para Beckmesser. Deleitase coa canción de Walther, que causou unha profunda impresión nel.

Escena 4

Eva achégase a Sachs e falan do concurso de canto do día seguinte. Eva non sente entusiasmo por Beckmesser, quen parece ser o único concursante elixible. Eva di que a ela non lle importaría si Sachs, un viúvo, fora gañar o concurso. Aínda que conmovida, Sachs protesta que el sería demasiado vello para ser o seu home. Incitado máis alo, Sachs narra o fracaso de Walther na reunión da confraría. Isto fai que Eva saia enfurecida, confirmando a sospeita de Sachs que se ten enamorado de Walther. Eva é interceptada por Magdalena, quen a informa de que Beckmesser vén darlne unha serenata. Eva, decidida a buscar a Walther, dille a Magdalena que se faga pasar por ela (Eva) na xanela do dormitorio.

Escena 5

Xusto cando Eva vai abandonar, aparece Walther. Dille que foi rexeitado polos mestres cantores, e os dous se preparan para fuxir. Non obstante, Sachs escoitou os seus plans. Mentres están pasando, ilumina a rúa coa súa lanterna, forzándolles a esconderse na sombra da casa de Pogner. Walther decide enfrontarse a Sachs, mais vese interrompido pola chegada de Beckmesser.

Escena 6

Mentres Eva e Walther se retiran aínda máis nas sombras, Beckmesser comeza a súa serenata. Sachs o interrompe lanzándolle nunha canción de zapateiro e martillando a sola dos zapatos a medio facer. Desgustado, Beckmesser dille a Sachs que pare, mais o zapateiro replica que ten que rematar os zapatos, de cuxa tardanza Beckmesser se queixara publicamente arredor do Acto I. Sachs ofrece un compromiso: estará calado e permitirá a Beckmesser cantar, mais el (Sachs) será o "marcador" de Beckmesser, e marca cada un dos erros poético-musicais de Beckmesser ao golpear unha das solas co seu martelo. Beckmesser, que viu a alguén na xanela de Eva (Magdalena disfrazada), non ten tempo de discutir. Tenta cantar a súa serenata, mais comete erros. David desperta e ve a Beckmesser aparentemente dándolle unha serenata a Magdalena. Ataca a Beckmesser nun momento de celos. Toda a veciñanza está esperta polo son. Os outros aprendices apresúranse á pelexa, e a situación deriva en toda unha algarada. Na confusión, Walther tenta escapar con Eva, mais Sachs empurra a Eva á súa casa e arrastra a Walther ao seu propio taller. Volve a calma tan repentinamente como se rompera. Unha figura solitaria camiña pola rúa — o sereno, dicindo a hora.

Acto III editar

Escena 1: o taller de Sachs

Cando amence, Sachs está lendo un gran libro. Perdido nos seus pensamentos, non responde cando David regresa de entregar os zapatos de Beckmesser. David finalmente logra atraer a atención do seu mestre, e tratan as seguintes festividades — é o día de San Xoán, o día onomástico de Hans Sachs. David recita os seus versos para Sachs, e marcha a preparar a festa. A soas, Sachs pensa na rebelión da noite anterior. "¡Loucura! ¡Loucura! ¡Locura por todas partes!" (Wahn! Wahn! Überall Wahn!) O seu intento de impedir un rapto terminara nunha sorprendente violencia. A pesar de todo, está decidido a facer que a loucura traballe para el ese día.

Escena 2

Sachs dá a Walther unha lección interactiva da historia e a filosofía da música e os mestres cantores, e ensínalle a moderar o seu canto de acordo co espírito (se non a letra estrita) das regras dos mestres. Walther demostra a súa comprensión compoñendo dúas seccións dunha nova canción de premio nun estilo máis aceptable que o seu previo intento do Acto I. Sachs escribe novos versos conforme Walther os canta. Unha sección final queda pendente de compoñer, mais Walther está cansado de palabras. Os dous homes deixan a habitación para vestirse para a festa.

Escena 3

Beckmesser, aínda con dores pola malleira da noite anterior entra no taller. Ve os versos da canción do premio, escrita cos trazos de Sachs, e conclúe que Sachs pensa en segredo entrar no concurso por medio de Eva. O zapateiro volve entrar no cuarto e Beckmesser enfróntase a el cos versos. Sachs declara que non ten intención de galantear a Eva, e nega que fora el quen escribiu a canción, malia admitir como súa a escritura. Dálle o manuscrito a Beckmesser como agasallo, promételle non reclamar nunca a canción como propia, e infórmalle que é unha canción moi difícil de interpretar e cantar. Beckmesser, coa confianza restaurada pola perspectiva de usar versos escritos polo afamado Hans Sachs, ignora a advertencia e bule para prepararse para o concurso de canto. Sachs sorrí ante a idiotez de Beckmesser pero cre que Beckmesser vai aprender a ser mellor no futuro.

Escena 4

Eva chega ao taller. Busca a Walther, mais pretende queixarse dun zapato que Sachs fixo para ela. Sachs dáse de conta de que o zapato encaixa perfectamente, mais dille que vai cambiar o que cosera. Mentres traballa, dille a Eva que acaba de escoitar unha bela canción, só que lle falta o final. Eva berra mentres Walther entra na habitación, espléndidamente vestido para a festa, e canta a terceira sección, final, da canción de premio. A parella está chea de gratitude a Sachs, e Eva pídelle a Sachs que a perdoe por ter manipulado os seus sentimentos. O zapateiro afástaos con queixas do seu traballo como zapateiro, poeta e ciudo. Ao final, non obstante, admite ante Eva que, a pesar dos seus sentimentos por ela, está decidido a evitar o destino do Rei Marke (unha referencia ao tema doutra ópera de Wagner, Tristan und Isolde, na que un home vello tenta casar cunha muller moito máis nova), dando así a súa bendición aos novos. David e Magdalena aparecen. Sachs anuncia ao grupo que un novo mestre cantor apareceu, que, seguindo as regras dos mestres cantores, vai ser bautizado. Como un aprendiz non pode servir como testemuña do bautismo, promociona a David ao rango de oficial coa tradicional fazula na orella. Logo el bautiza a canción de premio como a Canción do soño matinal (Selige Morgentraumdeut-Weise). Despois de celebrar a súa boa fortuna cun quinteto ampliado, o grupo marcha á festa.

Escena 5: O prado preto do río Pegnitz

Ten lugar a festa de Xoán o Bautista. As diversas confrarías celebran as súas procesións, culminando coa chegada dos mestres cantores. O público canta as loanzas de Hans Sachs, o máis amado e famoso dos mestres cantores. Comeza o concurso polo premio. Beckmesser tenta cantar os versos que obtivera de Sachs. Porén, terxiversa as palabras e fracasa, incapaz de encaixalas na melodía axeitada, e acaba cantando tan torpemente que o público ríse del. Antes de saír furioso, berra que a canción non é nin sequera súa; Hans Sachs o engañou para que a cantara. O público móstrase confuso, como pode o gran Hans Sachs escribir unha canción tan mala? Sachs explica que a canción non é súa, e tamén que é de feito unha bela canción que os mestres amarán, cando a escoiten correctamente cantada. Para probar isto, chama a unha testemuña: Walther. A xente está tan intrigada coa canción que permiten a Walther cantala, e todo o mundo queda ganado a pesar da novidade da canción. Declaran a Walther gañador, e os mestres cantores queren que sexa membro da súa confraría alí mesmo. Ao principio Walther séntese tentado a rexeitar a súa oferta, mais Sachs intervén unha vez máis, e explica que a arte, mesmo cando é unha arte contraria e rompedora coma a de Walther, só pode existir dentro dunha tradición cultural, cuxa tradición a arte sostén e mellora. Walther está convencido; concorda en unirse. Pogner coloca a simbólica medalla de mestría arredor do seu pescozo, e a xente canta unha vez máis en loanza de Hans Sachs, o amado mestre cantor de Núremberg.

Instrumentación editar

A partitura de Wagner require da utilización dos seguintes instrumentos:

Instrumentación de Die Meistersinger von Nürnberg
Madeiras
2 fratuas, piccolo, 2 óboes, 2 clarinetes, 2 fagots.
Metais
4 trompas, 3 trompetas, 3 trombóns, tuba.
Percusión
Timpani, bombo, platillos, ferriños, glockenspiel.
Cordas
Arpa, laúde.
Archi
violíns I e II, violas, violonchelos e contrabaixos.

En escena

Gravacións editar

Die Meistersinger von Nürnberg ten unha longa traxectoria de gravacións dende que se realizaran as primeiras nos anos '20 do século XX. Á parte das gravacións da ópera completa, son frecuentes os extractos sinfónicos e a «Canción do premio», que teñen gravacións consideradas por algúns expertos "de excepcional calidade"[1] como as dos tenores de Richard Tauber (1927, recital, EMI Références) e Lauritz Melchior (1931, antoloxía, Danacord). Tamén se poden atopar numerosas gravacións da ópera completa en DVD.

Notas editar

  1. Segundo La discoteca ideal de música clásica, de Kenneth e Valerie McLeish, Enciclopedia Planeta, 1996. ISBN 84-08-01038-7

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar