Baixo o título de Diario 1921, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao escribiu as impresións que lle produciu unha viaxe de estudos que realizou por Francia, Bélxica e Alemaña durante ese ano para coñece-las últimas tendencias artísticas que se manifestaban ó longo de Europa. A viaxe ocupoulle desde o 26 de xaneiro ata o 10 de outubro (datas da primeira e última anotación). Algúns fragmentos apareceron na revista Nós nos anos 1922 e 1923.[1] Os textos foron incluídos en libro por vez primeira formando parte de Escolma posible (Galaxia, 1964), prologados e seleccionados por Marino Dónega.[2] Como texto independente non se publicou ata 1977 (Museo de Pontevedra e Galaxia) con limiar de Xosé Filgueira Valverde.

Diario 1921
Autor/aAlfonso Rodríguez Castelao
Ilustrador/aAlfonso Rodríguez Castelao
CubertaAlfonso Rodríguez Castelao
Lingualingua galega
EditorialMuseo de Pontevedra
e Editorial Galaxia
Data de pub.1977
Páxinas326
editar datos en Wikidata ]

Organización da viaxe editar

A viaxe puido realizarse mediante unha axuda concedida pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas,[3] grazas ó seu amigo e contertulio Sánchez Cantón.[a] O obxectivo desta axuda era estudar, durante un período de nove meses, as novas técnicas europeas en augaforte, litografía e gravado, visitando museos e escolas de arte de Francia, Bélxica, Alemaña e Gran Bretaña, malia que non chegou a visitar este último país, probablemente porque demorou cinco meses en París.

Unha das condicións da bolsa de viaxe foi a remisión de memorias mensuais co que ía vendo e aprendendo, informes que Castelao baseou nun diario no que vertía todo tipo de opinións, artísticas, políticas e persoais, completadas con debuxos, fotografías, programas de man recollidos dos museos visitados etc. O 6 de xullo, canda un bosquexo seu dun baile campesiño que pega no Diario, escribe: "A verdade é que este xornal vai ben cheo de cousas difrentes. ¡E moitas parvadas leva!".

Itinerario editar

Francia editar

O Diario de Castelao comeza o 26 de xaneiro de 1921, data na que chega a París. Nesta cidade visitou, como fará nas outras que irá percorrendo ó longo da viaxe, os museos (Louvre, museo de Luxemburgo, museo de Cluny, museo Guimet, Petit Palais, museo de Rodin), os monumentos máis coñecidos (o Panteón, Notre Dame, a Sainte-Chapelle, a Sacré Cœur), as exposicións que coincidían coa súa estancia (como a Exposición do Salón dos Humoristas, que describe con minuciosidade) e, naturalmente, os lugares máis característicos da cidade, coma calquera turista, como o Sena ou a Torre Eiffel.[4]

 
Hoxe tiven ocasión de ademirar a Venus de Milo... A probe está feita un freganduxo. Ten berrugas e carafunchos na cara. Ten o coiro coma o dunha gitana que endexamais se lavase. É grandona, sosona, porcona, comellona, graxenta etc. Quen queira conservá-la ilusión, que non a vexa.

As opinións que vai vertendo no diario son desde o primeiro momento críticas coa pintura moderna que ve ("Da esposición dos humoristas falo mal e do Cubismo digo que me é simpática a intención intelectual", escribe nun dos seus informes mensuais), ó contrario do que escribe cando fala dos debuxos chineses e xaponeses, as estatuas e momias exipcias ou as gárgolas de Notre Dame. Tamén escribe do noxo que lle produce o que que cualifica de uso abusivo do nu nas novas pintura e escultura ("No Luxembourg farteime de ver mulleres de marbre encoiras. Tanta teta e tanto cu amoláronme"[5]). Sobre Pablo Picasso escribe o seguinte: "Con todo, eu penso que Picasso é un farsante... A min pareceume que Picasso é un home de gosto refinado se se quer, pero que non sabe dibuxar... Eu teño a Picasso nada máis que por un 'amateur' da arte".[6]

Queda claro que París non lle gustou: "Non, ho. París non entrará en min nin eu nil. Axiña que vexa ben todo o que debo ver, pillo o tren e fuxo". E tamén escribe o seguinte: "Da vida de París... ¡non sei que dicir! Se a civilización, se o progreso pode traer tanta inmoralidade, eu prefiro que non chegue endexamáis á nosa Terra".[7] Aínda así, na última anotación do Diario escrita en París o 21 de xuño, di: "Deprendín moito en París sen perder unha migalla tan siquera das miñas ideas. O esquelete do meu arte ganará moito con iste viaxe", opinión que contrasta coa expresada no colofón da viaxe.

Bélxica editar

Na segunda fase da viaxe percorreu Bélxica, país no que se queda case dous meses. Á chegada a Bruxelas, o 22 de xuño, escribe: "A primeira impresión é a seguinte: os primitivos flamengos son o mellor que hai en pintura". Isto explica que pase os días 27 ó 29 completos no Museo Nacional de Arte Antiga, admirando as obras do Bosco, de Brueghel e de Pieter Huys, entre outros. Do cadro As tentacións de San Antón, do primeiro, di que está cheo de humor e copia diferentes detalles. Tamén debuxa detalles dos cadros de Brueghel. Conclúe dicindo que "Eu non sei saír do Museo antigo... Non é posíbel que poida eispresar o meu entusiasmo polo museo antigo. Sería capaz de ir tódolos días da miña vida a iste museo sen fatiga".

 
A adoración do Año místico, dos irmáns Van Eyck (1432).

Visita tamén Gante, onde estuda durante varios días o políptico de Hubert van Eyck, A adoración do Año místico,[b] que conserva a catedral de San Bavón: "É unha obra que mete medo. Superior ó que eu pensaba. Pasei alí toda a mañán. Volverei outras veces até levalo na memoria gravado pra sempre. É a obra definitiva dun Arte, dunha época e dunha persoalidade";[8] "En suma, non sei decir por qué este cadro doume tan fonda emoción, pero non espero ver cousa mellor nin máis definitiva".[9]

Tamén visitou Bruxas. O 26 de xullo, descansando nun café desta cidade debuxa varios esbozos –pensando en Brueghel e no Bosch- para desenvolver nun futuro cadro seu. Cómpre destacar un, que describe así: "Un paisano (que pode non sere paisano e si recaudador) está zugando o derradeiro sangue dunha vaca que ten a cabeza de caliveira". Esta imaxe será a base dunha das Cousas de Castelao e tamén do deseño dun dos carteis que debuxará en 1936 para a campaña a favor do Estatuto de Galicia.[10]

Desde Bruxas foi a Antuerpen (2 de agosto), onde queda decepcionado ante os cadros de Rubens ("Óllase que Rubens era un fabricante de cadros pintados a man") e Rembrandt ("Rembrandt é indiscutíbel, un enorme artista; pero vistas catro ou cinco obras súas paréceme a min que abondan pra decatarse un do seu arte e da súa técnica"). Pola contra, recunca nos comentarios eloxiosos sobre Brueghel o Vello.

Alemaña editar

 
Patrimonio galego no exterior. A Adoración dos Magos, de Van der Goes.

A terceira e última etapa da viaxe é Alemaña, onde chega o 16 de agosto, para coñece-lo expresionismo. En Berlín bate coa dificultade do idioma, xa que el non sabe alemán e non atopa ninguén que fale francés ou castelán ("Sigo sen entenderme con ninguén"[11]). Visita o museo Kaiser Friedrich e a Nationalgalerie, onde segue dedicándose fundamentalmente á pintura flamenga, sen esquece-la nova pintura impresionista e cubista. O 21 de agosto, fronte ó cadro Adoración dos Magos, de Van der Goes, escribe: "Ó pasar dediante do Van der Goes de Monforte sentín verdadeiro estremecemento. ¡Viva España! din sempre os españolistas, pero todos iles non son homes pra castiga-la súa bulsa polo honor disa España que tanto louban, e deixan saír de España unha xoia semellante".[c]

Ó cabo dun mes marcha a Múnic (18 de setembro), que parece gustarlle máis que Berlín; tamén o que aquí ve de Rembrandt fai que mellore a opinión que tiña del. Describe diferentes exposicións de pintura modernista, dunha das cales di que lle resultou "moito máis intresante que todas cantas teño visto en París no Gran Palais". Aínda así, repite opinións demoledoras como a que lle merece Paul Klee: "O meu rapaz fai debuxos mellores. Eu non sei por qué unha persoa maor ha pintar como pintan os nenos, pois os que xa non somos nenos non podemos faguer rapazadas".

Conclusións da viaxe editar

En liñas xerais, o Diario reflicte unha fonda decepción ante estas vangardas artísticas que vía baleiras e artificiais, "pour épater le bourgeois", escribiría tras ver unha exposición de artistas independentes en París. Na viaxe visita canto museo e exposición atopa nas cidades que percorre, pero mentres que os comentarios polos primitivos flamengos son normalmente moi laudatorios, os que verte sobre as personalidades e tendencias da nova pintura adoitan reflictir un claro desprezo. A piques de remata-la estancia en París escribe: "Xa sei o que é o dadaísmo. O dadaísmo non é nada; o dadaísmo é faguer nada con nada i é peor que nada porque é parvo e nun pobo onde haxa un pouco de hixiene espritual os dadaístas serán mallados a paus".[12]

Cando remataba a viaxe, e pensando xa no regreso, Castelao comeza a recoller conclusións no seu Diario: "¿E que deprendín moito? Non; do meu arte non deprendín nada novo e canto levo visto dos artistas contemporáneos non me parece superior ó que eu podo faguer... Eu teño que confesar que sairei de eiquí tal como vin e sen deprender nada".

Finalizada a viaxe (na última anotación, do 10 de outubro) escribe:

"Mais eu teño que confesar que sairei deiquí tal como vin sen deprender nada. O que ollei de xeito novo xa o presentía e aínda un pouco mellorado (falo do novo que me gusta, pois vin moito que non presentía. Que non presentía porque eu son un home cordo, gracias a Deus)."

O Diario na obra posterior de Castelao editar

Cómpre sinalar que, en varias ocasións, os feitos ou cadros que describe Castelao nesta viaxe deron pé a algúns dos seus textos, debuxos ou cadros posteriores. Como tal, cando conta que viu o cadro de Brueghel no Louvre, A parábola dos cegos, tema que vinte anos despois serviría de base dunha das súas láminas da serie Cegos: os meus compañeiros.

Do mesmo modo, cando conta que o 15 de marzo visitou en París a casa dun home que vendía ósos humanos, caveiras e esqueletos completos. Remata esta visita con esta frase: "Enseñounos unha chea de pelexas de cristiano tatuadas, por certo que algunhas eran ben fermosas". Ó ano seguinte, xa de volta a Galicia, publicou con este mesmo argumento unha das súas Cousas titulada Novela (e retitulada como Ramón Carballo. Novela cando recompilou no libro Cousas as primeiras 18 narracións, en 1926). Neste texto, nunha das peles tatuadas que lle mostra aquel home tiña gravado o nome de Ramón Carballo, emigrante fracasado que Castelao di que coñecera de rapaz.

O 27 de maio escribe que lle contaron "o disgusto dunha señora fidalga de París por morrérselle ... un canciño... Eu lembreime de camiño dos contos que se contan en galego de quen se lle morre unha vaca ... Amostrar istes dous sentimentos dá motivo pra un conto". Efectivamente, en 1922 publica unha das súas Cousas da vida co seguinte pé: "¡Probiña! Morreulle un canciño que lle chamaban Fifí...". E en 1927 [13] unha Cousa baixo o título Si eu fose autor na que esboza unha obra de teatro en dous actos: no primeiro morre a vaca dun labrego, entre as risas dos señoritos do patio de butacas; no segundo, morre o canciño da señorona, entre as risas do público humilde do galiñeiro.

Xa se comentou antes que o cartel en prol do Estatuto de Galicia (representando unha meniña dando de comer a unha vaca, mentres que un cacique a muxe) é unha recreación dun debuxo que fixo en Bruxas, pensando en Brueghel e no Bosco.

Notas editar

  1. Nesta primeira bolsa de viaxe que se lle concedeu fixo a viaxe el só. En 1929 concedéronlle outra para estuda-los cruceiros da Bretaña francesa, viaxe que realizou coa súa dona, Virxinia Pereira, e que se plasmou no libro As cruces de pedra na Bretaña.
  2. Este cadro foi encargado a Hubert van Eyck pero morreu sen rematalo. Continuou o seu irmán Jan, sen que se saiba que partes corresponden a un ou ó outro. Consiste nun retablo formado por 24 paneis -12 exteriores e 12 interiores-, que se abría nas grandes solemnidades.
  3. O cadro estivo no Colexio da Nosa Señora da Antiga en Monforte de Lemos ata 1913. Foi vendido a Alemaña por 1 260 000 pesetas. Hoxe coñécese tamén polo sobrenome de Retablo de Monforte.
  1. Os artigos que publica a revista Nós son, realmente, reelaboracións do que escribiu no Diario. Publicáronse tres, baixo os títulos de "Do meu diario: Dend'o mes de Xaneiro ó mes de San Xoan, en París" (Nós nº 10, 20.04.1922; 1-9); "Do meu diario: Dend'o mes de Nosa Señora ô mes de Todol-os Santos, en Alemaña" (Nós nº 16, 1.02.1923; 3-7); e "Do meu diario (Remate)" (Nós nº 18, 1.07.1923; 1-6). Paralelamente, publicou en dúas partes un artigo titulado "Cubismo", no que tamén aproveitou as experiencias e coñecementos adquiridos nesta viaxe, nos números 11, 26.06.1922, 4-9; e 12, 25.08.1922, 6-10.
  2. Dónega, Marino (prólogo e selección) (1964). Castelao. Escolma posible. Trasalba. Galaxia. ISBN 84-7154-068-1. OCLC 8680578. 
  3. A proposta da Xunta de Ampliación de Estudos, a Gaceta de Madrid do 30 de novembro de 1920 insería unha R.O. Por ela concedíase a Alfonso R. Castelao, profesor auxiliar de Debuxo do Instituto General y Técnico de Pontevedra, unha bulsa de viaxe para facer estudos da súa especialidade en Francia, Bélxica, Gran Bretaña e Alemaña (Paz Andrade:179-180).
  4. Xa fitei a Tour Eiffel, que me pareceu unha grúa moi grande, moi grande, feita por un inxenieiro.
  5. 29 de xaneiro.
  6. 31 de marzo.
  7. 20 de abril.
  8. 12 de xullo.
  9. 18 de xullo.
  10. Pode verse este debuxo na colección Castelao do Museo de Pontevedra.
  11. 21 de agosto.
  12. 13 de xuño. Cando publica en Nós os extractos da viaxe, di: "Farteime de rir nunha eisposición dadaísta".
  13. El Pueblo Gallego, 10 de abril de 1927.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar